Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 24 de abril de 2012 Páx. 15059

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2012 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 8 de marzo de 2012, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00, nos concellos de Cee, Vimianzo e Dumbría.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como o disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 8 de marzo de 2012, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00, nos concellos de Cee, Vimianzo e Dumbría.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2012.

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral
de Calidade e Avaliación Ambiental, con data do 8 de marzo de 2012, relativa ao estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00, nos concellos de Cee,
Vimianzo e Dumbría (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral
de Infraestruturas. Clave 2009/0207

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 21 de decembro de 2009, aprobou provisionalmente o estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00, nos concellos de Cee, Vimianzo e Dumbría (A Coruña).

O trazado ten a súa orixe no final no final do treito Baio-Berdoias e o seu punto final enlaza co inicio do treito: Cee-Brens.

No anexo I resúmese o contido do trazado do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no Estudo de Impacto Ambiental.

Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6.a do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con data do 12 de xullo de 2010 publícase no DOG n.º 131 a Resolución do 1 de xullo de 2010, da Dirección Xeral de Infraestruturas, pola que se somete a información pública o estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00, nos concellos de Cee, Vimianzo e Dumbría (A Coruña).

Durante este período foron presentadas alegacións por parte de particulares e administracións locais e provinciais, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental e, no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data do 20 de outubro de 2011, ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Dirección Xeral de Infraestruturas, no que se inclúen certificados de exposición, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Augas de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña, o Servizo Provincial de Estradas da Coruña e os concellos de Vimianzo e Cee.

Formalizada a tramitación, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00, nos concellos de Cee, Vimianzo e Dumbría (A Coruña).

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación descrita é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano –por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo–, poderá ditar para os sos efectos ambientais condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que acheguen unha maior protección do medio. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, achegando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada esta declaración, non podendo comezar as obras antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

A. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese ás obras definidas no documento estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00, nos concellos Cee, Vimianzo e Dumbría, na provincia da Coruña, na configuración relativa á Alternativa D, recollida no conxunto de planos n.º 5.05, título: Alternativa seleccionada-decembro 2009 do estudo informativo e estudo de impacto ambiental do corredor Carballo-Fisterra, treito: Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Protección dos niveis sonoros.

2.1. Cumprirase co disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 13 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, así como, se é o caso, o estipulado nas ordenanzas municipais ao respecto.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.1. No control topográfico dos límites das zonas de obra e da localización de todas as infraestruturas proxectadas, quedará especialmente clara a delimitación do dominio público hidráulico, polo tanto procederase ao balizamento ou sinalización axeitada dos tramos dos diferentes cursos de auga afectados polas obras, limitándose o seu acceso soamente para os casos nos que sexa imprescindible para a realización das obras da estrutura de drenaxe de paso dos ditos cursos de auga.

3.2. Evitarase modificar as redes de escorreita para non influír nos ecosistemas naturais situados augas abaixo da infraestrutura. Neste marco, deberanse colocar tantas estruturas de drenaxe transversal como valgadas teña o terreo e dimensionarase axeitadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación.

Estas estruturas deberán poder ser empregadas como paso por parte da microfauna, polo que os ditos pasos se deseñarán con largo suficiente e de xeito que non se xeren saltos ou desniveis entre as súas embocaduras e os terreos circundantes. Ademais, deben ser consideradas como pasos bidireccionais para a fauna, polo que estarán desprovistas de estruturas de caída vertical que impidan o retorno, previndo que todas as especies que caian poidan saír. Irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

Ademais, no deseño da rede de drenaxe lonxitudinal, deberase ter en conta o permitir o mantemento dos fluxos actuais de escorremento e rede fluvial, sen xerar transvasamentos en concas. Este criterio deberá presidir o deseño da rede de drenaxe lonxitudinal, para alterar o menos posible a drenaxe natural do terreo, evitando, en todo caso, a concentración de escorrementos en concas ou valgadas distintas daquelas nas que naturalmente evacuarían. Deberanse estudar solucións que permitan que as augas drenadas da plataforma, desmontes e noiros sexan devoltas ao terreo do xeito máis inmediato, por medio de foxos filtrantes, non podendo ser obras de fábrica impermeables ou actuacións similares.

3.3. Para evitar a erosión na incorporación das augas á rede natural de drenaxe, colocaranse sistemas de disipación de enerxía (escachados de pedra, pequenos diques, etc.) nos puntos de vertedura ao medio desta rede. Así mesmo, nestes puntos débense impedir os fenómenos de asolagamento e deposición.

3.4. Para as verteduras que se realicen ao medio natural, xa sexan augas de escorremento, sanitarias e/ou pluviais, así como para a realización de captacións de auga, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo de cunca, neste caso Augas de Galicia. No caso de que a vertedura se realice cara á rede de saneamento da zona, deberase dispoñer da autorización do xestor da dita rede.

3.5. Prohíbese verter nos leitos dos cursos fluviais restos de formigón ou cemento, lavar materiais ou ferramentas que estiveran en contacto con eles, así como os cambios de aceite da maquinaria de construción.

Durante a fase de remocións de terras necesarias para achaiar os viarios terase especial coidado de que non haxa achegas de materiais á rede de escorreita.

3.6. Nos labores de mantemento dos foxos e dos sistemas de drenaxe, evitarase o emprego de herbicidas, realizando os ditos labores exclusivamente por medios mecánicos e/ou manuais.

