Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Xoves, 10 de outubro de 2013 Páx. 40299

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 7 de outubro de 2013 pola que se modifica a Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A Orde do 14 de maio de 2013 delega competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Co obxecto de manter unha maior axilidade e unidade de criterio na resolución de recursos e reclamacións faise necesario modificar o artigo 6 da dita orde, incluíndo na delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica os recursos potestativos de reposición e a resolución dos recursos de alzada e revisión en materia de espectáculos públicos. Cos mesmos obxectivos, deléganse nas persoas titulares da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Axencia Turismo de Galicia o exercicio da potestade sancionadora que a normativa de aplicación lle atribúa á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

1. Modifícase o artigo 6 da Orde do 14 de maio de 2013 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no seguinte senso:

a) Elimínase o parágrafo 2 do artigo, e queda, por tanto, o artigo sen numeración arábiga.

b) O parágrafo a) do artigo queda redactado como segue:

Resolver os recursos administrativos de alzada, potestativo de reposición e de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

2. Engádese un parágrafo c) á disposición adicional:

c) O exercicio da potestade sancionadora que a normativa de aplicación en materias e procedementos da súa competencia lle atribúa á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza