Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Xoves, 22 de decembro de 2022 Páx. 65113

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2022 pola que se ordena a publicación do Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade.

Exposición de motivos

O Consello de Goberno da USC, na súa sesión do 28 de outubro de 2022, aprobou o Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na Universidade de Santiago de Compostela.

Por isto, esta reitoría

RESOLVE:

Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado polo Consello de Goberno da USC na súa sesión do 28 de outubro de 2022.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario
e do procedemento de aseguramento da súa calidade
na Universidade de Santiago de Compostela

Aprobado polo Consello de Goberno o 28 de outubro de 2022.

Exposición de motivos

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) vén ofertando titulacións adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) desde o curso 2006/07, cando se implantaron os primeiros programas oficiais de posgrao. Posteriormente, coa publicación do Real decreto 1393/2007 polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, a Universidade adaptou aos principios do EEES tanto a oferta de posgrao oficial (mestrados universitarios) como a do primeiro ciclo dos estudos universitarios (titulacións de grao). Así mesmo, a USC foi regulando estas titulacións mediante distintas normas aprobadas no seu Consello de Goberno. A última destas normas é o Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado na USC, aprobado no Consello de Goberno do 28 de xullo de 2017.

O Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias e o aseguramento da súa calidade (Boletín Oficial del Estado (BOE) do 29 de setembro de 2021), derroga o anterior Real decreto 1393/2007 e actualiza certos aspectos básicos da ordenación das ensinanzas universitarias e do sistema de aseguramento da súa calidade.

Este real decreto mantén a estrutura básica da oferta académica, configurada en tres ciclos: grao, mestrado e doutoramento. Regula a duración dos graos en 240 créditos (excepcionalmente poderán ser de 300 ou 360 créditos, se así o indican as directrices europeas); tamén regula a duración dos mestrados universitarios en 60, 90 ou 120 créditos.

O real decreto adscribe os títulos de grao e mestrado a determinados ámbitos de coñecemento, no canto de facelo a ramas de coñecemento. Promove, así mesmo, a innovación docente, de forma que se converta nunha estratexia fundamental das universidades. Tamén regula certas modalidades de oferta de grao que viñan organizando as universidades sen unha norma estatal (programas de simultaneidade de estudos, graos abertos).

Finalmente, regula con maior detalle o sistema de aseguramento da calidade dos títulos universitarios oficiais (ciclo de verificación, seguimento, modificación e renovación da acreditación).

Todos estes cambios que se producen nunha norma básica que regula os estudos oficiais de grao e mestrado, xunto á necesidade de adaptación ás normas emanadas da Comunidade Autónoma en virtude das súas competencias na coordinación da educación superior e á necesidade de actualizar a regulación propia da USC neste ámbito, fan necesaria a actualización do Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado na USC.

De acordo con todo o anterior, o Consello de Goberno da Universidade, na súa sesión do 28 de outubro de 2022, acorda aprobar o Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario e do procedemento de aseguramento da súa calidade na Universidade de Santiago de Compostela.

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta normativa ten por obxecto regular a organización e a estrutura dos estudos oficiais de grao e de mestrado universitario conducentes á obtención dos títulos de graduado/a e de mestrado universitario pola USC, que terán carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, con base nos principios xerais que definen o EEES e nas normas estatais e autonómicas que o desenvolven.

Así mesmo, desenvolve o procedemento de aseguramento da calidade das titulacións de grao e mestrado universitario.

Artigo 2. Definicións

Nesta normativa enténdese por:

a) Ciclo VSMA: procedementos de aseguramento da calidade das ensinanzas universitarias (verificación, seguimento, modificación e renovación da acreditación).

b) Universidade responsable: no caso de títulos conxuntos entre universidades do Sistema universitario galego (SUG), a universidade encargada da tramitación da solicitude do título perante a Comunidade Autónoma e da xestión do ciclo VSMA. No caso de títulos conxuntos con participación de universidades externas ao SUG, a universidade do SUG responsable da tramitación do expediente de solicitude perante a Comunidade Autónoma.

c) Universidade coordinadora: no caso de títulos conxuntos, tanto do SUG como con participación de universidades externas ao SUG, a universidade responsable da coordinación académica do título. A universidade coordinadora dun título non ten que coincidir coa universidade responsable e pode rotar entre as universidades participantes.

d) Centro responsable: centro (facultade ou escola) a que se adscribe o título (grao ou mestrado universitario) e ao cal corresponderá a tramitación da memoria e a xestión do ciclo VSMA. Só pode haber un centro responsable de cada título.

e) Centro de impartición: centro (facultade ou escola) en que o título se imparte de forma íntegra. Poden existir varios centros de impartición de cada título.

