O Sergas publica os resultados definitivos do proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario

Con esta publicación adiántase a actualización das listas das categorías sanitarias de primeira liña na loita contra a pandemia da covid-19

Resultaron admitidos un total de 3.081 aspirantes, o que representa un incremento medio do 9,20 % respecto do anterior ciclo de xeración

A categoría co maior número de aspirantes admitidos é a de médico de familia con 1.219 inscricións

Santiago de Compostela, 17 de marzo do 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, as puntuacións definitivas do proceso de actualización de listas de selección temporal das categorías de Enfermaría especializada en: saúde mental, enfermaría do traballo, enfermaría familiar e comunitaria, enfermaría obstétrico-xinecolóxica, enfermaría pediátrica, médico de familia, médico de urxencias hospitalarias e pediatra de atención primaria.

O número total de aspirantes admitidos é de 3.081, o que representa un incremento medio do 9,20 % respecto do anterior ciclo de xeración, e dos que 1.219 corresponden á categoría de médico de familia. Ademais, esta categoría foi a que rexistrou o maior número de aspirantes admitidos. No proceso, só resultaron excluídas o 0,81% das solicitudes de participación.

Co obxecto de asegurar o maior número de dispoñibles posibles para reforzar a atención sanitaria derivada da pandemia, e respecto do anterior proceso de actualización, adiántase a publicación das listaxes definitivas en máis de 6 meses (as listas derivadas do anterior proceso de actualización xeráronse en setembro de 2020).

Con este adianto, dáse cumprimento ao compromiso asumido pola Dirección Xeral de Recursos Humanos de anticipar a publicación dos resultados definitivos do proceso de actualización das listas de selección temporal das distintas categorías, priorizando as deficitarias e directamente vinculadas á atención sanitaria da pandemia covid-19, contido na Orde da Consellería de Sanidade do 27 de novembro de 2020, pola que se aprobou o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19) pactado na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, coas organizacións sindicais CC.OO, CSI-F e SATSE.


As listas atópanse publicadas, a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polos aspirantes no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

A efectos de chamamentos, entrarán en vigor a partir do 18 de marzo.

Próximas publicacións

Proximamente publicaranse os resultados provisionais do proceso de actualización das seguintes categorías: facultativo especialista de área de psicoloxía clínica, farmacéutico de atención primaria, fisioterapeuta, logopeda, médico asistencial do 061, médico coordinador do 061, facultativo especialista de área de medicina do traballo, odontólogo de atención primaria, terapeuta ocupacional e traballador social.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 17/03/2021