Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 19 de maio de 2021 Páx. 24580

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2021 pola que se modifica parcialmente a Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento TU981A).

No Diario Oficial de Galicia núm. 233, do 9 de decembro de 2019, publicouse a Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria.

A concesión das ditas bolsas foi publicada no taboleiro de anuncios da páxina web da Axencia Turismo de Galicia o 29 de xuño de 2020.

A bolsa destinada á Área de Estudos tiña como finalidade permitir a titulados/as en diversas materias, ampliar experiencia e coñecementos sobre o mercado turístico galego.

No artigo 2 das bases da convocatoria establécese que o programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021. Máis concretamente, a bolsa de formación práctica especializada na Área de Estudos e Investigación terá unha duración máxima de doce (12) meses contados a partir da data de incorporación da persoa bolseira que será, previsiblemente, o 1 de marzo de 2020.

Estando a convocatoria na fase final de avaliación das candidaturas, o 11 de marzo de 2020 a Organización Mundial da Saúde declarou o brote da coronavirus (COVID-19) como unha pandemia. O 14.3.2020 o goberno de España decretou o estado de alarma. Esta situación provocou que a incorporación do bolseiro non fose efectiva ata o 7 de xullo de 2020.

Durante a execución deste período formativo entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia da coronavirus (COVID-19) (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

Considerando os dous puntos precedentes a Axencia Turismo de Galicia, ante esta circunstancia extraordinaria, considera conveniente propoñer unha prórroga da convocatoria actual, permitindo a persoa bolseira completar a súa formación no eido da investigación e análise de datos do mercado turístico galego, tendo en conta que esta formación viuse interrompida de xeito importante polos acontecementos relatados, impedíndolle acadar os obxectivos inicialmente pretendidos coa bolsa concedida.

Por todo o exposto, para o interese xeral, estímase necesario e conveniente ampliar a duración da bolsa da Área de Estudos prevista na Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modificado polo Decreto 138/2019, do 24 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo1

Ampliar, de forma extraordinaria pola situación derivada da COVID-19, ata o 7 de xullo de 2022 o prazo previsto para a bolsa da Área de Estudos no artigo 2 da Resolución do 28 de novembro de 2019 pola que se regulan as bases para a concesión de quince bolsas de formación práctica en diversas áreas para os anos 2020 e 2021, e se procede á súa convocatoria.

Artigo 2

Habilitar para esta ampliación o importe de vinte e seis mil novecentos vinte e catro euros con sesenta e catro céntimos (26.924,64 €), que se distribuirá do seguinte xeito:

– Anualidade 2021:

05.A2.761A.480.0: 10.943,60 €.

05.A2.761A.484.0: 275,00 €

– Anualidade 2022:

05.A2.761A.480.0: 15.321,04 €.

05.A2.761A.484.0: 385,00 €.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 600,60 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por continxencias comúns e profesionais.

Artigo 3

Coa entrada en vigor da presente orde, a Axencia Turismo de Galicia comunicará a actual persoa beneficiaria da bolsa a nova duración, co obxecto de que manifeste por escrito a súa conformidade no prazo de dez días contado desde a recepción da notificación.

No caso de que a persoa beneficiaria manifeste a súa non disposición para a realización total ou parcial da estadía, deberá comunicalo no mesmo prazo á dirección xeral, quen emitirá resolución expresa, autorizando ou denegando as pretensións solicitadas.

A denegación, se é o caso, dará lugar a unha nova concesión, empregándose a prelación da listaxe de reserva, segundo o disposto no artigo 12 das bases da convocatoria. As persoas adxudicatarias incorporaranse segundo o establecido na dita orde e terán as mesmas obrigas que as persoas candidatas inicialmente seleccionadas.

A renuncia á bolsa dará lugar á perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia