A Asesoría Xurídica da Xunta confirma que a lexislación vixente impide acumular as prazas da OPE de 2020 coas de 2021

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional remitiulles ás organizacións sindicais o informe, tal e como acordaran na última reunión da Mesa Sectorial docente

Ante a imposibilidade da acumulación, a Consellería blinda a convocatoria actual coa apertura da inscrición o vindeiro luns 1 de xuño

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de remitirlles ás organizacións sindicais o informe xurídico sobre a posibilidade de que as prazas da Oferta de Emprego Público (OPE) 2020 se puidesen acumular coas da oferta do vindeiro ano 2021, tal e como se acordou na Mesa Sectorial docente celebrada a semana pasada.

Dito informe conclúe que, desde o punto de vista xurídico, non é posible a acumulación das prazas docentes previstas para a actual convocatoria (cuxas probas, debido á pandemia, houbo que pospoñer para o vindeiro ano) coas da de 2021, como demandaban os sindicatos. O motivo é que á eventual oferta do ano 2021 non se lle aplicaría o réxime especial e transitorio previsto na disposición transitoria terceira do Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, que si resulta de aplicación á oferta de emprego do ano 2020. É dicir, a oferta de emprego do ano 2020 e a oferta de emprego do ano 2021 réxense por normativa diferente.

A argumentación xurídica baséase en que a Lei de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018 (cuxas prórrogas fan que sexa a que siga vixente a día de hoxe) ampara unicamente as ofertas de estabilización de emprego temporal aprobadas e publicadas ata 2020; mentres que as ofertas de emprego público de 2021 deberán ampararse nunha nova Lei de orzamentos xerais do Estado.

Deste xeito, a asesoría xurídica sinala que coa normativa en vigor “non é posible acumular a oferta pública de emprego para o aceso aos corpos docentes regulados na lei orgánica 2/2006”, xa que se precisa “dunha lei de orzamentos do Estado para aprobar as ofertas de emprego publico de estabilización de emprego temporal do 2021 en adiante”.

Precisamente ante a inexistencia de normativa que permita a acumulación de prazas, e co fin de blindar o proceso e a totalidade das prazas da OPE deste ano, a Consellería de Educación decidiu manter a convocatoria actual e abrir a inscrición o vindeiro luns, día 1 de xuño.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/05/2020