Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 29 de xullo de 2016 Páx. 33496

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela

EDICTO (294/2013).

Susana Varela Amboage, letrada da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento ordinario 294/2013 deste xulgado do social, seguido por instancia de Antonio Fandiño Miras contra Fondo de Garantía Salarial, Forensic Solutions, S.L.P. administrador concursal, Esabe Vigilancia, S.A. sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

«Sentenza nº 186/2016.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016.

Vistos por min, Paula Méndez Domínguez, maxistrada do Xulgado do Social número 1 de Santiago de Compostela, os presentes autos de procedemento ordinario número 294/2013, seguidos por instancia de Antonio Fandiño Miras, asistido pola letrada Sra. Erviti Álvarez, contra Esabe Vigilancia, S.A., que non compareceu ao xuízo oral, Forensic Solutions, S.L.P. administrador concursal de Esabe Vigilancia, S.A., que non compareceu ao xuízo oral; e despois de ser citado o Fogasa, que non compareceu ao xuízo oral, en virtude das facultades que me foron dadas pola Constitución española, dito a presente sentenza, con base nos seguintes,

Antecedentes de feito.

Primeiro. Antonio Fandiño Miras presentou, o 4 de marzo de 2013, demanda de procedemento ordinario contra Esabe Vigilancia, S.A., na cal, tras alegar os feitos e fundamentos de dereito que tivo por convenientes, remataba suplicando que se ditase sentenza, pola que, admitindo a demanda, se condene a demandada a pagar ao demandante a cantidade de 4.635,46 euros, polos conceptos sinalados na demanda, que se deberá incrementar co xuro legal por mora. E, así mesmo, que se condene a demandada ao pagamento das custas, así como que se lle impoña multa por temeridade ao abeiro do artigo 6.3 en relación co artigo 97.3, ambos os dous da Lei reguladora da xurisdición social.

Con data do 9 de xuño de 2015, o demandante presentou escrito de ampliación da demanda contra Forensic Solutions, S.L.P., na súa calidade de administradora concursal de Esabe Vigilancia, S.A.

Segundo. Admitida a trámite a demanda e a súa ampliación, ordenouse conferir traslado desta ás demandadas e citar as partes e o Fogasa á celebración da vista.

Ao acto da vista non compareceu a mercantil demandada, nin a administradora concursal, nin o Fogasa, malia constaren citados coas formalidades legais. Unha vez aberto o acto, o demandante ratificouse na demanda, e solicitou o recibimento do preito a proba, practicáronse as probas propostas e admitidas, co resultado que consta en autos, e tras o trámite de conclusións, declaráronse os autos vistos para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos autos observáronse as formalidades legais esenciais.

Feitos probados.

Primeiro. Queda probado que Antonio Fandiño Miras prestou servizos por conta de Esabe Vigilancia, S.A. con antigüidade do 7 de agosto de 1998, coa categoría profesional de vixilante de seguridade, e estaba destinado no centro de traballo de CTA da Lavacolla (Santiago de Compostela) (véxanse doc. 1 e 2 do ramo de proba do demandante).

Segundo. A relación laboral do demandante coa demandada finalizou o 3.10.2012 ao ser subrogado o demandante pola mercantil Sabico, S.A. por resultar esta mercantil nova adxudicataria do servizo (Doc. 4 do demandante).

Terceiro. A mercantil demandada dedícase á actividade de vixilancia e seguridade privada. Á relación laboral élle de aplicación o convenio colectivo estatal das empresas de seguridade (véxanse doc. 2, 3 e 4 do demandante).

Cuarto. Na data de presentación da demanda a mercantil Esabe Vigilancia, S.A. debíalle ao demandante a suma de 1.665,92 euros de salarios coa seguinte desagregación: 1.528,71 euros de salario de setembro de 2012, e 137,21 euros de salario dos días traballados de outubro de 2012 (Ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Quinto. O demandante realizou as seguintes horas de traballo nos meses de agosto e setembro de 2012: 192 horas en agosto e 168 horas en setembro de 2012. Realizou un total de 30 horas extras en agosto de 2012 e un total de 6 horas extras en xullo de 2012 (Interrogatorio da demandada e cuadrantes do traballo do demandante doc. 2 do seu ramo de proba).

