Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 22 de xaneiro de 2021 Páx. 4031

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2020 pola que se ordena a publicación do Acordo do 22 de decembro de 2020 polo que se resolve a convocatoria do I Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz.

Por acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 23 de setembro de 2020, creouse o Premio Carlos G. Otero Díaz para promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións públicas e aprobáronse as súas bases reguladoras (DOG núm. 215, do 12 de novembro de 2019).

Por acordo do mesmo órgano, do 6 de marzo de 2020, convocouse o I Premio Carlos G. Otero Díaz e designouse o xurado (DOG núm. 80, do 27 de abril de 2020).

Valorados os traballos presentados, o xurado emitiu a súa decisión o día 26 de novembro de 2020 e elevou a súa proposta ao Pleno que adoptou o acordo de concesión na sesión do día 22 de decembro de 2020.

Dando cumprimento ao disposto na base 12 do Acordo do Pleno polo que se crea o Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión,

RESOLVO:

Ordenar a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 22 de decembro de 2020, polo que se acorda a concesión do I Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2020

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 22 de decembro de 2020, polo que se concede o I Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz

Primeiro. Non valorar os seguintes traballos de investigación, polas causas que se expoñen a continuación:

– «Análise dos Fondos Europeos para Innovación Rexional: Avaliación da Execución do Fondo Tecnolóxico e do Programa Feder-Innterconecta para Galicia en 2007 2015», presentado baixo o pseudónimo Sísifo, ao presentar o anexo II nun sobre aberto, incumprindo o disposto na letra c) da base 6.2 do Acordo do pleno polo que se establecen as bases reguladoras do premio.

– «Cara a unha Administración local ética, responsable e eficiente» presentado baixo o pseudónimo Maalcava, ao non ter a extensión mínima de 100 folios exixida pola base 7 das bases reguladoras do premio.

– «Galicia. Uruguay. La vanguardia artística gallega en el Río de la Plata. 1930-1940» presentado baixo o pseudónimo Caridad De Las Heras, xa que o contido do traballo non garda relación coa prevención da corrupción nas administracións públicas, tal e como exixe a base 1 das bases reguladoras do premio.

Segundo. Declarar desertos o primeiro e segundo premios e conceder un accésit a José Antonio Fernández Ajenjo, autor do traballo titulado «Instituciones de investigación administrativa y auditoría forense para la prevención del fraude y la corrupción en las administraciones públicas» presentado baixo o pseudónimo AAA, polas seguintes razóns, entendendo que se cumpren os criterios de valoración previstos na base 10 das bases reguladoras:

– A estrutura do traballo responde a unha selección de institucións vinculadas ás investigacións administrativas de natureza preventiva na loita contra a corrupción. Preséntase mediante un estilo narrativo orixinal, como recoñece o autor «a medio camiño entre un manual básico na materia e unha guía de boas prácticas» mediante a técnica de parágrafos monotemáticos que adoitan ir acompañados por algunha nota exemplificativa, renunciando a un texto literariamente máis elaborado.

– Destácase entre as principais achegas do texto a presentación dos conceptos fundamentais e os principais instrumentos xurídicos, explicados dunha maneira moi directa e sintética, xunto cunha xurisprudencia moi actual, incluíndo a europea, así como a mención en notas de referencias exemplificativas das distintas achegas autonómicas.

– Todo iso fai que esteamos ante unha obra de grande utilidade práctica para os estudosos das experiencias normativas sobre prevención da corrupción e as máis recentes resolucións dos nosos tribunais de xustiza administrativa ou constitucional.

Terceiro. Comunicar ao autor do traballo a concesión do accésit ao seu enderezo electrónico, tras prestar o seu consentimento expreso previsto para tal efecto no anexo II da convocatoria.

Cuarto. Proceder ao pagamento do importe do accésit (1.000 euros) con cargo á partida orzamentaria 02.01.111C.481.01, mediante a tramitación do correspondente expediente de gasto, segundo o previsto na normativa económico-financeira de aplicación.

Contra o presente acordo, que pon fin á vía administrativa consonte co artigo 91.2 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o Pleno no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto nos artigos 8.2.a) e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.