Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 5 de xullo de 2019 Páx. 31779

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo da empresa Sasegur, S.L.

Visto o acordo da empresa Sasegur, S.L., subscrito na xuntanza celebrada o 25.4.2019, entre a representación empresarial e as organizacións sindicais CIG, UGT, USO e Alternativa Sindical, e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo.

A Secretaría Xeral de Emprego

resolve:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (REGCON), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acta de acordo na empresa Sasegur, S.L.

En Santiago de Compostela, ás 13.00 horas do día 25 de abril de 2019, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, reúnense as representacións seguintes, que asisten á xuntanza:

– Representación da empresa Sasegur, S.L.:

Gonzalo Núñez Sarompas.

– Representación sindical:

José Manuel Brocos Baluja (CIG).

José Antonio Antas Noche (CIG).

Héctor López de Castro Ruíz (asesor CIG).

Jesús Mª Álvarez Fernández (asesor UGT).

Mª Teresa Santas Carral (asesora UGT).

Susana Blanco Lavandeira (UGT).

Marcelo Calvo Lamas (USO).

Gemma Núñez Míguez (USO).

Javier Souto Diéguez (asesor USO).

Francisco Javier Gómez Barreiro (asesor USO).

Juan Carlos García Blanco (Alternativa Sindical).

Coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, representado por Verónica Martínez Barbero, presidenta deste, e coa presenza de Tania París Rodríguez, as partes reflectidas acadan o seguinte acordo para o recoñecemento de determinadas melloras ao persoal concreto indicado nas condicións laborais:

1. Ámbito de aplicación.

O presente acordo será de aplicación exclusivamente ás persoas traballadoras de Sasegur, S.L. que presten servizos en centros ou instalacións cuxa titularidade corresponda á Xunta de Galicia ou ás entidades ou organismos dependentes dela, aos cales se viñesen aplicando as condicións do convenio colectivo de Ilunión Seguridad, S.A. con carácter previo á súa subrogación por Sasegur, S.L.

2. Normativa aplicable aos dereitos recoñecidos no acordo.

a) Os dereitos previstos no presente acordo recoñeceranse nos termos e condicións recollidos nel. Para todo aquilo non regulado neste acordo, aplicarase o establecido no Estatuto dos traballadores en canto aos requisitos, procedemento e alcance do correspondente dereito.

b) Os dereitos que como melloras se recoñecen no presente acordo serán de aplicación sempre que o importe das axudas ou alcance de tales dereitos sexa superior ou máis beneficioso para os traballadores e traballadoras que o previsto no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade que estea vixente en cada momento; de seren as cantidades ou dereitos previstos no dito convenio superiores ou máis beneficiosos que os pactados no presente acordo, Sasegur aboará ou recoñecerá para cada dereito o convencionalmente establecido.

3. Melloras acordadas en axudas e licenzas.

a) Axudas por fillos e cónxuxe afectados por diversidade funcional.

Como mellora e, por tanto, en substitución dos importes previstos no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade, Sasegur, S. L. aboará, a partir do 1 de maio de 2019, aos traballadores e traballadoras con fillos ou fillas con diversidade funcional as seguintes cantidades:

– 208 € mensuais durante o ano 2019 e 212 € mensuais a partir do ano 2020 e sucesivos exercicios, como complemento por cada fillo desta condición e con independencia da prestación que a Seguridade Social lle teña recoñecida, de ser o caso, en concepto de axuda por diversidade funcional, para aqueles que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 75 %.

– 146 € mensuais durante o ano 2019 e 149 € mensuais a partir do ano 2020 e sucesivos exercicios, como complemento por cada fillo desta condición e con independencia da prestación que a Seguridade Social lle teña recoñecida, de ser o caso, en concepto de axuda para diversidade funcional, para aqueles que teñan recoñecida unha discapacidade comprendida entre o 50 % e o 74 %.

– 130 € mensuais durante o ano 2019 e 133 € mensuais a partir do ano 2020 e sucesivos exercicios, como complemento por cada fillo desta condición e con independencia da prestación que a Seguridade Social lle teña recoñecida, de ser o caso, en concepto de axuda para diversidade funcional, para aqueles que teñan recoñecida unha discapacidade comprendida entre o 33 % e o 49 %.

Igualmente, como mellora e, polo tanto, en substitución dos importes previstos no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade, naqueles supostos en que o/a cónxuxe do traballador ou traballadora teña unha diversidade funcional do 65% ou superior, Sasegur, S.L. aboará, a partir do 1 de maio de 2019, unha contía de 145,65 € mensuais e de 148,56 € a partir do ano 2020 e sucesivos exercicios.

No caso de que dous traballadores ou traballadoras da empresa teñan dereito á axuda polo mesmo fillo, esta aboarase só a quen de común acordo sinalen ambos os proxenitores. En caso de falta de acordo, Sasegur, S.L. aboará a metade do importe establecido a cada un deles.

b) Licenza para acompañamento de fillos menores de 8 anos para recibir asistencia sanitaria.

Como mellora das licenzas previstas no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade, os traballadores e as traballadoras de Sasegur, S.L., nos casos de enfermidade de fillos ou fillas menores de 8 anos, terán dereito a un máximo de dous días de licenza retribuída ao ano co fin de acompañalos á asistencia sanitaria que estes deban recibir.

Cando o fillo ou a filla menor teña diversidade funcional, esta licenza concederase por un máximo de tres días ao ano.

Para o desfrute desta licenza, o traballador ou traballadora deberá achegar previamente á empresa a documentación que acredite a cita para a asistencia médica ao menor.

No caso de que dous traballadores ou traballadoras da empresa teñan dereito á licenza polo mesmo fillo ou filla, esta só se recoñecerá a quen de común acordo sinalen os proxenitores. En caso de falta de acordo, Sasegur, S.L. recoñecerao ao proxenitor con maior antigüidade na empresa e, en caso de igualdade de antigüidade, ao primeiro deles por orde de apelidos e nome.

c) Licenza por enfermidade grave, accidente, ingreso hospitalario ou intervención cirúrxica.

Como mellora do previsto no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade, os traballadores e as traballadoras de Sasegur, S. L. terán dereito, por enfermidade grave, accidente, ingreso hospitalario ou intervención cirúrxica do cónxuxe, parella de feito acreditada, así como ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de ambos os cónxuxes, a unha licenza de 3 días, ampliables a 4 por desprazamento fóra da provincia de residencia do traballador ou traballadora.

d) Lactación.

Como mellora do previsto no Convenio colectivo estatal das empresas de seguridade e do disposto no artigo 37.4 do Estatuto dos traballadores, acórdase que os traballadores ou traballadoras de Sasegur, S.L. terán dereito a unha hora diaria de licenza por lactación de fillo ou filla de ata 12 meses de idade, cuxo gozo se poderá fraccionar en dous períodos de media hora durante cada día ou ben substituír por unha redución dunha hora na xornada diaria. Alternativamente, poderase optar por substituír esta redución por un permiso retribuído continuado de 23 días.

A duración da licenza incrementarase proporcionalmente nos casos de parto, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento múltiples.

Esta licenza constitúe un dereito individual das traballadoras e traballadores, pero a empresa poderá limitar o seu exercicio simultáneo polas razóns indicadas na lexislación laboral no caso de que ambos traballen en Sasegur, S.L.

4. Entrada en vigor.

As melloras de dereitos recoñecidos nos puntos 3.a), 3.b) e 3.d) do presente acordo entrarán en vigor o día 1 de maio de 2019.

O dereito á mellora, en relación coa previsión do Convenio estatal de empresas de seguridade, da licenza prevista no punto 3.c) do presente acordo entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2021.

As partes acordan delegar no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais a potestade para realizar os trámites oportunos de rexistro, depósito deste acordo ante a autoridade laboral e a súa publicación oficial.

O que asinan as partes, no lugar e na data enriba sinalados, ás 14.30 horas, en proba de conformidade.