A Xunta amosa o seu malestar co Ministerio de Sanidade por non consultar nin debater a retirada das máscaras no transporte público

Este tipo de decisións, dixo hoxe o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, deben ter un soporte técnico e “hai que escoitar aos expertos”

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2023

Galicia afea ao Ministerio de Sanidade por non acordar a decisión sobre a retirada das máscaras no transporte público. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, criticou hoxe pola tarde, na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, celebrada de xeito telemático, ”as maneiras” de informar sobre este decisión que o Ministerio elevará ao Consello de Ministros.

 

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego manifestou, na xuntanza desta tarde, o malestar, non só de Galicia, senón, tamén, doutras comunidades autónomas, por non consultar nin debater sobre a retirada das máscaras no transporte público, que non levou nin á ponencia de alertas, nin tampouco á Comisión Nacional de Saúde Pública. A Xunta de Galicia sempre defendeu que este tipo de decisións deben ter un soporte técnico e “hai que escoitar aos expertos”. Sanidade considera que a ministra non respectou o espírito de cogobernanza que debe presidir este tipo de toma de decisións.

 

Doutra banda, sobre o Plan de Infraestruturas e equipamentos do Ministerio de Sanidade, o máximo responsable da sanidade pública galega subliñou que os fondos destinados á nosa comunidade autónoma, ao redor de 37 millóns de euros, por suposto “son benvidos, aínda que nin novas infraestruturas, nin novo equipamento poderán resolver o principal problema que ten a sanidade pública nestes momentos, que é a falta de médicos especialistas”. “Necesitamos médicos de familia”, -reiterou o conselleiro-. Así, os fondos que o Ministerio de Sanidade destinará á atención primaria galega equivalen ao 2,4% do presuposto que a Xunta dedica a este nivel asistencial.

Data de actualización: 02/02/2023