O Sergas convoca as oposicións para 354 prazas en diversas categorías de persoal licenciado sanitario de atención primaria e 772 prazas de auxiliares de enfermería

Do total de prazas das diversas categorías de persoal licenciado sanitario, 254 ofértanse para médico de familia, 93 para pediatra de atención primaria e 7 para odontólogo de atención primaria

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as resolucións correspondentes a cada unha das categorías

O prazo de inscricións estará aberto ata o vindeiro 3 de xullo

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2019

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas polas que se convoca os concurso-oposicións para o ingreso nas categorías de médico de familia, pediatra de atención primaria, odontólogo de atención primaria e técnico en coidados auxiliares de enfermería. En concreto, convócanse un total de 254 prazas para a categoría de médico de familia, 93 para pediatra de atención primaria, 7 para odontólogo de atención primaria e 772 para persoal técnico en coidados de enfermería.

As persoas interesadas en formar parte do proceso selectivo deberán cubrir unha única solicitude de participación, en modelo normalizado, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/Expedient-e/Procesos/OPE). Este formulario estará dispoñible a partir de mañá. O prazo de inscrición é dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria, polo que rematará o vindeiro 3 de xullo.

Como novidades neste proceso, realizarase a verificación de certos requisitos de participación a través da plataforma de interoperabilidade da Xunta de Galicia, PasaXe!. Isto implica que as persoas aspirantes que non se opoñan no formulario de solicitude de participación á consulta a través da plataforma de interoperabilidade, non terán a obriga de achegar documentación acreditativa como o DNI ou NIE, o certificado de discapacidade ou o certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial se foron expedidos por organismos da Comunidade Autónoma de Galicia, e a certificación de antigüidade como demandante de emprego e de non percibir, no momento actual, prestación ou subsidio por desemprego en calquera parte do territorio nacional.

Fóra destes supostos e, no caso de opoñerse á consulta, os aspirantes deberán achegar a documentación acreditativa dos requisitos, tal e como se viña facendo habitualmente. A comprobación do requisito realizarase de xeito automático no momento de confirmar a inscrición e poderá confirmarse con posterioridade polo órgano convocante.

Os méritos a ter en conta na fase de concurso están recollidos na resolución da convocatoria que publica o DOG. As persoas interesadas deberán rexistralos debidamente no seu expediente profesional electrónico e acreditalos documentalmente na forma e prazos indicados na convocatoria.

Nesta convocatoria habilitouse a opción de presentación da instancia de participación no proceso electronicamente, mediante a súa sinatura con certificado dixital ou DNI electrónico.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/06/2019