3.7. Tomaranse todas as medidas necesarias para evitar afeccións ao dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía, construíndo gabias receptoras e balsas de decantación deseñadas para absorber a auga de escorreita con sólidos en suspensión antes de chegar aos leitos, facendo o mantemento da maquinaria en lugares adecuados, deseñando as obras de drenaxe acorde coa lexislación en materia de augas, protección de vexetación de ribeira, revexetación do terreo descuberto, etc.

Todas as obras provisionais que sexan precisas para a execución do proxecto sempre precisarán autorización previa da administración hidráulica se se sitúan no dominio público hidráulico ou na zona de policía de leitos.

3.8. Os movementos de terras próximos ós canles contarán con balsas de decantación para evitar que as choivas arrastren sólidos en suspensión que contaminen as augas continentais. Así, as augas susceptibles de ser afectadas polas labores da execución da obra cumprirán, en todo momento (incluso na época de estiaxe), o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima exixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

3.9. Todas as áreas contiguas aos eixes hídricos deben considerarse como zonas de non afección, cumprindo en todo momento o establecido na Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial e no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. En relación con isto, tódolos traballos que puideran afectar aos cursos fluviais deberán ser executados en período de estiaxe para minimizar o impacto sobre os seus ecosistemas.

3.10. O cruzamento dos cursos de auga deberán realizarse preferentemente mediante estruturas que, presentando a capacidade hidráulica precisa para o desaugue de avenidas extraordinarias, non alteren o leito fluvial. Os estribos e zapatas deberán estar situados a unha distancia mínima dende o bordo do curso. As citadas estruturas deberán presentar trazado perpendicular á dirección do fluxo, sen que a súa construción poida representar alteracións na mesma.

3.11. Deberase obter a preceptiva autorización do organismo de cunca, neste caso, Augas de Galicia; para a execución das obras en zonas de Dominio Público Hidráulico ou de policía, as construcións, cortas e plantacións ou calquera outro uso ou actividade que supoñan un obstáculo para a corrente en réxime de avenidas ou poidan ser causa de degradación ou deterioro do Dominio Público Hidráulico.

3.12. En xeral, para o cálculo e deseño das obras de fábrica proxectadas, e debido a realización de obras en Dominio Público Hidráulico, deberase considerar a normativa incluída na Lei de augas (texto refundido aprobado polo R.D.L. 1/2001, do 20 de xullo), o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/86, do 11 de abril (modificado polo Real decreto 606/2003, do 23 de maio e polo Real decreto 9/2008, do 11 de xaneiro), e as normas incluídas no Plan Hidrolóxico Galicia Costa.

3.13. O trazado podería afectar á permeabilidade territorial de algunhas zonas e algunhas fontes e/ou captacións de auga existentes. Neste senso, terase en conta que:

• Deberán manterse os servizos e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras fora preciso cortar o paso de algunha vía, deberanse implementar rutas alternativas que presten o mesmo servizo.

• Estableceranse as medidas precisas para procurar manter os usos actuais existentes, no que se refire ás fontes e/ou captacións que se poidan ver afectadas.

3.14. Dado que as actuacións supoñen o cruzamento sobre os ríos Berdeogas e Fragoso, integrados na conca do Castro, de importancia piscícola, débese manter como prioritario o cruzamento sobre dita rede fluvial mediante estruturas tipo viaduto, evitando, na medida do tecnicamente posible a disposición de pilas no leito; así como tamén de pilas e estribos no ámbito dos canles e ribeiras; polo que o Proxecto Construtivo deberá expor co nivel de detalle e dotación orzamentaria suficiente como para que se considere unha medida directamente executable; o deseño das oportunas e especificas medidas preventivas, de control e corrección da potencial incidencia das obras sobre a calidade das augas e medios fluviais; así como dos adecuados protocolos de seguimento e control das mesmas.

Neste marco, o deseño das estruturas de cruzamento sobre os ríos Berdeogas e Fragoso terán en conta a altura media do arboredo de ribeira nas zonas, así como a súa composición florística e estado de conservación, todo isto co obxecto de evitar afeccións sobre el.

3.15. Deberase maximizar o respecto por aqueles cursos fluviais e a súa vexetación que sexa interceptada polo trazado previsto, segundo o artigo 1 da Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e mellora dos ríos galegos, que declara de interese xeral a conservación do patrimonio natural fluvial da Comunidade Autónoma de Galicia, e así mesmo, o artigo 16 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial que declara de interese xeral a conservación das formacións vexetais nas marxes dos ríos e regueiros.

3.16. No proxecto construtivo deberán primar o emprego dos viadutos e pontes nos puntos de intersección, entre leitos fluviais e infraestruturas lineais para que non se afecten os leitos dos cursos fluviais nin os desprazamentos da fauna asociada nas épocas de estiaxe debido á escasa lámina circulante ou á elevada velocidade (é o caso das estruturas tipo marco ou tubo). Ademais, para protexer a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial, deberanse colocar os estribos das pontes ou moreas a máis de 5 metros a cada lado do leito, para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia así como permitir o paso de pescadores.

4. Protección do solo.

4.1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, estando prohibido ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirados cando estas finalicen.

4.2. Tamén se procederá ao balizamento, ou se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se é tecnicamente posible os tocos non se eliminarán, sobre todo, se están na ribeira dos cursos fluviais.

4.3. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto, procedéndose á reparación das deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

4.4. Localizaranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios, etc.), primando o uso dos espazos ocupados pola traza fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nos formigonados un sistema de recollida, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.

4.5. No caso de necesitar materiais de préstamo, recurrirase sempre a actividades autorizadas para este fin, debéndose evitar, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se vaian empregar para a construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonados, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco exixentes xeotecnicamente, etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

4.6. Non estando previsto a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha planta propia, someterase ao informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4.7. A xestión da terra vexetal que se empregará na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o que se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior do amoreamento, etc.).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.

