Trenor supervisa a reforma executada no centro de saúde de Bergondo

Renováronse de xeito íntegro a cuberta e a carpintería exterior do edificio e efectuáronse melloras no acceso e na climatización

As actuacións tiveron un orzamento de case de 307.000 euros e foron froito dun convenio entre Xunta e o concello de Bergondo ao tratarse dun edificio de titularidade municipal

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 106 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

Bergondo (A Coruña), 11 de xaneiro de 2023
Compartir
  • whatsapp

O delegado territorial de la Xunta en A Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola subdirectora médica de Atención á Cronicidade, Concepción Blanco Sánchez da área sanitaria de A Coruña e Cee e pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, visitaron as obras de reforma do centro de saúde de Bergondo.

O orzamento executado foi de case 307.000 euros e foi froito dun convenio entre Xunta e Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

As obras consistiron na renovación de toda a cuberta e da carpintería exterior, na construción de marquesiña e porche de acceso cuberto dende a zona de ambulancia, en cortar a reixa existente para poder dispoñer de dúas portas ambisagradas no peche metálico existente próximo a sala covid, no pintado interior de todo o edificio, na instalación de calefacción mediante bomba de calor e na adecuación da instalación eléctrica á normativa vixente.

Colaboración cos concellos

A Xunta de Galicia colabora de xeito habitual cos concellos no financiamento de obras de reforma en centros de saúde que, coma este, son titularidade dos concellos galegos. Nesta lexislatura, o goberno galego asinou máis de 25 convenios para achegar máis de 832.000 euros a reformas de centros de saúde dos que tamén sufraga os custos ordinarios de mantemento.

Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para o 2023 a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. En particular, o Concello de Bergondo recibiu no 2022 a cantidade de 24.253,14 euros para financiar os mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 106 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia, Ribadavia e O Porriño). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de A Coruña, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Oleiros, Espasante-Ortigueira, Vilarmaior, Agualada-Coristanco, A Coruña (Novo Mesoiro), Sigüeiro-Oroso, As Somozas, Cambre-O Temple, Buño-Malpica, Santiago (Galeras), Arteixo (Villarodis), Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Milladoiro, Melide e Narón e reformáronse os de Cambre, Padrón, Ferrol-Serantes, Ortigueira, As Pontes, Ribeira, Mugardos e Bertamiráns.

 

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Oza-Cesuras, Arteixo, Cabanas, Valdoviño, Malpica, Padrón, Coristanco, Cee, Monfero e A Pobra do Caramiñal.

 

Para continuar con este esforzo, no 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de A Coruña, prevé construír 10 novos centros de saúde, nos concellos de Abegondo, A Coruña, Teo, Noia, Ribeira, Porto do Son, Fisterra, Ferrol e Fene e reformar e ampliar os centros de saúde de Santiago (Conxo), o de Culleredo e o de Carballo para transformalo en Centro Integral de Saúde.

 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 11/01/2023