Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Venres, 22 de decembro de 2017 Páx. 58088

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2017, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Oia (expediente IN407A 2015/79-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a continuación se describe:

Solicitante: Hidrotide, A.I.E.

Domicilio social: rúa Martínez Padín, 4, 1º B, 36700 Tui.

Título: D.U.P. e modificado da LMT de evacuación da C.H. de Burgueira.

Situación: Oia.

Características técnicas: LMT subterránea a 20 kV con condutor RHZ de 160 metros de lonxitude, con orixe na central hidroeléctrica de Burgueira, no río Tamuxe, e final no apoio nº 2 da liña aérea de evacuación existente. A liña aérea existente consta de 7 apoios e ten unha lonxitude de 1.120 metros. A instalación está situada nos lugares de Lourezá e Burgueira, concello de Oia.

Respecto das alegacións presentadas polas comunidades de montes, basicamente as comunidades veciñais opóñense á prevalencia de instalación eléctrica sobre o monte e indican a necesidade de declaración de impacto ambiental, previa á autorización da instalación por parte do órgano competente en materia de enerxía. Ás ditas alegacións procede indicar:

– Respecto da prevalencia do monte sobre a liña, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas solicitou informe á Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal, que se pronuncia no seguinte senso:

«IV. Valoración da viabilidade de obter a compatibilidade da utilidade pública desta infraestrutura:

Vistos os antecedentes expostos, esta dirección xeral de ordenación forestal non atopa inconveniente en tramitar unha nova declaración de prevalencia sempre que:

• A declaración se refira á totalidade da instalación (azud, central hidroeléctrica, condución de augas, liña eléctrica de evacuación) existente dentro de cada comunidade veciñal, non a unha parte.

• A expropiación sexa compatible coas sentenzas xudiciais que se citaron ao longo deste escrito recaídas sobre o conflicto existente entre Hidrotide e as comunidades veciñais».

Polo que a prevalencia é un trámite posterior que se realiza entre as dúas utilidades públicas e que en ningún caso se declara pola declaración de utilidade pública da instalación eléctrica.

– Respecto da necesidade de estudo de avaliación ambiental, o anexo II. Proxectos sometidos a avaliación ambiental simplificada regulada no título II, capítulo II, sección 2ª, da Lei 21/2013, do 9 de diciembre, de avaliación ambiental, indica como instalacións sometidas a avaliación ambiental simplificada:

Construción de liñas para a transmisión de enerxía eléctrica (proxectos no incluídos no anexo I) cunha voltaxe igual o superior a 15 kV, que teñán unha lonxitude superior a 3 km, salvo que discorran integramente en subterráneo por solo urbanizado, así como as súas subestacións asociadas.

Polo que sendo a lonxitude da liña que se autorizará inferior aos 3 km indicados, non procede a tramitación de estudo de impacto ambiental ante o órgano competente en Medio.

– Respecto da posibilidade de declarar a utilidade pública dunha instalación eléctrica unha vez construída e posta en funcionamento, o Tribunal Supremo considera a súa viabilidade como o confirma a Sentencia do 26 xuño de 2007, da Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Sexta, do Tribunal Supremo, no punto cuarto dos fundamentos de dereito indica que non procede declarar a utilidade pública dunha instalación eléctrica cando se dispoña de título hábil para a disposición dos terreos precisos para a instalación e funcionamento daquela, pero á vez establece a posibilidade de solicitar a declaración de utilidade pública dunha instalación eléctrica cando se extingue o dito título habilitante para a ocupación dos terreos:

«Ao momento de ditarse as resolucións impugnadas na instancia subsistía o referido arrendamento, título hábil para que a empresa solicitante dispoña dos terreos precisos para a instalación e funcionamento da explotación eléctrica, que de feito vén funcionando con normalidade, o que fai imnecesario e, polo tanto, inxustificado o exercicio da potestade expropiatoria para tal fin, sen prexuízo do que poida formularse para o caso de que tal título habilitante se extinga e poida invocarse a necesidade de obter a dispoñibilidade dos terreos mediante o exercizo da potestade expropiatoria».

Por todo o anterior, e tendo en conta que a declaración de utilidade pública dunha instalación de xeración de enerxía eléctrica vén recoñecida no artigo 54.1 da Lei 24/2013, do sector eléctrico, incluíndose as infraestruturas de evacuación de acordo co artigo 21.5 da mesma lei e cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, DOG nº 54, do 19 de marzo, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder autorización administrativa, e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 30 de xuño de 2017

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra