Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 5 de xullo de 2019 Páx. 31772

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo de modificación do VI Convenio colectivo autonómico de pompas fúnebres.

Visto o acordo polo que se modifica o VI convenio colectivo autonómico de pompas fúnebres (código 82000565012002), subscrito na xuntanza celebrada o 10.5.2019 entre a representación empresarial AGESEF e Fegaserfu e as organizacións sindicais UGT e CC.OO., e de conformidade co disposto no artigo 90.2 e 3 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo,

A Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (REGCON), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Acta da comisión negociadora do VI Convenio autonómico
de pompas fúnebres de Galicia

En Santiago de Compostela, ás 11.00 horas do día 10 de maio de 2019, na sede de Consello Galego de Relacións Laborais, reúnense as persoas que a continuación se sinalan, que forman parte da comisión negociadora do VI Convenio autonómico de pompas fúnebres de Galicia,

Representación empresarial

Por parte de AGESEF:

José Luis Varela Tabarés

Pedro de Diego Olavarrieta

Por parte de Fegaserfu:

José Becerra Vázquez

Representación sindical

Por parte de UGT:

Óscar Souto Collazo

Miguel Angel Soto García

Pablo Mosquera Rico

Pablo López Fernández

Serafín Alvarez Seoane

Montserrat Lamas Castro

Por parte de CIG:

Roberto Alonso Iglesias (asesor)

Por parte de CC.OO.:

Juan Manuel Baliñas Touzón

Francisco Gil Sánchez

O obxecto da presente xuntanza é corrixir defectos de redacción observados nos artigos 31 e 39 do texto do VI Convenio colectivo autonómico de pompas fúnebres de Galicia, asinado o 15.2.2019 e publicado no DOG nº 73, do 15.4.2019.

Logo das oportunas deliberacións e debate desta comisión negociadora, procede reflectir en acta o seguinte:

Primeiro. As persoas relacionadas no encabezamento da presente acta, en representación da parte empresarial, AGESEF e Fegaserfu, e en representación da parte sindical as centrais sindicais UGT Galicia e S.N de CC.OO de Galicia, asinantes do VI Convenio colectivo do sector de pompas fúnebres de Galicia, acordan corrixir os artigos 31 e 39 do texto do dito convenio, que quedan redactados do seguinte xeito:

«Artigo 31. Axuda por defunción

Cando un/una traballador/a cunha antigüidade superior a seis meses faleza estando en activo, a empresa aboará á persoa previamente designada polo/a traballador/a o importe de seis mensualidades de salario base de convenio máis complemento persoal. Enténdese por mensualidade a cantidade resultante de dividir o salario base anual de convenio máis o complemento persoal entre 12. No suposto de ausencia de designación expresa, o aboamento efectuarase aos herdeiros legais.

As empresas poderán instrumentalizar esta prestación a través dun seguro de vida, circunstancia que deberá ser comunicada a cada traballador.

Respectaranse as condicións particulares de cada empresa que supoñan unhas condicións superiores.

No caso de falecemento dun familiar de ata primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, aboarase para todos os traballadores afectados por este convenio en concepto de axuda a cantidade resultante correspondente de dividir entre 12 o bruto anual da categoría de condutor funerario de primeira».

«Artigo 39. Faltas e sancións

1. As presentes normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, aspecto fundamental para a normal convivencia, ordenación técnica e organización da empresa, así como para a garantía e defensa dos dereitos e intereses lexítimos de traballadores e empresarios.

2. As faltas, sempre que sexan constitutivas dun incumprimento contractual culpable do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa, de acordo coa gradación que se establece no presente artigo.

3. Toda falta cometida polos traballadores será clasificada como leve, grave ou moi grave.

4. A falta, sexa cal sexa a súa cualificación, requirirá comunicación escrita e motivada da empresa ao traballador.

5. A imposición de sancións por faltas moi graves será notificada aos representantes legais dos traballadores, se os houber.

6. Consideraranse como faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo, ata tres ocasións nun mes, por un tempo total inferior a vinte minutos.

b) A inasistencia inxustificada ao traballo dun día, durante o período dun mes.

c) A non comunicación, con antelación previa debida, da inasistencia ao traballo por causa xustificada, salvo que se acreditase a imposibilidade da notificación.

d) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que iso non causase risco á integridade das persoas ou das cousas. De ser así, poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

e) A desatención e falta de corrección no trato co público, cando non se prexudique gravemente a imaxe da empresa.

f) Os descoidos na conservación do material que se teña a cargo ou do que sexa responsable e que produzan deterioracións leves a este.

g) A embriaguez non habitual no traballo.