4.8. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

4.9. Na documentación avaliada faise referencia á existencia dun volume de sobrantes dos movementos de terras. Respecto disto, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan no medio ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte a outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se encontren naturalizados e integrados no medio. Previamente ao depósito destes sobrantes, contarase, se é o caso, cos correspondentes permisos.

4.10. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o máis axiña posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de ser necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibras naturais.

Así mesmo, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos, etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen emprazadas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

4.11. Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fóra de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre a xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que as administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes dos ditos residuos sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na Orde Circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas, sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no Manual de emprego de pneumáticos fóra de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde Ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de prescripcións técnicas xerais para obras de estrada e pontes (PG-3).

5. Xestión de residuos e verteduras.

5.1. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

5.2. Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente, primando a reutilización e a reciclaxe fronte á vertedura.

Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está levando a cabo esta secretaría xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica, etc.), sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a xestor autorizado.

5.3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5.4. Non se queimarán residuos, material excedente, restos vexetais e/ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras, salvo que se obteña o oportuno permiso.

5.5. Tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar derramas accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. No deseño das pantallas acústicas incorporarase todas as medidas correctoras e protectoras necesarias para evitar que se produzan colisións da avifauna contra elas.

6.2. Os traballos que puidesen prexudicar a fauna na súa época de cría, faranse fóra desta. No caso de que non sexa posible, iniciaranse antes do período máis sensible, evitando así que a afección se produza sobre animais en reprodución.

6.3. Cara á minimizar a posibilidade de impacto do proxecto sobre especies da flora e fauna de interese especial presentes no territorio, o proxecto construtivo integrará os resultados dunha prospección a realizar ao respecto da presenza e/ou uso do territorio afectado polo trazado das seguintes especies: Isoetes longissimun, Chioglossa lusitanica, Discoglosus galganoi (Rana Ibérica), Hyla arbórea, Pelobates cultripes, Circus pygargus; de forma que considere co nivel de detalle e dotación orzamentaria suficiente como para que se considere unha medida directamente executable; o deseño das oportunas e especificas medidas preventivas, de control protectoras e correctoras; así como os adecuados protocolos de verificación e control de impactos e medidas correctoras; debendo integrarse estes últimos no Programa de Vixilancia Ambiental e redactar para a súa aplicación en fase de obra e explotación da infraestrutura.

6.4. Para evitar a fragmentación dos hábitats, completarase o estudo de corredores faunísticos no territorio realizado na fase de EsIA, así como a proposta de permeabilización da infraestrutura ao paso da fauna; con base nos resultados dunha prospección que se vai realizar a respecto da presenza e/ ou uso do territorio afectado polo trazado polas especies inventariadas no territorio e, especificamente, Sus Scrofa, Canles Lupus e Vulpes Vulpes, para os que se ten constancia de atropelos na zona.

6.5. Para iso, preverase a disposición de pasos de fauna naqueles puntos que funcionen como corredores ecolóxicos, integrando as adaptacións precisas para asegurar a súa funcionalidade como tales, polo que o Proxecto Construtivo deberá expor co nivel de detalle e dotación orzamentaria suficiente como para que se considere unha medida directamente executable; o deseño das oportunas e especificas medidas de adaptación do trazado da fauna; así como dos adecuados protocolos de seguimento e control destas; debendo integrarse estes últimos no Programa de Vixilancia Ambiental que se vai redactar para a súa aplicación en fase de obra e explotación da infraestrutura.

Neste marco, considerase a presenza das especies sinaladas, así como a análise das súas zonas de paso preferente, co obxecto de permeabilizar o trazado en devanditos ámbitos e para reducir a sinistralidade do novo viario por esta causa.

Igualmente, considérase a necesidade de evitar a intrusión lumínica na proposta de permeabilización da vía ao paso da fauna.

6.6. De atoparse ou demostrarse a existencia de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas prohíbese calquera actuación que lles afecte. Neste suposto, comunicarase ao Servizo de Conservación da Natureza para tomar medidas oportunas e, se é o caso, solicitar a correspondente autorización administrativa, segundo recolle o artigo 11 do Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

6.7. Terase en conta o establecido no punto 3 do artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natura e da biodiversidade, para non afectar os hábitats de interese comunitario recollidos no Inventario Nacional de Hábitats, poñéndoo en coñecemento do Servizo de Conservación da Natureza da Coruña.

6.8. Evitar modificar as zonas de escoamentos para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura. Neste sentido, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo, e dimesionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Esta medida será utilizada como paso pola pequena fauna (anfibios, réptiles e micromamíferos).

6.9. As estruturas transversais que funcionen como pasos de fauna irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así conseguir diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

6.10. Todas as augas procedentes de formigonados, especialmente no caso dos procesos construtivos das moreas dos viadutos, derivaranse e someteranse a un sistema de desbaste e decantación de sólidos, regulación do pH e eliminación de aceites e graxas.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Todos os elementos patrimoniais recollidos e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obra, incluída a propia traza. Estes elementos e o seu contorno deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

7.2. O proxecto construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no que se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. O dito plan deberá considerar a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio da obras.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, de ser necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

7.3. Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e no Decreto 199/19997, do 10 de xullo, que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa citada dirección xeral.

7.4. No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

7.5. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera cambio na localización ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que puidesen afectar o patrimonio cultural, está circunstancia deberá comunicarse á secretaría xeral o máis axiña posible.