Sexto. A mercantil demandada non lle aboou ao demandante as horas extras realizadas en agosto e setembro de 2012 e polo devandito concepto débelle a suma de 274,86 euros (a razón de 7,64 euros a hora extra) (Ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Sétimo. A mercantil demandada débelle ao demandante a suma de 13,68 euros por complemento de radioscopia do mes de agosto de 2012, correspondente a un total de 72 horas de radioscopia realizadas no devandito mes e a razón de 0,19 euros a hora (Ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Así mesmo, a mercantil demandada débelle ao demandante a suma de 215,46 euros por diferenzas nos complementos de nocturnidade, fin de semana e festivos e perigosidade correspondentes ao mes de agosto de 2012, por un total de 58 horas de nocturnidade (e a razón de 1,05 €/hora), un total de 64 horas de complemento de fin de semana e festivo (e a razón de 0,84 €/hora), e 120 horas de complemento de perigosidade (e razón de 0,84 €/hora).

(Doc. 2 do demandante e ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Oitavo. A mercantil demandada non lle aboou ao demandante a paga extra correspondente á gratificación de beneficios de 2011 e, polo devandito concepto, débelle a suma de 1.132,07 euros (véxase doc. 3 do demandante e ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Así mesmo, a mercantil demandada non lle aboou ao demandante a contía proporcional da paga extra correspondente á gratificación de xullo de 2012 (polo período comprendido entre o 1.7.2011 e o 31.12.2011), que comporta un total de 566,03 euros.

Noveno. A mercantil demandada debe ao demandante na pro rata de pagas extras mensuais os conceptos de complemento de transporte e vestiario por importe de 37,43 euros ao mes en cada un dos meses de xaneiro a setembro de 2012, o que totaliza 336,87 euros polo devandito concepto (Ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Así mesmo, a mercantil demandada non lle aboou ao demandante o complemento de perigosidade correspondente aos meses de xaneiro a setembro de 2012 por importe de 14,83 euros cada mes, o que totaliza 133,47 euros (Ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Décimo. A mercantil demandada débelle ao demandante, en concepto de diferenzas salariais por suba salarial do 2,4 % prevista en convenio para 2012 sobre todos os conceptos salariais, as seguintes cantidades: 33,86 euros de xaneiro de 2012, 35,19 euros de febreiro de 2012, 30,49 euros de marzo de 2012, 33,07 euros de abril de 2012, 31,90 euros de maio de 2012, 31,90 euros de xuño de 2012, 32 euros de xullo de 2012, 32 euros de agosto de 2012, e 36,69 euros de setembro de 2012, o que totaliza polo devandito concepto 297,10 euros (Ficta confessio e ex artigo 217 LAC).

Décimo primeiro. O 15.2.2013 tivo lugar o preceptivo acto de conciliación ante o SMAC de Santiago de Compostela, en virtude de papeleta presentada o 31.1.2013, que finalizou co resultado de intentada sen efecto (certificación adxunta á demanda).

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O demandante exerce acción de reclamación de cantidade, ao abeiro do previsto nos artigos 4.2 e 35 do Estatuto dos traballadores (en diante, ET) e dos artigos 42, 64, 69, 70, 71 e 73 do convenio colectivo de empresas de seguridade privada. Alega, en apoio das súas pretensións, que a mercantil demandada lle debe as sumas sinaladas na demanda, todas elas percibidas antes da extinción da relación laboral, e debe ser condenada ao seu aboamento.

Segundo. Os feitos declarados probados ut supra inferíronse apreciando a proba practicada no acto do xuízo oral, conforme as regras da sa crítica e os principios de publicidade, inmediación e oralidade, en concreto da documental achegada pola parte demandante coa demanda e no seu ramo de proba, o interrogatorio da demandada por aplicación da ficta confessio ex artigo 91.2 da LRXS ao non ter comparecido ao xuízo oral para responder ao interrogatorio, malia ser citada coas formalidades e apercibimentos legais e, así mesmo, ex artigo 217 da LAC, por aplicación dos principios que regulan a distribución da carga da proba, nos termos que se foron indicando na propia epígrafe de feitos probados, ao sinalar o documento ou proba do cal se infire cada un deles, o que se dá aquí por reproducido para evitar reiteracións.

Terceiro. Para os efectos da resolución da litis debe partirse da premisa de que segundo a reiterada doutrina xurisprudencial, cuxa cita sobra por ser suficientemente coñecida, e ao abeiro do disposto no artigo 217 da Lei de axuizamento civil, lle corresponde a proba das obrigas ao que reclama o seu cumprimento, e a da súa extinción ao que a opón, o que no presente caso supón que á parte demandante lle corresponde probar a existencia da relación laboral, e que con base nela ten dereito a percibir as concretas cantidades reclamadas. Unha vez probados estes aspectos, recaerá sobre a parte demandada a carga de acreditar que aboou ao demandante as cantidades que lle correspondía cobrar a aquel.

En relación cos concretos conceptos reclamados, débese ter en conta que o Convenio colectivo de empresas de seguridade establece, no artigo 41, unha xornada de traballo de 1.782 horas anuais de traballo efectivo en cómputo mensual, a razón de 162 horas, e no artigo 42, en relación coas horas extraordinarias, dispón: “Terán a consideración de horas extraordinarias as que excedan a xornada ordinaria establecida no artigo 41 deste convenio colectivo e aboaranse de acordo co establecido no artigo 35 do Estatuto dos traballadores”.

Pola súa banda, o artigo 35.1 do ET sinala: “Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas horas de traballo que se realicen sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo, fixada de acordo co artigo anterior. Mediante convenio colectivo ou, na súa falta, contrato individual, optarase entre aboar as horas extraordinarias na contía que se fixe, que en ningún caso poderá ser inferior ao valor da hora ordinaria, ou compensalas por tempos equivalentes de descanso retribuído. En ausencia de pacto ao respecto, entenderase que as horas extraordinarias realizadas deberán ser compensadas mediante descanso dentro dos catro meses seguintes á súa realización”.

No artigo 66, o convenio colectivo regula os complementos de posto de traballo, entre eles o de perigosidade, radioscopia, traballo nocturno, e complemento de fin de semana e festivos, e no artigo 69, baixo a rúbrica de “Complementos de posto de traballo”, sinala a contía que corresponde por cada un dos devanditos complementos.

E, finalmente, o artigo 73 do convenio dispón que para o ano 2012 todos os importes económicos do convenio se actualizarán en función do IPC real do ano 2011, máis a diferenza resultante entre o IPC real correspondente ao ano 2010 e o 1 %.

Atendidos os devanditos preceptos, e tendo en conta que o demandante acreditou a existencia da relación laboral, a súa categoría profesional e a extinción da relación laboral con data 3.10.2012, e que probou, conforme lle incumbía, cos cuadrantes de servizos, as horas efectivas de traballo realizadas e, en consecuencia, que realizou as horas extraordinarias referidas na demanda, e acreditou igualmente cos cuadrantes de traballo as horas realizadas en horario nocturno, as realizadas en fin de semana e/ou festivos, e aplicando a ficta confessio en canto ao aboado pola empresa polos salarios, horas extras e complementos reclamados en demanda, estase no caso de estimar a demanda, ao ter acreditado o demandante que a demandada non lle aboou os salarios de setembro e outubro de 2012, nin as horas extras realizadas en agosto e setembro de 2012, e que non lle aboou o importe dos complementos de radioscopia, perigosidade, traballo nocturno e fin de semana e festivos nas contías fixadas no convenio colectivo, nin as diferenzas salariais que resultan da aplicación do artigo 73 do convenio. Debe terse en conta, en relación coa acreditación de tales feitos que, dada a actuación procesual da demandada, non foron obxecto de impugnación os documentos achegados pola parte demandante, polo que se lles debe atribuír valor probatorio e que, en relación coas horas traballadas polo demandante e horas extras, así como as horas ás cales se deberon aplicar os complementos, debe terse por confesa a mercantil demandada que non compareceu ao xuízo para responder ao interrogatorio despois de ser proposto e admitido este como medio de proba, máxime cando o demandante achega proba documental sobre cuadrantes de traballo que non foi obxecto de impugnación.

Conforme o exposto, o demandante cumpriu coa carga probatoria que lle incumbía, despois de acreditar a existencia da relación laboral, a remuneración das sumas reclamadas e o seu dereito, con base na relación contractual, a percibilas.

Pola contra, a mercantil demandada non acreditou, conforme lle incumbía, o aboamento ao demandante das sumas reclamadas na demanda, por canto non compareceu ao acto do xuízo oral, malia ser citada, e non achegou proba ningunha acreditativa do pagamento ou de calquera outra causa de extinción da obriga.

Cuarto. Con base no exposto nos fundamentos anteriores, e ex artigo 4.2 e 35 do ET, e os artigos 42, 64, 69, 70, 71 e 73 do convenio colectivo de empresas de seguridade privada, estase no caso de estimación da demanda, e condénase a demandada a aboarlle ao demandante a suma de 4.635,46 euros polos conceptos referidos na presente resolución, máis o xuro do artigo 29.3 do ET respecto da devandita suma desde a data de presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os xuros do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución.

Quinto. No que atinxe ás custas procede efectuar pronunciamento de condena por aplicación do artigo 66.3 da LRXS, pois a parte demandada non compareceu ao acto de conciliación administrativa, malia constar citada, segundo figura na certificación achegada coa demanda, e sen alegar xusta causa para non comparecer ao devandito acto, polo que a presente resolución resulta estimatoria da pretensión exercida na conciliación.

O indicado precepto establece que, en tal suposto, o xuíz impoñerá as custas do proceso á parte que non comparecese sen causa xustificada, incluídos honorarios, ata o límite de seiscentos euros, do letrado ou graduado social colexiado da parte contraria que interviñese.