7. Consideraranse como faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou saída do traballo, ata en tres ocasións nun mes, por un tempo total de ata sesenta minutos.

b) A inasistencia inxustificada ao traballo de dous ou catro días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento de datos que teñan incidencia na Seguridade Social.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do disposto na letra d) do número 8 deste mesmo precepto.

e) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída do traballo.

f) A desobediencia ás ordes e instrucións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, salvo que delas derivasen prexuízos graves á empresa, causen avaría nas instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidente para as persoas, en que serán consideradas como faltas moi graves.

g) A falta de comunicación á empresa dos danos ou anormalidades observados nos útiles, ferramentas, vehículos ou bens ao seu cargo, cando diso derivase un prexuízo grave á empresa.

h) A realización, sen o oportuno permiso, de traballos particulares durante a xornada, así como o emprego de útiles, ferramentas, maquinaria, vehículos e, en xeral, bens da empresa para os cales non estivese autorizado ou para usos alleos aos do traballo encomendado, mesmo fóra da xornada laboral.

i) O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que non produza grave prexuízo para a empresa.

j) A embriaguez habitual no traballo.

k) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afectar o proceso produtivo ou á prestación do servizo e sempre que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

l) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que diso non se derivase prexuízo grave para as persoas ou cousas.

ll) A diminución do rendemento normal no traballo de modo non repetido.

m) As ofensas de palabras proferidas ou de obra, cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando revistan acusada gravidade.

n) A reincidencia na comisión de cinco faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza e sempre que mediase sanción distinta á amoestación verbal, dentro dun trimestre.

8. Consideraranse como faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en dez ocasións durante seis meses, debidamente advertida.

b) A inasistencia inxustificada ao traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos, nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou a apropiación, furto ou roubo de bens propiedade da empresa, compañeiros ou de calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa de enfermidade ou accidente coa finalidade de realizar calquera traballo por conta propia ou allea.

e) O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo á empresa.

f) A embriaguez habitual ou toxicomanía, se repercute negativamente no traballo.

g) A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

h) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

i) A inobservancia dos servizos de mantemento no caso de folga.

j) O abuso de autoridade exercido polos que desempeñen funcións de mando.

k) O acoso sexual.

l) A reiterada non utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

m) As derivadas dos puntos 6.d) e 7. l) e m) do presente artigo.

n) A reincidencia ou reiteración na comisión das faltas graves, considerando como tal aquela situación na cal, con anterioridade ao momento da comisión do feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, aínda de distinta natureza, durante o período de seis meses.

ñ) O incumprimento en materia de protección de datos e novas tecnoloxías.

9. Sancións. As sancións máximas que poderán impoñerse pola comisión das faltas enumeradas no artigo anterior son as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal ou escrita e suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a catorce días.

c) Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de catorce días a un mes, traslado a centro de traballo de localidade distinta durante un período de ata un ano e despedimento disciplinario.

As anotacións desfavorables que, como consecuencia das sancións impostas, puidesen facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ao cumprirse o prazo de seis meses.

Faise especial referencia á prohibición de facilitar calquera dato referente aos servizos prestados polas empresas a persoas físicas ou xurídicas que non estean lexitimamente autorizadas para a súa obtención, que se deberán utilizar exclusivamente para a debida prestación dos servizos solicitados.

O incumprimento desta prohibición será considerado como falta moi grave e será sancionado co despedimento disciplinario, sen prexuízo da adopción doutras medidas legais como a reclamación civil ou penal».

Segundo. A CIG non asina este acordo de corrección ao non ser asinante do convenio.

Terceiro. A presente comisión acorda delegar en Ignacio Bouzada Gil, funcionario do Consello Galego de Relacións Laborais, a realización dos trámites de rexistro, depósito e publicación da presente acta a través do REGCON.

E non tendo máis asuntos que tratar, levántase a xuntanza, ás 11.45 horas do día sinalado no encabezamento, para o cal se expide a presente acta, que asinan todos os asistentes en proba de conformidade.