Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 23 de xuño de 2017 Páx. 30981

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2017, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no Rexistro de convenios e acordos colectivos de traballo e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo de modificación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, como consecuencia do acordo entre a Xunta de Galicia e o comité intercentros (CIG, CC OO e UGT), de inclusión de dúas novas categorías no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, para dar cumprimento ao acordo de integración do persoal do Consorcio no devandito convenio e do acordo de bombeiros forestais e a súa segunda actividade.

Con data do 21 de febreiro de 2017 e 7 de marzo de 2017, asinouse o acordo de inclusión de dúas novas categorías no V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, e a modificación da denominación doutras cinco categorías, respectivamente. Vistos estes acordos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Regcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2017

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Modificación do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da xunta de galicia como consecuencia do acordo de inclusión entre a Xunta de Galicia e comité intercentros do persoal laboral (CIG, CC OO e UGT) de dúas novas categorías no Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia para dar cumprimento ao acordo de integración do persoal do Consorcio no devandito convenio e do acordo de bombeiros forestais e a súa segunda actividade

Primeiro. Modificación do seu artigo 1.1 para a inclusión do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no seu ámbito de aplicación.

Artigo 1. Ámbito persoal e territorial

1. Este convenio colectivo establece e regula as normas polas que se rexerán as relacións de carácter xurídico-laboral entre a Xunta de Galicia e o persoal que, suxeito á lexislación laboral, preste os seus servizos baixo a súa dependencia, a dos seus organismos autónomos e no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Segundo. A inclusión dunha nova disposición sobre a transitoriedade de aplicación do convenio ao persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Disposición transitoria décimo terceira. Aplicación ao persoal que presta servizos no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

a) A partir do 1 de xaneiro de 2017 a xornada do persoal dos centros do Consorcio será a mesma que a do persoal do Convenio único.

b) Procederase ao recoñecemento da antigüidade do persoal do Consorcio para o efecto de acreditar os correspondentes trienios, que se aboarán a partir do 1 de xaneiro de 2017.

c) A equiparación retributiva do persoal que presta servizos no consorcio que opte por integrarse como persoal laboral fixo –por ser esa a súa actual relación laboral– ou que sexa integrado como persoal laboral temporal no Convenio único do persoal laboral da Xunta de Galicia será idéntica á do persoal do Convenio colectivo único nas mesmas categorías, aplicándose as seguintes porcentaxes anuais de equiparación:

– No ano 2018 diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

– No ano 2019 diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

– No ano 2020 diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

– No ano 2021 diminución do 20 % na diferenza retributiva do persoal do consorcio en relación co persoal laboral da Xunta de Galicia.

– No ano 2022 equiparación efectiva co persoal laboral da Xunta de Galicia.

Terceiro. A modificación do anexo II-A do Convenio para a inclusión das categorías de xerocultor/a (IV-43) e de persoal de servizos xerais (IV-44).

Cuarto. En cumprimento do disposto no punto primeiro do Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC OO, CSI-F e UGT sobre os bombeiros forestais e a súa segunda actividade, modifícase o anexo II-A do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia. Así, onde di:

«I. III-100: Xefe/a cuadrilla defensa contra incendios forestais.

II. IV-33: Condutor/a autobomba defensa contra incendios forestais.

III. IV-41: Oficial/a de defensa contra incendios forestais.

IV. V-14: Peón/oa defensa contra incendios forestais.

V. V-14 A: Peón/oa condutor defensa contra incendios forestais».

Debe dicir:

«• III-100: Bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.

• IV-33: Bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba.

• IV-41: Bombeiro/a forestal oficial/a de defensa contra incendios forestais.

• V-14: Bombeiro/a forestal.

• V-14 A: Bombeiro/a forestal condutor/a».