Da lectura do precepto extráese que a condena en custas é preceptiva no suposto de non comparecencia inxustificada ao acto de conciliación preprocesual cando posteriormente a demanda é admitida. Así mesmo, do precepto despréndese que, no devandito caso, a condena en custas incluirá os honorarios do letrado, establecendo un límite legal. O fundamento da condena ao aboamento dos honorarios profesionais dentro do límite legalmente taxado é o incumprimento pola parte demandada dunha obriga preprocesual, tal e como se configura a asistencia á conciliación administrativa no punto primeiro do artigo 66.

Entende esta xulgadora que resulta de aplicación ao devandito precepto a xurisprudencia vertida sobre o precepto en materia de custas no recurso de suplicación que, con análoga redacción en canto á inclusión dos honorarios nas custas e á fixación do correspondente límite legal, vén sendo interpretado no sentido de considerar que o lexislador atribúe ao tribunal a facultade de determinar o importe da condena dos honorarios profesionais, dentro do límite legal e sen necesidade de realizar un trámite previo de taxación de custas. Neste sentido, o Auto do TS do 3 de xuño de 1998, establece: “as normas da LAC que se consideran infrinxidas só son de aplicación supletoria no proceso laboral, como se deduce da disposición adicional primeira desta; polo tanto, como isto non sucede no presente suposto, onde no artigo 233 da LPL expresamente se faculta ex lege a Sala para que discrecionalmente fixe os honorarios do letrado da parte contraria, co límite de 150.000 pesetas no recurso de casación sen necesidade de máis trámites, hai que aterse a esta normativa, sendo axustada a dereito a resolución impugnada; isto é así porque, no presente caso non hai máis custas que as derivadas dos referidos honorarios, salvo no referente aos dereitos de aranceis de procuradores, cando procedan, que non é sempre, como esta Sala declarou; polo demais, este criterio é o que seguiu a Sala, mesmo en sentenzas cando, condenando ao pagamento de custas, especificou que estas se concretan nos honorarios do letrado da parte impugnada na contía que designe a Sala, dentro do límite legal, se non hai acordo entre as partes. É evidente, que isto é o que aquí sucedeu ao pedirse a taxación de custas. Non se cometeron, polo tanto, as infraccións procesuais imputadas ao auto impugnado nin se causou indefensión, ao recorrente concedéuselle o pedido, dentro do límite legal, fixando a contía dos honorarios discrecionalmente”.

En consecuencia, debe ser condenada a parte demandada ao aboamento das custas procesuais, incluídos os honorarios da letrada da parte demandante, que se fixan, en atención ás características do presente procedemento, no importe de 200 euros.

Non procede, porén, impoñer multa por mala fe ou temeridade, pois ningunha proba sobre o particular propuxo o demandante no acto do xuízo. Por iso, a estimación da demanda será substancial.

Sexto. No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, deberá observarse o que resulte da aplicación do artigo 33 do ET, con notificación da presente resolución.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolvo:

Que, estimando integramente a demanda interposta por Antonio Fandiño Miras contra Esabe Vigilancia, S.A. e Forensic Solutions, S.L.P., debo condenar e condeno a mercantil demandada Esabe Vigilancia, S.A. a aboarlle ao demandante a suma de 4.635,46 euros polos conceptos sinalados nesta resolución, máis o xuro do artigo 29.3 do ET respecto da devandita cantidade desde a data de presentación da papeleta de conciliación ata a presente resolución, e os xuros do artigo 576 da LAC a partir da presente resolución, así como ao pagamento dos honorarios do letrado da parte demandante en importe de 200 euros, e condeno a demandada Forensic Solutions, S.L.P., na súa condición de administradora concursal de Esabe Vigilancia, S.A., a se ater aos devanditos pronunciamentos cos efectos legais inherentes.

No que atinxe á responsabilidade do Fogasa, deberá observarse o que resulte da aplicación do artigo 33 do ET, con notificación da presente resolución.

Notifíquese ás partes a presente resolución e fágaselles saber que fronte a esta cabe recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de cinco días contados desde o seguinte ao da súa notificación.

A anterior resolución entregarase á letrada da Administración de xustiza para a súa custodia e incorporación ao libro de sentenzas. Insírase nas actuacións por medio de testemuño.

Por esta miña sentenza, xulgando definitivamente na primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. A anterior sentenza deuna, leuna e publicouna esta xuíza que a subscribe, en audiencia pública, en Santiago de Compostela o 29 de xuño de 2016. Dou fe».

E para que sirva de notificación en legal forma a Esabe Vigilancia, S.A., en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2016

A letrada da Administración de xustiza