7.6. No que respecta á alternativa seleccionada (D), deberá terse en conta que o elemento ETN/06 Muíño da Covada, pode verse severamente afectado cando se proxecte a futura autovía e o enlace de Dumbría; polo que no proxecto de trazado se deberán estudar os axustes oportunos nesta zona para preservar o muíño e os seus elementos anexos, garantindo a conexión e continuidade da súa canle de abastecemento, en previsión da súa potencial recuperación.

7.7. Tendo en conta que a análise dos recursos culturais, nesta fase é o primeiro achegamento baseado na información dispoñible en catálogos e no resultado da prospección extensiva da zona, estímase que, co obxecto de poder determinar a afección das obras ao patrimonio arquitectónico e etnográfico, é necesario un estudo especifico da alternativa seleccionada, baseado nunha prospección intensiva da zona afectada, de cara a valorar o impacto que se poida producir sobre a totalidade do patrimonio cultural e establecer medidas correctoras concretas que se precisen para eliminar ou minimizar o impacto.

7.8. Desde o punto de vista da arqueoloxía con caracter xeral deberán cumprirse as seguintes condicións:

– Realizaranse as modificacións do trazado no contorno dos elementos denominados Mámoa 5 de Prado Rei (GAI 5034046), Mámoa 4 de Prado Rei (GAI 5034045), Mámoa 3 de Prado Rei (GAI 5034044) e Mámoa 2 Prado Rei (GAI 5034043); co fin de evitaren a afección sobre o seu contorno de protección.

– Na fase previa á redacción do proxecto de trazado ou construción deberá levarse a cabo un estudo especifico de avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural da alternativa seleccionada. O dito estudo deberá recoller os resultados dunha prospección arqueolóxica da totalidade da superficie que ocupará esta e o seu ámbito de 200 m a cada lado, tomado dende o límite exterior da zona de ocupación, así como dos ámbitos das áreas de instalacións auxiliares, préstamo, amoreamento, parques de maquinaría, etc. O dito traballo terá que ser levado a cabo por técnicos arqueólogos.

– Este tipo de actuacións reunirán os requisitos do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, e requiren de autorización por parte da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, logo de presentación dun proxecto redactado por técnico competente no Servizo de Arqueoloxía da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais. En función dos resultados dos ditos traballos será necesario establecer as medidas protectoras e/ou correctoras oportunas, entre as que se debería considerar, de ser necesario, a adopción de modificacións no trazado.

– Deberá terse en conta que, de acordo co establecido no artigo 11, Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, nun prazo máximo de 6 meses deberá presentarse a Memoria Técnica na que se reflictan os resultados dos traballos arqueolóxicos levados a cabo. Se é o caso, e no mesmo prazo, deberá presentarse copia da acta de depósito dos materiais arqueolóxicos, o seu inventario e demais documentación complementaria.

7.9. O proxecto de trazado e/ou construción, no que se deberá incluír o estudo de avaliación de impacto sobre o patrimonio cultural, terá que ser remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para protección e salvagarda dos diferentes elementos do patrimonio cultural, así como a valoración económica da execución das ditas medidas. O dito plan deberá considerar cando menos a necesidade de levar a cabo un control e seguimento arqueolóxico da fases de replanteo, de execución de obra e restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado por esta dirección xeral, na fase previa ao inicio das obras.

En todo caso, terase en conta que o control e seguimento arqueolóxico das obras deberá prestar especial atención á fase de roza, polo que a metodoloxía do proxecto de intervención arqueolóxica, o equipo técnico e o tempo de execución dos traballos previsto neste, deberán garantir o seu axeitado desenvolvemento.

7.10. Desde o punto de vista da protección do patrimonio e conservación dos valores do Camiño de Santiago darase cumprimento ás seguintes condicións:

– As zonas de estacionamento e/ou amoreamento non se situarán en zonas que afecten elementos de interese patrimonial nin os seus contornos de protección. Con respecto ao Camiño de Santiago non deben cambiar as condicións paisaxísticas do seu contorno ou elementos relevantes da xeografía do lugar. Garantirase a súa restitución paisaxística coherente co existente orixinariamente.

– O paso inferior do Camiño baixo a infraestrutura proporá unha solución na que se garanta a máxima entrada de luz, propiciando así o pase sen perigo e a fixación de vexetación herbácea e arbustiva nas marxes inclinadas. Esta entrada de luz propíciase cun largo axeitado e/ou coa creación de seccións trapezoidais abertas no cume. Proporase tamén o mantemento do carácter do Camiño en cada treito no tocante aos acabados materiais.

Como alternativa poderíase unificar o paso do Camiño co da estrada C-550 mediante un viaduto ou outro tipo de estrutura que, polas súas dimensións máis amplas, garanta a máxima entrada de luz.

No tocante á reposición de camiños:

– En xeral non se realizarán intervencións no contorno do Camiño de Santiago que afecten o seu carácter peonil ou muden o seu carácter tradicional.

– Alí onde a reposición de vías coincida co Camiño de Santiago deberá deixarse unha vía exclusiva para peóns de 3 metros de largura.

7.11. Durante as obras non se intorremperá o paso dos peóns, debendo adoptar as medidas precisas para que se transite con seguridade.

7.12. Non se intervirá en elementos anexos ao camiño de carácter natural ou tradicional (muros ou valos, vexetación á marxe, fontes...).

7.13. Incluirase a traza do Camiño en todos os planos de obra.

7.14. Desde o punto de vista arqueolóxico e respecto ao Camiño de Santiago nas seguintes fases do proxecto darase cumprimento ás seguintes condicións:

– Con respecto á configuración de drenaxes nas marxes do Camiño de Santiago proporá solucións axeitadas á existencia dun Camiño Histórico. Garantirase que o Camiño non estea afectado por escorrementos de auga, pasando para o lado de menor cota e propoñendo medidas de revexetación con especies arbustivas de ribeira alí onde sexa preciso. Con carácter xeral as drenaxes proxectadas nos contornos de protección serán acordes coa paisaxe.

