Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Xoves, 19 de novembro de 2020 Páx. 45713

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 12 de novembro de 2020 pola que se modifica a adscrición de determinadas fundacións de interese galego e se ordena a súa adscrición ás consellerías competentes para o exercicio das funcións de protectorado.

O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, establecen unha nova estrutura organizativa dos departamentos da Xunta de Galicia, da que resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Esta modificación dá lugar a unha nova distribución de competencias entre as distintas consellerías, para os efectos do exercicio das funcións de protectorado sobre as fundacións de interese galego, por razón das materias que constitúen os fins fundacionais.

Segundo. A adscrición das fundacións ás consellerías competentes por razón da materia comporta o exercicio das funcións de rexistro das fundacións adscritas, de conformidade co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. As fundacións obxecto de readscrición concrétanse nas seguintes:

1. Fundacións de carácter cultural adscritas á anterior Consellería de Cultura e Turismo, e fundacións de carácter educativo adscritas á anterior Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pasan a depender do protectorado e do Rexistro de Fundacións da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Por tratarse de unificación de fundacións nun só protectorado, formalízase a transferencia en bloque, polo que resulta innecesaria a transcrición das denominacións das distintas fundacións.

2. Fundacións de carácter laboral, anteriormente adscritas á Consellería de Economía, Emprego e Industria, que pasan a depender do protectorado e do Rexistro de Fundacións da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Son as seguintes:

Fundación Economato Social de Empresas (Esdeco); Fundación Laboral Santelco; Fundación Laboral Orelco; Fundación Laboral Povelco; Fundación Laboral Elco; Fundación Laboral Pontelco; Fundación Sindical Edelmiro Otero Calvo; Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvemento Tecnolóxico, Emprego e Formación en Galiza (Forga); Fundación Galfor; Fundación Coren; Fundación Mestre Mateo; Fundación Inladi; Fundación Magistra; Fundación Ronsel; Fundación Emprende; Fundación Laboral da Pizarra; Fundación Galega da Muller Emprendedora; Fundación Formación e Xestión Galega (Fexga); Fundación Terra de Trasancos/Cooperativa do Val; Fundación Galega para a Dinamización do Emprego; Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza; Fundación para o Fomento da Iniciativa Empresarial (CEG); Fundación Ceo para el Desarrollo Empresarial; Fundación Difogal; Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo; Fundación Ourensana Hosteser; Fundación para la Pesca y el Marisqueo (Fundamar); Fundación Raizame; Fundación Formavigo; Fundación para la Organización de Nuevas Técnicas Empresariales (FONTE); Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, e Fundación Ricardo Díaz para a Mellora da Calidade de Vida, o Benestar e a Asistencia Social dos Profesionais do Sector do Transporte en Galicia.

Cuarto. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos, na súa reunión do 9 de novembro de 2020, emite informe favorable de readscrición das fundacións de interese galego aos departamentos da Xunta de Galicia competentes para o exercicio das funcións de protectorado, de conformidade co sinalado no punto terceiro.

Consideracións xurídicas:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. A Lei 12/2006 e o Decreto 14/2009 establecen que o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións.

Terceiro. O artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, atribúe competencias de clasificación das fundacións á Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e regula a adscrición ao protectorado e Rexistro de Fundacións de Interese Galego ás consellerías con competencia na materia que constitúen os fins da fundación.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 12/2006 así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da adscrición de determinadas fundacións de interese galego

Modificar a adscricións das fundacións de interese galego aos protectorados da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, de conformidade coa distribución que se relaciona no feito terceiro desta orde.

Disposición adicional primeira. Instrumentalización

1. A instrumentalización do disposto nesta orde efectuarase mediante o traslado material da documentación e datos inscritos na sección do rexistro do protectorado de orixe e recepción polo órgano competente da consellería a que se readscriben.

2. Formalizaranse na aplicación informática do Rexistro de Fundacións de Interese Galego as modificacións descritas mediante a adscrición das fundacións aos protectorados das consellerías correspondentes.

Disposición adicional segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Turismo