Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 9 de xuño de 2022 Páx. 33874

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 12 de maio de 2022, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade á convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O artigo 92.bis, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificou, no seu punto 6, a regulación dos sistemas de provisión definitiva dos postos de traballo reservados á escala de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, sendo o concurso o sistema normal de provisión dos citados postos de traballo e o seu ámbito territorial de carácter estatal. En particular, a citada normativa establece unha nova porcentaxe para a valoración dos méritos xerais, méritos de determinación autonómica e méritos específicos.

O citado precepto remite a regulación das especialidades correspondentes da forma de provisión de postos reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional a un desenvolvemento regulamentario, aprobado polo Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, que regula nos artigos 28 e seguintes esta materia e que se desenvolveu mediante a Orde TFP/153/2021, do 16 de febreiro, do extinto Ministerio de Política Territorial e Función Pública, pola que se regula a valoración dos méritos xerais do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, levando a cabo as adecuacións necesarias á nova regulación e a concreción das puntuacións asignadas a cada un dos méritos xerais para efectos de provisión de postos de traballo reservados e establecendo as regras xerais de determinación dos méritos específicos.

De acordo coa anterior normativa e co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, en uso das atribucións conferidas polo Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade á convocatoria do concurso ordinario para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, aprobada por unha corporación local de Galicia, que se inclúe no anexo desta resolución.

Segundo. Respecto ao contido común das bases reguladoras, esta resolución remítese á publicación que realizará a Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública no Boletín Oficial del Estado, que servirá de base para o cómputo dos prazos.

Terceiro. Coñecemento da lingua galega

O coñecemento da lingua galega acreditarase nos termos sinalados no Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios/as con habilitación de carácter nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a presentación coa solicitude de participación no concurso da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou do seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

O tribunal de valoración realizará unha proba de carácter eliminatorio aos/ás aspirantes que non acrediten a posesión do Celga 4 ou equivalente. Esta proba, que se valorará co resultado de apto ou non apto, está destinada a avaliar un grao de coñecemento do galego equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente. Para a realización desta proba o tribunal de valoración incorporará asesores/as especialistas en lingua galega designados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Cuarto. Méritos de determinación autonómica

A valoración dos méritos autonómicos realizaraa o tribunal de conformidade coas regras e puntuacións establecidas no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, ata un máximo de 3 puntos.

Para a valoración dos méritos autonómicos os tribunais de valoración poderán solicitar á Dirección Xeral de Administración Local un informe respecto da puntuación das solicitudes presentadas.

Para tales efectos, o baremo de méritos autonómicos relacionados, co coñecemento das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia está constituído polos seguintes:

a) Cursos de formación e perfeccionamento: ata un máximo de 1,5 puntos.

b) Experiencia profesional: ata un máximo de 0,90 puntos.

c) Actividade docente: ata un máximo de 0,30 puntos.

d) Publicacións: ata un máximo de 0,30 puntos.

A forma de valoración que corresponde a cada un dos méritos autonómicos é a que se indica a continuación:

a) Cursos de formación e perfeccionamento.

Teranse en conta, unicamente, os cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública, universidades e organismos públicos dedicados á formación e perfeccionamento do persoal ao servizo das administracións públicas, que previamente fosen homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública para estes efectos.

Só se valorarán aqueles cursos que teñan por obxecto a aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia; exceptúanse os que forman parte dos procesos selectivos correspondentes.

A puntuación de cada curso dentro da escala de 0,10 a 1,5 será establecida pola Escola Galega de Administración Pública en función da relación da materia impartida coas funcións reservadas aos/ás funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, o grao de dificultade do curso, o número de horas lectivas e o sistema de avaliación.

As convocatorias dos cursos formuladas pola Escola Galega de Administración Pública indicarán a puntuación outorgada para estes efectos. Para o suposto de que a puntuación dalgún curso non estivese determinada na súa convocatoria, e o seu obxecto corresponda coa aprendizaxe das especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia (e sempre que non formase parte dos procesos selectivos correspondentes), valorarase de conformidade cos criterios establecidos pola consellería competente en materia de réxime local en coordinación coa EGAP, do xeito que se describe a seguir:

– Cursos con certificado de asistencia de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,10 puntos por curso.

– Cursos con certificado de asistencia de duración superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración comprendida entre 20 e 40 horas: 0,30 puntos por curso.

– Cursos con certificado de aproveitamento de duración superior a 40 horas: 0,40 puntos por curso.