– As balsas de decantación proxectadas serán tamén acordes coa paisaxe e terán un carácter provisorio, debendo ser retiradas unha vez rematadas as obras.

– Coidarase que os noiros, especialmente á da beira do Camiño, revexetando con especies autóctonas adecuadas ao contorno de protección dun ben patrimonial, indicando estas.

7.15. A actuación proxectada afecta tamén elementos do contorno do Camiño, producindo afeccións visuais dada a proximidade das vías de comunicación, histórica e proxectada. Con respecto a estas afeccións faranse as seguintes consideracións.

– Con respecto ás areas auxiliares en xeral deberán estar indicadas as vías que vai empregar a maquinaria na construción, coidando de non empregar aquelas que teñan asociados elementos sensibles como poden ser peches de pedra, vexetación asociada ao camiño ou outros elementos singulares que poidan existir (fontes, cancelas, lousados) ou mesmo construcións. Con carácter xeral, non se permite a utilización do Camiño de Santiago nin outros camiños tradicionais que teñan asociados estes elementos. De ser imprescindible o uso de esas vías, deberá ser solicitada a autorización pertinente á esta dirección xeral que establecerá as medidas cautelares oportunas.

7.16. No tocante á reposición de camiños a realización doutros novos:

– En xeral non se engadirán novas vías que conecten con Camiño Histórico, ou aquelas intervencións no seu contorno que afecten o carácter peonil do camiño, segundo o artigo 9 da Lei 3/1996, ou muden o seu carácter tradicional.

– Alí onde a reposición de vías coincida co Camiño de Santiago, deberá deixarse unha vía exclusiva para peóns de 3 metros de largura.

– Deberase indicar que camiños se van a empregar durante as obras. Estes camiños non afectarán estruturas tradicionais de camiños antigos, como muros de pedra ou vexetación autóctona. En xeral, non se empregará o Camiño Histórico como vía de apoio ás obras, sobre todo alí onde o carácter do Camiño sexa máis tradicional.

7.17. Coidarase que as canteiras que estean en contornos de protección de bens patrimoniais estean debidamente autorizadas, en especial, revisaranse as autorizacións da canteiras que se propoñen dentro do territorio histórico dos camiños de Santiago.

7.18. En xeral, para os vertedoiros autorizaranse aqueles que non afecten elementos de interese patrimonial nin os seus contornos de protección. Con respecto ao Camiño de Santiago non se autorizarán aqueles vertedoiros que cambien as condicións paisaxísticas do seu contorno ou elementos relevantes da xeografía do lugar.

8. Integración paisaxística e restauración.

8.1. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendido de mantas de fibras naturais, etc.).

8.2. Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.

8.3. Procurarase a integración estética ao medio das obras que se van executar, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. As superficies afectadas polas obras ou aquelas zonas que se pretendan repoboar, recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Ademais, levarase a cabo o seu correspondente seguimento para conseguir o fin esperado.

Neste sentido, redactarase un proxecto de integración paisaxística no que se desenvolvan detalladamente os labores de revexetación descritos no estudo de impacto ambiental do Estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, clave AC/06/194.00. Así, neste proxecto definiranse os traballos segundo as diferentes zonas que se vaian revexetar (noiros en desmontes e terrapléns, ribeiras dos leitos fluviais afectados, contorno das embocaduras dos pasos da fauna instalacións e vías auxiliares, etc). Considerarase o indicado neste marco polo estudo de fauna a que se refire o punto 6 desta DIA.

Afondarase na definición de detalle dos viadutos, do resto de actuacións e das medidas de integración paisaxística na fase posterior de proxecto de trazado, unha vez que se coñezan os axustes de trazado que nel se propoñan respecto á alternativa seleccionada no estudo informativo.

Así mesmo, no que respecta ás especies que se van empregar na revexetación atenderase ao disposto na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa dos incendios forestais de Galicia, no referente á limitación e uso de especias. Incluiranse, arbustos e árbores autóctonas da zona afectada, sobre todo no que se refire á vexetación de ribeira dos cursos fluviais afectados pola traza, sempre que esta se vexa afectada, e co fin de protexer o ecosistema e de mellorar a integración paisaxística da actuación.

8.4. Desenvolveranse os labores de integración paisaxística definidos no proxecto a que se fai referencia no punto 8.3 desta DIA, vixiando a evolución da revexetación, procedendo á reposición de calvas e/ou marras que puidesen aparecer nas sementeiras, hidrosementeiras e/ou plantacións previstas.

9. Programa de medidas correctoras.

O programa de medidas correctoras adoptadas deberá desenvolverse no proxecto construtivo, tendo en conta as seguintes condicións:

• Definición contractual das medidas correctoras:

– Todas aquelas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán de quedar definidas a nivel executable, e incluiranse nos correspondentes planes e cronogramas de obras.

• Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra:

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra, tendo en conta:

– Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

– As medidas de integración deben de programarse igual que o resto das actuacións.

• Orzamento:

– Todas as medidas de integración ambiental irán orzamentadas da mesma forma que o conxunto do proxecto.

• Criterios para o seguimento das medidas:

– Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

10. Programa de vixilancia ambiental.

10.1. Aspectos xerais.

O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas para cada unha das fases de proxecto (obras e explotación).

