O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, informou en rolda de prensa do funcionamento e as previsións da oferta na Comunidade

A Xunta blinda as oposicións docentes con 2.628 prazas en 2022 nunha convocatoria na que rexerá o mesmo procedemento vixente ata o momento

Tendo en conta que o Goberno Central non publicou o Real Decreto cos cambios, mantense o sistema para dar certezas aos opositores

Adiántase o proceso para darlle seguridade e por respecto ás persoas que levan meses preparando as probas

Para cumprir coa legalidade e favorecer a estabilización, convocarase a maiores un concurso de méritos que elevará a máis de 3.000 as prazas

Galicia é a CCAA con menor porcentaxe de interinidade, un 8%, e a primeira en aclarar e pechar o proceso para este ano

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2022
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e o directo xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo; presentaron hoxe en rolda de prensa a oferta de emprego público docente que a Xunta de Galicia vai executar neste ano 2022. Serán un total de 2.628 prazas que se rexerán polo procedemento vixente ata o momento, ofrecendo certezas aos opositores que están a estudar conforme ao sistema habitual estipulado para estas probas. “Deste xeito Galicia convértese na primeira comunidade autónoma de todo o Estado en aclarar e pechar como será o proceso neste ano 2022”, destacou o conselleiro.

A maiores, e tal e como establece o Real Decreto que pretende publicar o Goberno Central para modificar de xeito transitorio o sistema de oposicións, a Xunta convocará ao longo do ano un concurso de méritos dirixido aos interinos, que elevará a máis de 3.000 as prazas docentes totais ofertadas en Galicia en 2022.

Cómpre lembrar que o Ministerio de Educación anunciou no medio do Nadal a súa intención de, de xeito transitorio e ata 2024, facer cambios no sistema para favorecer que os interinos acaden praza e que se reduza ao 8% a temporalidade no ensino, unha cifra que Galicia xa ten.

“Isto, loxicamente, xerou unha gran inquietude entre os novos aspirantes a profesores, os recén titulados, que vén mermadas as súas posibilidades de acadar unha praza”, dixo Román Rodríguez. “Opositores que preparan este duro proceso con moitas horas de traballo, esforzo e cartos e que merecen o noso máximo respecto”, engadiu.

“Galicia xa conseguiu o obxectivo do 8% de profesores interinos grazas ás convocatorias de oposicións celebradas no último lustro, con máis de 9.000 prazas”, destacou o conselleiro. Así, explicou que Galicia “é a CCAA con menor temporalidade docente de todo o Estado”, moi lonxe do 25% de media nacional, polo que o cambio que propón o Ministerio “en Galicia non ten sentido”.

Proceso pechado en xaneiro

Román Rodríguez explicou que este mesmo venres se vai informar ás organizacións sindicais na mesa sectorial da distribución das 2.628 prazas por especialidades. A partires de aí, o Consello da Xunta aprobará a oferta de emprego público do 2022 e antes de que remate o mes publicarase a convocatoria para as prazas aprobadas.

Os exames para estas prazas celebraranse en xuño e xullo e baixo o sistema habitual, dado que tanto a oferta de emprego público como a convocatoria van estar publicadas antes da oficialización do Real Decreto do Goberno Central. “En definitiva, a Xunta vai blindar dentro deste mesmo mes o proceso de oposicións docentes tal e como o coñecemos”, salientou o conselleiro.

A maiores, antes de que remate o ano, publicarase un concurso de méritos adicional para os interinos, “co que daremos cumprimento ao que marque o Ministerio, contribuiremos á estabilización destas persoas e elevaremos o total de prazas convocadas en Galicia neste ano a máis de 3.000”, indicou o titular de Educación da Xunta.

“Mantemos a folla de ruta prevista e adoptamos unicamente aqueles aspectos aos que nos obriga a normativa estatal para dar seguridade ao proceso”, resumiu Román Rodríguez.

Piar fundamental do sistema

“Galicia adiántase ao resto do Estado para transmitir unha mensaxe de máxima tranquilidade ás persoas que están neste momento estudando para as oposicións”, afirmou o conselleiro. “Ofrecemos aos opositores certezas, cun sistema que xa coñecen e para o que se están a preparar; números de prazas, máis de 3.000 este ano; e datas, confirmando que este verán se celebrarán probas”, manifestou.

“Facémolo ademais –sinalou–sen faltar á legalidade, dado que celebraremos un concurso de méritos adicional para dar cumprimento á normativa transitoria do Estado”.

“O noso compromiso cos docentes como piar fundamental do sistema educativo é claro e, como consecuencia, cremos que non é de recibo cambiar as normas de xogo das oposicións cos procedementos en marcha, xerando preocupación e incertezas”, incidiu Román Rodríguez.

“Por iso desde Galicia decidimos adiantarnos, sendo a primeira CCAA en poñer as cartas sobre a mesa e pechar o funcionamento do proceso para 2022, con todos os datos claros”, rematou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/01/2022