Non se valorarán os diplomas relativos á realización de congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros e semellantes, nin aqueles cursos realizados con máis de 15 anos de antelación á data da resolución pola que se aproba a convocatoria do concurso.

b) Experiencia profesional.

Valorarase a experiencia profesional consistente no exercicio de funcións na Administración autonómica ou nas entidades locais de Galicia, que impliquen o coñecemento da organización territorial e da normativa autonómica de Galicia, segundo se indica:

b.1) Servizos prestados como funcionarios/as de carreira con habilitación de carácter nacional en postos reservados nas entidades locais de Galicia:

b.1.1) Da mesma subescala e categoría á cal se concursa: 0,03 puntos/mes.

b.1.2) De distinta subescala ou/e categoría á cal se concursa: 0,02 puntos/mes.

b.2) Servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma galega como funcionario/a de carreira en postos non reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter nacional:

b.2.1) Do subgrupo A1: 0,01 puntos/mes.

b.2.2) Do subgrupo A2: 0,005 puntos/mes.

c) Actividade docente.

A actividade docente valorarase cando vaia dirixida ao ensino das materias sobre organización territorial e normativa autonómica de Galicia, réxime local, procedemento administrativo, contratación pública, servizos públicos, urbanismo, persoal, réxime económico e financeiro das entidades locais en cursos organizados, homologados ou recoñecidos pola Escola Galega de Administración Pública ou realizados en colaboración con ela.

A súa valoración será a razón de 0,01 puntos por hora impartida en cursos; exclúense congresos, conferencias, seminarios, xornadas, simposios, encontros ou semellantes.

d) Publicacións.

Valoraranse as publicacións de monografías ou artigos sobre materias relativas ás especialidades da organización territorial e do dereito propio de Galicia, a razón de 0,10 puntos por cada monografía e 0,05 puntos por cada artigo, sempre que aparezan en publicacións con ISBN ou ISSN.

Os/as concursantes acreditarán os méritos que aleguen mediante a presentación das certificacións correspondentes ou da copia dos títulos debidamente compulsados, así como, de ser o caso, das publicacións referidas.

Quinto. Méritos específicos

Os méritos específicos para cada posto de traballo son os que se inclúen no anexo desta resolución.

Sexto. Valoración de méritos

O tribunal de valoración comprobará que concorran nos concursantes os requisitos que figuren na convocatoria e excluirá quen non os reúna. Así mesmo, comprobará o coñecemento da lingua galega nos termos previstos no Decreto 103/2008, do 8 de xuño. A continuación puntuará, respecto dos non excluídos, os méritos do seguinte modo:

– Méritos xerais, ata un máximo de 24 puntos, segundo a relación individualizada de méritos xerais do persoal habilitado nacional que aprobe a Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Facenda e Función Pública, sen que sexa posible ningunha acreditación adicional por parte dos concursantes nin valoración distinta por parte do tribunal.

– Méritos de determinación autonómica, ata un total de 3 puntos.

– Méritos específicos, ata un total de 1,50 puntos.

A valoración dos méritos de determinación autonómica e dos méritos específicos efectuarase con base na documentación acreditativa achegada polas persoas concursantes.

Respecto dos postos que non teñan méritos específicos, o tribunal asignará unicamente a puntuación de méritos xerais e de méritos autonómicos.

En caso de empate na puntuación final de méritos de dous ou máis concursantes, o tribunal dará prioridade na proposta de adxudicación a aquela persoa que obtivese maior puntuación en méritos específicos. De manterse o empate, dará prioridade a quen teña máis alta puntuación en méritos de determinación autonómica. De persistir este, resolverase conforme a orde de prelación dos méritos xerais, seguindo a orde de enumeración do artigo 32 do Real decreto 128/2018. En última instancia, o empate resolverase con base na orde de prelación no proceso selectivo.

Sétimo. Os actos administrativos das corporacións locais e dos tribunais de valoración realizados no procedemento do concurso poderán ser impugnados conforme o previsto nos artigos 121 e 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases específicas que rexen as convocatorias

– Secretaría de entrada do Concello de Outeiro de Rei (Lugo):

Entidade e provincia: Concello de Outeiro de Rei (Lugo).

Denominación e clase do posto: Secretaría do Concello de Outeiro de Rei.

Subescala e categoría: Secretaría de entrada, clase segunda.

Poboación con data do 1 de xaneiro de 2021: 5.216 habitantes.

Nivel de complemento de destino: 30.

Complemento específico: 43.709 euros.