Para tal fin, e tomando como o base o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, deberanse incorporar os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste sentido permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Así mesmo, teranse en conta as seguintes consideracións:

• Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s desta.

• As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, polo tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

• Todas as medicións e/ou analíticas do programa de vixilancia deberán ser realizadas por organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

• Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.

• No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo, propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10.2. Aspectos específicos.

Ademais do indicado no punto 10.1, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

• Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando metodoloxía, periocidade e límites que se van impoñer aos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, os parámetros que se analizarán son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

• Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da estrada, debendo constar os puntos de mostraxe, metodoloxía, periodicidade e límites a impoñer, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

• Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se levan a cabo os labores de limpeza e conservación deste, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo.

• En todos os casos situaranse os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou con maior detalle.

10.3. Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán elaborados pola Dirección Xeral de Infraestruturas (actualmente Axencia Galega de Infraestruturas), a quen lle corresponde ademais o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión –se é o caso– do responsable do control do seguimento ambiental.

10.3.1. Informes que se presentarán en fase de obras.

A Dirección Xeral de Infraestruturas (actualmente Axencia Galega de Infraestruturas) levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no punto 10 desta DIA, elaborando os informes do seguimento ambiental que se sinalan a seguir, e remitindo unha copia destes a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

a) Trimestralmente:

• Cronograma actualizado das obras.

• Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

• Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicaranse a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

• Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

• Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

• Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado, no que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

• Informe, se é o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

• Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, debendo ir acompañadas dun plano de localización.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución destas.

10.3.2. Informes que se presentarán en fase de explotación.

A Dirección Xeral de Infraestruturas (actualmente Axencia Galega de Infraestruturas) levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no punto 10 desta DIA, elaborando anualmente un informe do seguimento ambiental, incluíndo:

• Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

• Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, hora, e localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

• Resultados do plan de seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

• Resultados do plan de seguimento das obras de drenaxe e estruturas para a fauna, verificando a súa correcta funcionalidade.

• Incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

• A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

11. Outras condicións.

11.1. Incorporaranse ao deseño do proxecto todas aquelas prescricións que se deriven dos informes que emitirán as direccións xerais de Conservación da Natureza e Patrimonio Cultural respecto da documentación resultante das condicións dos puntos 6 e 7 desta DIA.

11.2. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, deberase informar a esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, logo do inicio das obras, da persoa responsable (Dirección Facultativa ou oficina técnica encargada do control dos traballos).

11.3. Estudiarase a viabilidade técnica de reposición do Camiño Sacramental, unha vez definida a configuración definitiva do enlace de Berdoias, con base no trazado final do tramo anterior Baio-Berdoias.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2012. Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I
Resumo das actuacións descritas na documentación avaliada

Inclúese un breve resumo das características xerais das alternativas recollidas no estudo informativo.

As alternativas estudadas foron catro (4):

Alternativa A: esta alternativa ten a súa orixe no punto final do treito Baio-Berdoias, e discorre ao longo de aproximadamente 8,5 km, ao norte da estrada AC-552, ata o p.q. 8+510,47, lugar onde enlaza co inicio do treito: Cee-Brens.

Alternativa B: presenta os mesmos puntos de enlace que a alternativa anterior, estando desprazada, con respecto á alternativa A, cara ao sur da estrada AC-552. A súa lonxitude é de aproximadamente 8.535 metros.

Alternativa C: ao igual que as alternativas anteriores presenta os mesmos puntos de enlace, estando o trazado desprazado cara ao norte. A súa lonxitude é de aproximadamente de 8.604 metros.

Plano_Descrición alternativas

Descrición do trazado da alternativa seleccionda_Alternativa D.

Alternativa D: (alternativa seleccionada) comeza no mesmo punto que as alternativas anteriores, modifica o seu trazado central e na súa alienación recta final enlaza coa primeira alienación recta do treito Cee-Brens. A súa lonxitude aproximada é de 8.589 metros.

O treito da alternativa D ten a súa orixe ao igual que outras alternativas no p.q. 0+000, punto final do treito: Baio-Berdoias e discorre ao longo de 8,5 km aproximadamente, unha primeira parte pola zona sur da AC-552 ata o p.q. 3+465 onde pasa ao lado norte desta, finalizando no p.q. 8+589,05, onde comeza o seguinte treito: Cee-Brens.

O inicio desta alternativa proxectase prolongando en 1.324 m a alineación recta na que finaliza o treito anterior, ao norte do núcleo de Berdoias, cruzando mediante un paso a AC-440.

No p.q. 1+324 e cunha alineación curva de raio 1000 xira en dirección suroeste, mantendo esta dirección cunha recta que se prolonga ata o p.q. 3+548, neste treito de recta crúzanse o río Berdeogas e a estrada AC-552 mediante o viaduto de 283 m que comeza no p.q. 5+845, pasa sobre a AC-552, por medio dunha estrutura duns 40 m que comeza no p.q. 6+618. Por último, mediante unha recta de 1.300 m enlaza co inicio do seguinte treito: Cee-Brens no p.q. 8+859,052.

No seu encaixe considéranse os condicionantes existentes na zona, proxectando un trazado en planta que permita o cumprimento da normativa e evitando afeccións a edificacións existentes e outros elementos da zona atravesada.

Plano_Alternativa seleccionada_D

Descrición do medio.

O proxecto de referencia Estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, desenvolvese nos concellos de Vimianzo, Dumbría e Cee, localizados ao noroeste de Galicia, nas comarcas de Terra Soneira, os trazados discorren polo val de Vimianzo, entre os Montes de Buxantes e o reborde litoral da Costa da Morte.

