Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 17 de xullo de 2020 Páx. 28577

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de produtos, proxectos e obras realizados con madeira, e se convocan para o ano 2020 (códigos de procedemento IN502B, IN502C, IN502D e IN502E).

BDNS (Identif.): 514712.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Actuacións obxecto de apoio

Ao abeiro destas bases reguladoras, as convocatorias anuais recollerán as seguintes liñas de apoio:

– Liña 1.1 (código de procedemento IN502B): axudas á redacción de proxectos de execución de construción nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 1.2 (código de procedemento IN502C): axudas a proxectos para o desenvolvemento de envases, embalaxes ou publicidade no lugar de venda (expositores PLV) realizados con madeira.

– Liña 1.3 (código de procedemento IN502D): axudas á redacción de proxectos de execución de novas vivendas unifamiliares ou de rehabilitación ou reconstrución de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 2 (código de procedemento IN502E): axudas á realización de obras de reforma ou acondicionamento de locais comerciais ou de negocio con produtos de madeira.

Segundo. Intensidade, réxime e concorrencia das axudas

1. As axudas que se concedan ao abeiro destas bases concederanse en forma de subvención, como unha porcentaxe do custo subvencionable dentro dos límites de intensidade previstos para cada liña que se indican a seguir e de acordo cos requisitos recollidos nos artigos 6 e 8 destas bases:

a) Liña 1.1.

O importe máximo da subvención será do 80 % do custo dos honorarios técnicos de redacción dos proxectos, sen superar en ningún caso os 25.600 euros.

b) Liña 1.2.

O importe máximo da subvención será ata do 80 % do proxecto para o desenvolvemento de envases, embalaxes ou PLV, incluídos, se é o caso, os custos de ensaios ou verificacións, así como a fabricación, sen superar en ningún caso os 12.000 euros.

c) Liña 1.3.

O importe máximo da subvención será do 80 % do custo dos honorarios técnicos de redacción dos proxectos básico e de execución, sen superar en ningún caso os 16.000 euros.

d) Liña 2.

O importe máximo da subvención será do 80 % do investimento subvencionable, sen superar en ningún caso os 20.000 euros.

Terceiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ter a condición de beneficiarias nas correspondentes convocatorias anuais destas axudas:

– Para as liñas 1.1, 1.2 e 2: empresas e organismos intermedios.

Para os efectos destas bases, considerarase empresa calquera entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que desenvolvan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, as sociedades de persoas e as asociacións que desenvolvan unha actividade económica de forma regular.

Para os efectos destas bases, entenderase como organismo intermedio as organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia, que de forma habitual presten servizos de apoio ás pemes e dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos.

– Para a liña 1.3: persoas físicas.

Terceiro. Contía

As axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que se sinalan no cadro seguinte con cargo aos orzamentos da Axencia Galega da Industria Forestal:

Liña de axuda

Código de proxecto

Aplicación orzamentaria

2020

2021

Total

1.1 IN502B

2019 00003

09.A4.741A.770.0

320.000,00

80.000,00

400.000,00

1.2 IN502C

2019 00003

09.A4.741A.771.0

160.000,00

40.000,00

200.000,00

1.3 IN502D

2019 00003

09.A4.741A.780.0

160.000,00

40.000,00

200.000,00

2 IN502E

2019 00002

09.A4.741A.770.0

765.000,00

135.000,00

900.000,00

Total

1.405.000,00

295.000,00

1.700.000,00

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria e permanecerá aberta ata o 30 de setembro de 2020, ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esta data.

Santiago de Compostela, 6 de julio de 2020

José Ignacio Lema Piñeiro
Director da Axencia Galega da Industria Forestal