* Baremo de méritos específicos.

A) Publicacións de manuais ou artigos (ata un máximo de 0,60 puntos): o contido dos manuais ou artigos versará sobre materias relacionadas co persoal, emprego público e xestión de recursos humanos, contratación pública, urbanismo e ambiente, xestión de servizos públicos, organización e funcionamento das entidades locais e administración electrónica. Valoraranse só os manuais e/ou artigos aparecidos en publicacións con ISBN ou ISSN.

As citadas publicacións serán valoradas a razón de 0,10 puntos por cada manual ou artigo. Considérase necesario valorar positivamente as publicacións relacionadas coas materias enumeradas anteriormente, directamente relacionadas coas características e funcións correspondentes ao posto de traballo de Secretaría que implican o estudio en profundidade, a especialización e a excelencia nas materias anteriormente enumeradas que, ao referirse ás propias da actividade municipal, implican a adquisición dos coñecementos que resultarán positivos para a eficacia e eficiencia municipais.

B) Actividade docente (ata un máximo de 0,60 puntos): actividades de dirección, titorización e/ou impartición en accións formativas (excluídos congresos, conferencias, xornadas e simposios, encontros ou similares) que versen sobre materias relacionadas co persoal, emprego público e xestión de recursos humanos, contratación pública, urbanismo e ambiente, xestión de servizos públicos, organización e funcionamento das entidades locais, procedemento administrativo e réxime xurídico do sector público e administración electrónica. Soamente será valorada a actividade docente en accións formativas homologadas ou recoñecidas polo INAP, EGAP, universidades ou outras entidades de dereito público con competencias en materia de formación ao persoal ao servizo do sector público, a razón de 0,10 puntos por acción formativa impartida, dirixida ou titorizada. Acreditarase mediante certificado emitido polo organismo competente.

A valoración deste mérito está vinculada directamente ás funcións do posto, xa que a actividade docente implica o estudo en profundidade, a especialización e a excelencia nas materias que se imparten que, ao referirse ás propias da actividade municipal, implican a adquisición duns coñecementos que resultarán positivos para a eficacia e eficiencia municipais.

C) Experiencia profesional (ata un máximo de 0,3 puntos): por prestar servizos como secretario de entrada en municipios de características similares (entendendo como tales aqueles con poboación comprendida entre os 5.000 e os 8.000 habitantes), a razón de 0,01 puntos por mes traballado.

En ningún caso se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias. Tampouco serán tidos en conta aqueles méritos que se baseen exclusivamente en afirmacións vertidas polo solicitante na súa instancia ou nas aclaracións que ofreza, en caso de seren solicitadas posteriormente polo tribunal.

D) Entrevista persoal.

Non se prevé a realización de entrevista persoal.

* Méritos de valoración autonómica:

A valoración dos méritos autonómicos efectuarase de conformidade co disposto no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

* Méritos xerais:

A valoración dos méritos xerais efectuarase de conformidade co disposto na normativa estatal reguladora.

* Coñecemento da lingua galega:

De acordo co establecido no Decreto 103/2008, do 8 de maio, exíxese como requisito o coñecemento da lingua galega, que se acreditará mediante a presentación, coa solicitude de participación no concurso ou da petición de cobertura do posto, da documentación xustificativa de estar en posesión do certificado da lingua galega Celga 4 ou do seu equivalente.

E) Comisión de Valoración:

– Tribunal titular:

Presidenta: María Isabel Pernas Sánchez, interventora do Concello de Outeiro de Rei (Lugo).

Secretario e 1º vogal: José María Vázquez Pita, secretario do Concello de Arteixo (A Coruña).

2ª vogal: María García Ferro, secretaria-interventora do Concello de Castroverde (Lugo).

3º vogal: Julio González Casanova, secretario-interventor do Concello de Friol.

4º vogal: Vicente Calvo del Castillo, interventor do Concello de Oleiros (A Coruña).

– Tribunal suplente:

Presidenta: Luz María Villa Álvarez, interventora do Concello de Arteixo (A Coruña).

Secretaria e 1ª vogal: Mónica Bello Novo, tesoureira do Concello de Vilalba (Lugo).

2ª vogal: Begoña Teijeiro Campo, secretaria-interventora do Concello de Barreiros (Lugo).

3º vogal: Celestino Amigo Liñares, secretario-interventor do Concello de Palas de Rei (Lugo).

4ª vogal: Alejandra Dolores Fandiño Sánchez, secretaria-interventora do Concello de Sobrado (A Coruña).