Os principais ríos do contorno son o Castro, o Berdeogas e o Fragoso, seguidos dos Berdoias, Rego do Pozo Grande e o Rego da Serpe, o resto son ríos de escasa entidade.

Todos se atopan na bacía do río Castro, que non é afectado directamente polas alternativas pero en certos puntos discorre a unha distancia aproximada de 280 metros.

Non se atopan espazos naturais nin hábitats afectados directamente polas alternativas.

ANEXO II

Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas no estudo de impacto ambiental.

As medidas correctoras que se consideran necesarias para minimizar, compensar ou cambiar a condición dos impactos ou riscos que se poidan derivar da execución do estudo informativo e estudo de impacto ambiental do Corredor Carballo-Fisterra. Treito: Berdoias-L.M.T. Cee, son as que a continuación se resumen.

Atmosfera.

Calidade do aire.

Realizarase un control das condicións atmosféricas durante a fase de movementos de terra, coa intención de previr os períodos susceptibles de provocar unha alta inmisión de partículas na atmosfera (ausencia de choivas e/ou ventos fortes), e poder adoptar as accións preventivas consecuentes.

A medida de prevención máis directa é evitar traballar con ventos fortes durante períodos secos; aínda que no caso de que sexa preciso traballar en condicións atmosféricas desfavorables adoptaranse medidas tendentes a minimizar as emisións.

Maximizar a realización dos traballos de movementos de terra e transporte de materiais en condicións atmosféricas favorables, evitando traballar con ventos fortes durante períodos secos, para evitar afeccións nas vías respiratorias, perda de valor das colleitas e calidade estética da contorna.

Regas mediante mangueiras e/ou camións-cuba, das zonas afectadas polos movementos de terra, prestando especial interese ás zonas de carga e descarga das terras e outros materiais que poidan provocar emisións de po.

Maximizar o recubrimento das materias que se vaian transportar mediante lonas, transportes pechados, ou outros métodos; principalmente cando o traxecto se realice nas proximidades de zonas habitadas e/ou cando o transporte do material traspase os límites da superficie de execución.

Control de emisións de gases.

A totalidade da maquinaria utilizada no marco das obras contará co correspondente certificado da Inspección Técnica de Vehículos (ITV).

Os camións utilizados no transporte contarán con sistemas de protección (cuberta do volquete tipo toldo ou outras).

Para complementar estas medidas tomadas directamente sobre os vehículos, realizarase a limpeza periódica dos viarios utilizados para o transporte.

Niveis sonoros.

As medidas protectoras dos niveis sonoros en fase de execución teñen como obxectivo minimizar as molestias a persoas e fauna, derivadas do incremento dos niveis sonoros da contorna por mor das operacións de carga e descarga, movementos de maquinaria e persoal de obra, e se fose necesario, voaduras.

Para iso ao longo da obra adoptaranse as medidas sinaladas a continuación.

Operacións de carga e descarga.

Realizarase a vertedura de terras dende alturas o máis baixas posibles.

Realizarase unha programación flexible das actividades de obra de forma que se eviten situacións en que a acción conxunta de varios equipos ou accións cause niveis de ruídos elevados durante períodos prolongados de tempo e/ou durante a noite.

Movementos de maquinaria e persoal de obra.

Toda a maquinaria de obras públicas utilizada nos traballos pasaría as inspeccións técnicas correspondentes (ITV).

Os condutores de vehículos e maquinaria de obra adecuarán, na medida do posible, a velocidade dos vehículos.

Voaduras.

Minimizarase a carga de explosivo por unidade de microretardo. Realizarase un seccionamiento das cargas dentro dos barrenos e procurarase o seu iniciamiento en tempos distintos. Procurarase a redución do diámetro de perforación e redución da lonxitude dos barrenos. Recorrerase á disposición das frontes coa maior superficie libre posible.

Execución de medidas correctoras para a fase de explotación.

Durante a fase de execución das obras deberase levar a cabo tamén, a instalación das medidas correctoras establecidas no EIA no que se conclúe a necesidade de pantallas acústicas.

Solos e ocupacións.

Estas medidas enfocaranse no sentido de minimización de superficies afectadas, reserva e tratamento da terra vexetal, prevención de accidentes, etc; sendo necesario o desenvolvemento das seguintes propostas:

Balizamento.

Balizarase a zona de obra e instalacións auxiliares poñendo especial coidado no balizamento dos ámbitos fluviais que se cruzarán polo trazado, elementos do patrimonio cultural, masas do bosque climático e ámbitos dos accesos ás pías dos viadutos.

Farase unha definición clara das áreas de circulación, estacionamento, almacenamento de materiais, parque de maquinaria, etc, para reducir o máximo posible as áreas sometidas a alteración.

Instalacións auxiliares.

Sempre que sexa posible, recorrerase a establecementos autorizados para a realización do lavado da maquinaria, o seu mantemento e a provisión de combustible.

No caso en que isto non sexa factible, habilitarase un lugar adecuado para a realización das devanditas tarefas para evitar a contaminación de chan e subsolo e a afección á calidade das augas e, indirectamente, á fauna e vexetación que aloxan.

No caso de que fose precisa a realización destas tarefas no ámbito das obras, acondicionarase un lavadoiro de maquinaria dotado cun sistema de recollida de efluentes.

Plan viario.

A limitación realizarase con anterioridade ao comezo das obras, establecendo un Plan Viario e de Accesos a Obra, co fin de evitar a dispersión de vehículos e maquinaria pola zona coa consecuente invasión, compactación e destrución dos solos e cobertura vexetal adxacentes.

