Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 6 de maio de 2013 Páx. 14430

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 10 de abril de 2013, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve un recurso de reposición contra a resolución de clasificación do monte denominado Laxe ou As Curuxeiras en prol da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Picoña, do concello de Salceda de Caselas.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra ditou a seguinte resolución:

«Asistentes.

Presidente: Gerardo Zugasti Enrique (xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar).

Vogais:

Víctor Abelleira Argibay (representante do Colexio de Avogados da provincia).

Xosé Carlos Morgade Martínez (representante das CMVMC da provincia).

Lorena Peiteado Pérez (letrada da Xunta de Galicia).

Secretaria: Ana Belén Fernández Dopazo (funcionaria adscrita ao Servizo Xurídico-Administrativo da Xefatura).

Na cidade de Pontevedra, ás 17.30 horas do día 1.4.2013, coa asistencia das persoas á marxe indicadas, reúnese no 2º andar do Edificio Administrativo sito no nº 43 da rúa Fernández Ladreda, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxeto de decidir, entre outros asuntos, sobre o recurso de reposición presentado por José Manuel Piñeiro Domínguez, en calidade de presidente da CMVMC da Picoña contra a resolución de clasificación do monte denominado Laxe ou Curuxeiras a favor da CMVMC da Picoña (Salceda de Caselas).

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data de entrada 23.1.2012, José Manuel Piñeiro Domínguez, actuando en calidade de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia da Picoña, concello de Salceda de Caselas, presenta solicitude de iniciación de expediente de clasificación do monte denominado Laxe-As Curuxeiras, como veciñal en man común en prol da CMVMC que representa, xuntando diversa documentación consistente en informe pericial realizado por técnico competente e documentación topográfica.

Segundo. O Xurado Provincial de Montes en Man Común de Pontevedra acordou, unha vez cumpridos os trámites pertinentes, en sesión do 16 de abril de 2012, incoar o corresponde expediente de clasificación do devandito monte.

Terceiro. De conformidade co establecido no artigo 20 do Decreto 260/1992, solicita informe preceptivo do Servizo de Montes e Industrias Forestais con data do 17 de abril de 2012, que é recibido polo Xurado de Montes con data do 10 de maio de 2012, no cal se fai constar, entre outros aspectos relevantes, que a parcela presenta unha forte pendente orientada ao nacente, que descende ata a ribeira do río Caselas (...), presenta signos de ter sufrido un incendio recentemente. (...) Non se observan signos de aproveitamentos recentes nin tratamentos sobre o arboredo. Non se fornece información documentada que avale o uso común e continuado da parcela».

Cuarto. O Rexistro da Propiedade de Tui certifica con data do 21 de maio de 2012 que o monte solicitado non figura inscrito a nome de persoa ningunha.

Quinto. Unha vez feitas de xeito legal as comunicacións a todos os interesados e finalizado o prazo de exposición no taboleiro de edictos do Concello de Salceda de Caselas, non consta a presentación de ningunha alegación en contra da clasificación solicitada pola CMVMC da Picoña respecto dos montes obxecto do presente expediente.

Sexto. Á vista da documentación presentada polo solicitante e o informe do Servizo de Montes, os monte obxecto do presente expediente obedecen á seguinte descrición:

Cabida: 2.200 metros cadrados aprox. (superficie alegada na solicitude).

Lindes:

Norte: propiedade privada de Carlos Carballido Rodríguez.

Sur: MVMC da parroquia de Salceda.

Leste: paseo fluvial do río Caselas.

Oeste: MVMC da parroquia de San Xurxo.

Sétimo. Analizados todos os antecedentes descritos e, sobre todo, o informe emitido polo Servizo de Montes, xunto coa documentación presentada pola CMVMC solicitante, o Xurado de Montes, con data do 19 de novembro de 2012, acordou non clasificar o monte Laxe ou As Curuxeiras, por considerar que non quedaba suficientemente acreditado o uso ou aproveitamento consuetudinario sobre a parcela afectada, tal e como legalmente se exixe.

Oitavo. Contra esta resolución a CMVMC da Picoña, interpuxo o correspondente recurso de reposición, con data de rexistro de entrada 18 de xaneiro de 2013, no cal, en esencia, se alega o seguinte:

a) Que todos os veciños da comunidade, estremeiros da parcela, así como os traballadores da comunidade, recoñecen e poden acreditar o uso consuetudinario e tradicional do monte desde tempos inmemoriais.

b) Que o propio Concello de Salceda de Caselas recoñece a parcela como comunal, así como que se levan realizando labores sobre ela de xeito inmemorial.

c) Que non houbo ningunha reclamación de posibles interesados durante o tempo de exposición pública.

Como acreditación de tales afirmacións, a recorrente presenta documentación consistente en:

Declaración do Concello de Salceda de Caselas do 17 de xaneiro de 2013 en que de xeito literal se recolle: «Que a CMVMC da parroquia da Picoña e os seus comuneiros levan realizando tarefas de aproveitamento, silvícolas e de mantemento forestal desta parcela desde a constitución da Xunta Reitora. Que o Concello de Salceda de Caselas vén recoñecendo esta realidade».

Declaracións xuradas de veciños sobre o aproveitamento consuetudinario e inmemorial sobre a parcela obxecto de clasificación.

Contratos de traballadores que prestaron servizos para a CMVMC da Picoña na parcela de referencia.

Fotografía en que se aprecia a realización de traballos de roza e limpeza sobre unha parcela que a CMVMC afirma ser o monte Laxe ou As Curuxeiras, do 14.1.2013.

Tomando en consideración os datos que constan xa no expediente administrativo de clasificación, así como as alegacións e novos documentos presentados pola adversa co seu recurso de reposición, emítese a seguinte resolución con base nos seguintes fundamentos de dereito:

Fundamentos de dereito.

I. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra é o órgano competente para entrar a coñecer e resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as súas resolucións, de acordo co preceptuado no artigo 116 da Lei 30/1992, así como no artigo 12 da Lei 13/1989.

II. Procede admitir a trámite o recurso de reposición interposto de contrario por concorreren nel os requisitos e exixencias previstos no artigo 117.1 da Lei 30/1992.

III. Como xa quedou posto de manifesto na exposición dos antecedentes de feito da presente resolución, o motivo polo cal o Xurado de Montes acordou, na súa reunión do 19.11.2012, non clasificar o monte Laxe ou As Curuxeiras en prol da recorrente foi por entender que «... non queda acreditado de xeito suficiente o aproveitamento consuetudinario con carácter exclusivo sobre as parcelas respecto das cales se solicita a clasificación, sen que conste ningún escrito presentado pola propia comunidade interesada neste sentido.

De feito, a pretensión de clasificación que articula a CMVMC da Picoña susténtase unicamente no informe pericial, xunto coa solicitude inicial de clasificación, elaborado por Julio Piñeiro Barros, no que, ben que se fai referencia a unha serie de supostos usos e aproveitamentos tradicionais, tales como a recolla de leña, mato, toxo para uso gandeiro, así como outras máis recentes, como actividades de carácter lúdico (paseo e «contemplación de paisaxe»), non se presenta nin un só documento ou medio de proba válido que sirva de sustento a tales afirmacións, nin tan sequera existe unha declaración xurada dos veciños ao respecto».

Conclusión a anterior, que no seu momento, e tendo en conta a práctica ausencia de proba practicada de contrario a fin de evidenciar a existencia de aproveitamento común sobre a parcela de referencia, había que considerala conforme dereito por imperativo do disposto no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, e o artigo 20 da nova Lei de montes de Galicia 7/2012, do 28 de xuño, onde se define como monte veciñal en man común:

Artigo 1.

Son montes veciñais en man común, e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños.

Así pois, de acordo coa propia dicción literal deste artigo e a prolixa xurisprudencia existente na materia, o feito que determina a clasificación ou non como veciñal do monte en cuestión é a circunstancia de terse acreditado de forma sólida e fidedigna o aproveitamento consuetudinario en man común pola agrupación veciñal, á marxe das cuestión relativas á titularidade dominical e demais dereitos reais, requisito que se entendeu non cumprido polo Xurado de Montes no seu día ante a falta de proba.

Non obstante, e á vista da documentación que agora se presenta co recurso de reposición, consistente entre outras, nunha declaración do propio Concello de Salceda de Caselas recoñecendo o uso e aproveitamento consuetudinario da CMVMC da Picoña sobre o monte Laxe-As Curuxeiras, así como a declaración xurada dunha pluralidade de veciños ou os contratos de traballo de persoas que prestaron servizos para a comunidade na parcela interesada, a conclusión a que esta parte chega debe ser diferente, pois tales documentos poden considerarse como soporte suficiente para emitir informe favorable á clasificación solicitada e deixar sen efecto a resolución ditada no seu día denegando a clasificación, sen que poida tomarse en consideración, no entanto, a fotografía presentada por ser de data moi recente e posterior á resolución denegatoria da clasificación.

A todo o anterior debe engadirse como un argumento en prol da pretensión esgrimida pola CMVMC da Picoña, como ben se recolle no propio recurso de reposición, que non existe alegación ningunha en contra doutros posibles interesados na parcela en relación coa clasificación solicitada, o que, unido á nova documentación presentada, debe levarnos a estimar o presente recurso de reposición.

En consecuencia, vistos os antecedentes mencionados, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, este instrutor, en uso das facultades que ten conferidas propón, e o Xurado, por unanimidade dos seus membros, acorda:

A estimación do recurso de reposición presentado pola CMVMC da Picoña contra a resolución denegatoria da clasificación ditada polo Xurado de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, do 19.11.2012, coa súa conseguinte revogación. Deste xeito, acórdase a clasificación do denominado monte Laxe ou As Curuxeiras en prol dos veciños da CMVMC da Picoña (Salceda de Caselas), de acordo cos lindes e cabida reflectidos no antecedente de feito sexto, e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes, que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 109.a) e 116.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

Pontevedra, 10 de abril de 2013

Gerardo Zugasti Enrique
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra