Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Xoves, 25 de novembro de 2021 Páx. 57698

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 2021, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Trioza erytreae Del Guercio ou psílido africano dos cítricos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O psílido africano dos cítricos, Trioza erytreae Del Guercio, orixinario de África e amplamente distribuído nese continente, foi detectado en Europa inicialmente nos territorios insulares das Azores, Madeira e Canarias. En prospeccións oficiais realizadas durante o ano 2014 detectouse a presenza deste organismo nocivo dentro da Comunidade Autónoma de Galicia en varios concellos das provincias da Coruña e Pontevedra.

A Trioza erytreae Del Guercio é unha praga incluída na lista A2 da EPPO (European Plant Protection Organization), e a enfermidade que transmite, chamada Huanglongbing (HLB), causada pola bacteria Candidatus Liberibacter africanus, está encadrada na lista A1 (EPPO, 2014), polo que ambos son parasitos de corentena sometidos a regulación, e por tanto é necesario tomar medidas para a súa erradicación e control.

Este organismo nocivo tamén foi incluído no anexo II do Regulamento de execución (UE) 2019/2072 da Comisión 28 do novembro de 2019 polo que se establecen condicións uniformes para a execución do Regulamento (UE) 2016/2031 do Parlamento Europeo ou do Consello no que se refire ás medidas de protección contra as pragas dos vexetais, se deroga o Regulamento (CE) 690/2008 da Comisión e se modifica o Regulamento de execución (UE) 2018/2019 da Comisión, no que a praga figura incluída na lista de pragas corentenarias da Unión.

A través da Resolución do 10 de febreiro de 2015, da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, publicada no DOG núm. 36, do 23 de febreiro, foi declarada a presenza desta praga de corentena e foron establecidas as medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia. Posteriormente, as resolucións do 1 de xullo de 2015 (DOG núm. 135, do 20 de xullo), do 11 de febreiro de 2016 (DOG núm. 44, do 4 de marzo), do 1 de xuño de 2017 (DOG núm. 119, do 23 de xuño) e do 4 de maio de 2020 (DOG núm. 88, do 8 de maio) foron ampliando sucesivamente estas zonas demarcadas.

Durante as prospeccións oficiais realizadas nos anos 2020 e 2021 producíronse novas deteccións deste organismo noutras zonas do territorio, e polo tanto, en aplicación do establecido no punto 4 da Resolución do 1 de xullo de 2015, deberá ser publicada a nova extensión destas zonas demarcadas.

Por outra banda, compre adaptarse as modificacións introducidas no anexo VIII do Regulamento de execución (UE) 2019/2072 da Comisión, do 28 de novembro de 2019, polo que se establecen condicións uniformes para a execución do Regulamento (UE) 2016/2031 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ás medidas de protección contra as pragas dos vexetais, derrógase o Regulamento (CE) 690/2008 da Comisión e modifícase o Regulamento de Execución (UE) 2018/2019 da Comisión, no cal se determinan os requirimentos especiais para o traslado de vexetais de Citrus L., Choisya Kunth, Fortunella Swingle, Poncirus Raf., e os seus híbridos, e Casimiroa La Llave, Clausena Burm f., Murraya J. Koenig ex L., Vepris Comm., Zanthoxylum L., excepto os froitos e as sementes, dentro da Unión.

Así mesmo, o Real decreto 491/2020, do 21 de abril, polo que se modifica o Real decreto 23/2016, do 22 de xaneiro, polo que se establece o programa nacional de control e erradicación de Trioza erytreae, e o programa nacional de prevención de Diaphorina citri y Candidatus Liberibacter spp., implementa cambios para permitir a circulación de vexetais de especies sensibles, sempre que cumpran as condicións da nova normativa da Unión Europea, incluíndo as recomendacións efectuadas no marco da Auditoría da Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea (DG SANTE) sobre Trioza erytreae e citrus greening (17 ao 27 de setembro de 2019). Estas medidas están recollidas na Resolución do 4 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Trioza erytreae Del Guercio ou psílido africano dos cítricos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o anteriormente exposto,

RESOLVO:

1. Establecer como zonas demarcadas pola existencia da praga denominada Trioza erytreae Del Guercio, psílido africano dos cítricos, na Comunidade Autónoma de Galicia as que se indican no anexo I desta resolución. A listaxe actualizada de parroquias e concellos afectados dentro desas zonas demarcadas poderán consultarse na páxina web oficial (https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/agricultura/sanidade-vexetal/organismos-nocivos-de-corentena).

2. Na zona demarcada será de aplicación os requirimentos establecidos na Resolución do 4 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Trioza erytreae Del Guercio ou psílido africano dos cítricos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias

ANEXO I

Mapa das zonas demarcadas de Trioza erytreae Del Guercio

missing image file