Utilizaranse preferentemente as zonas de obra como viarios, establecendo sobre esta, ou en áreas inmediatamente anexas e de escaso ou nulo valor ambiental o parque de estacionamento de maquinaria e a área de almacenamento de materiais.

Provisión de terra vexetal e rexeneración de solos.

Esta medida pretende planificar a provisión da terra vexetal que é necesario retirar da zona de obra, programando o seu mantemento adecuado durante o tempo que sexa necesario ata a súa reutilización para a rexeneración dos solos sobre as superficies resultantes da obra.

Fundamentalmente distínguense as seguintes fases:

Programa de Provisión e Mantemento da Terra Vexetal.

Programarase a recuperación e tratamento do máximo volume posible de solo fértil, para o seu posterior emprego en procesos de revexetación e acondicionamento paisaxístico. Estes labores de recollida de solo realizaranse baixo o cumprimento dunhas exixencias mínimas que garantan o correcto mantemento deste recurso:

Rexeneración de solos.

Realizarase o achegue da terra vexetal amoreada en obra sobre os noiros e outras superficies alteradas, coa intención de reconstruír, na medida do posible, a secuencia de horizontes observada nos solos alterados. O solo excedente débese xestionar mediante entrega e estendedura en leiras de labor ou para a recuperación de espazos degradados.

Xestión de residuos.

A aplicación desta medida ten como obxectivo evitar a contaminación da auga e o solo pola vertedura e incorrecta xestión dos residuos xerados polas obras; en concreto, trátase de evitar a contaminación do solo e subsolo e a afección á calidade das augas e, indirectamente, á fauna e vexetación que aloxan. Inclúese a xestión dos seguintes tipos de residuos e verteduras:

Residuos asimilables a urbanos.

Aceites, lubricantes usados e outros residuos perigosos xerados por maquinaria e actividades de obra.

Erosión e inestabilidade.

Considérase necesario que se sigan as recomendacións dos estudos e datos xeotécnicos asociados ao proxecto, onde se determinen as características xeotécnicas destes, a súa utilidade como material de préstamo e as medidas xeotécnicas que se observarán no proceso construtivo (pendentes de noiros, viabilidade de materiais para préstamos, etc.).

Fóra destas consideracións xeotécnicas, estímase conveniente a adopción dunha serie de medidas correctoras que amplían e/ou complementan as medidas expostas para a corrección do impacto sobre os solos:

Calidade das augas.

En fase de movementos de terras cuxa localización sexa próxima á das augas da rede fluvial territorial, disporanse sistemas de control de arrastres por escorremento dos materiais removidos a consecuencia das devanditas operacións de obra. Estes sistemas de control consistirán na instalación de sistemas de condución controlada de devanditas augas (gabias) nas que se instalarán, se así procede, filtros de sedimentos.

Tratamento das gabias.

Definirase un plan de labores periódicos de limpeza e conservación dos sistemas de drenaxe para asegurar que cumpran dun modo correcto o seu labor.

Fauna.

As medidas correctoras que se implementarán sobre a compoñente faunística do medio, fan referencia fundamentalmente á posibilidade de que se produza o fenómeno coñecido como efecto barreira e ás medidas necesarias para a súa minimización.

O sistema de drenaxes transversais, complementado con parte do sistema lonxitudinal de drenaxes, pode ser utilizado para favorecer o paso da herpetofauna neste tramo da vía dunhas zonas a outras, empregando as técnicas pertinentes para favorecer a direccionalidade da fauna cara á devanditas zonas permeables. A adecuación destas estruturas para o paso da fauna deberase considerar no marco do proceso de redacción do Proxecto de Restauración e Integración Paisaxística; que se realizará en fase de proxecto construtivo.

Vexetación e paisaxe: restauración e integración visual.

O acondicionamento paisaxístico do proxecto realízase mediante a execución dun proxecto de restauración.

Na presente fase de proxecto, Estudo Informativo, establécense mediante o presente Anteproxecto, as directrices básicas do acondicionamento vexetal das superficies resultantes da execución das obras, para cada unha das alternativas existentes.

Nas seguintes fases do proxecto (Proxecto de trazado e Proxecto Construtivo) o trazado definirase con maior precisión, establecéndose definitivamente a tipoloxía e número das estruturas (pasos elevados e inferiores, drenaxe transversal e lonxitudinal, viadutos, muros, etc.).

As superficies definidas como básicas e as superficies complementarias, que deberán ser identificadas no trazado definitivo da estrada, son as seguintes:

– Noiros en terraplén.

– Noiros en desmonte.

– Contornas fluviais/pasos de fauna.

– Superficies baixo viadutos.

– Glorietas.

– Superficies entre viarias.

– Áreas degradadas.

Medidas correctoras sobre o patrimonio cultural.

As medidas correctoras a establecer respecto de patrimonio cultural atópanse descritas no Estudo de Impacto Ambiental, onde se inclúen os resultados da prospección arqueolóxica realizada sobre o territorio implicado en cada unha das alternativas propostas.

Medidas correctoras sobre o medio socioeconómico.

Correcta sinalización de aviso de obras e do viario alternativo, de forma que sexa posible evitar trastornos na circulación xerados polas actividades construtivas e a presenza de maquinaria pesada, durante a fase de construción.

– Utilización preferente da man de obra local.

– Utilización preferente dos recursos materiais ofrecidos polo medio inmediato á obra.

– Utilización preferente dos materiais de construción manufacturados na contorna comarcal.

Establecemento de mecanismos deseñados para informar os habitantes dos municipios afectados polas obras de: natureza das obras, alcance, obxectivos, etc.

Restauración do viario rural utilizado no marco das obras.

missing image file
missing image file