Artigo 3. Obxectivos das titulacións de grao

Os títulos oficiais de grao teñen como obxectivo a formación xeral do estudantado nunha ou varias disciplinas, orientada á preparación para o exercicio de actividades de carácter profesional. Nestes programas de estudo primarase a formación básica e xeral do/da estudante fronte á especialización.

Artigo 4. Obxectivos das titulacións de mestrado universitario

Os títulos oficiais de mestrado universitario teñen como obxectivo a formación avanzada do estudantado, de carácter especializado ou multidisciplinar, orientada ben á especialización académica ou profesional do/da estudante, ben a promover a súa iniciación en tarefas investigadoras.

Artigo 5. Principios reitores xerais dos títulos universitarios

1. Os principios que deben inspirar o desenvolvemento de títulos universitarios son: o rigor académico do proxecto formativo; o cariz xeneralista no caso dos graos e especializado no caso dos mestrados universitarios; a coherencia entre os obxectivos formativos, as competencias que se deben adquirir e os sistemas de avaliación; a súa comprensibilidade social.

2. Así mesmo, deben ter como referencia os principios e valores democráticos e os obxectivos de desenvolvemento sustentable: o respecto aos dereitos humanos e dereitos fundamentais; o respecto á igualdade de xénero; a non discriminación por calquera circunstancia persoal ou social; o respecto aos principios de accesibilidade universal; o tratamento da sustentabilidade.

3. Estes principios deberán incorporarse, na medida posible segundo a natureza do título e co formato que o centro responsable ou a universidade decida, como contidos ou competencias de carácter transversal.

Artigo 6. Requisitos xerais

1. Os títulos oficiais deben garantir unha oferta equilibrada de calidade e con pertinencia para Galicia e cumprir os seguintes requisitos: ter en conta a estrutura económica da Comunidade Autónoma, as necesidades do seu mercado laboral e a existencia dunha demanda real na sociedade; ter carácter esencial e estratéxico; acreditar a súa viabilidade económica; fomentar o espírito emprendedor; estar incardinados en redes internacionais de calidade; incluír mecanismos de adaptación á demanda social; diferenciarse, como mínimo nun 50 % de créditos, doutros títulos do SUG; encadrarse na oferta global galega.

2. Ademais destes requisitos xerais, o desenvolvemento da normativa autonómica e os diversos acordos coas universidades do SUG poderán incorporar outros requisitos específicos e/ou outras prioridades.

Artigo 7. Memorias dos títulos

As memorias dos títulos oficiais estruturan os obxectivos formativos, os coñecementos e contidos que se adquirirán, as competencias e habilidades que se deben conseguir, as prácticas externas que se realizarán para reforzar o proxecto formativo e o sistema de avaliación do estudantado matriculado na titulación.

Artigo 8. Adscrición a ámbitos de coñecemento

Todos os títulos de grao e mestrado universitario deberán adscribirse, a través dunha declaración explícita na memoria de verificación, a un dos ámbitos de coñecemento recollidos no anexo I do Real decreto 822/2021.

Artigo 9. Títulos conxuntos

1. Poderán desenvolverse graos e mestrados conxuntos impartidos por varias universidades, conducentes á obtención dun título único. Estes títulos terán unha única denominación e un único plan de estudos e estarán regulados por un convenio que se incorporará á memoria da titulación.

2. No convenio que regule os títulos conxuntos acordarase que universidade será a responsable do título e, polo tanto, a encargada da presentación da memoria nos diversos procedementos de aseguramento da calidade establecidos no Real decreto 822/2021. Tamén se regulará a participación de cada universidade na docencia a través do seu respectivo profesorado, as normativas académicas e de avaliación que se seguirán, a responsabilidade na emisión do título e a xestión dos expedientes do estudantado matriculado. Ademais, tratará a composición e as funcións da Comisión Interuniversitaria, a xestión da mobilidade do alumnado e do profesorado (de ser o caso), os mecanismos de transferencia de prazas vacantes entre universidades participantes, a achega económica de cada universidade (de ser o caso) e a modificación e extinción do propio convenio.

3. Se a universidade responsable do título conxunto non é española, as universidades españolas participantes acordarán cal institución será a responsable da tramitación do título e do ciclo VSMA en España.

4. Se nun título conxunto participan varias universidades do SUG e ningunha é a responsable do título, os/as representantes destas universidades acordarán cal institución do SUG será a encargada da tramitación do título perante a Comunidade Autónoma.

5. Para considerar a participación da USC en títulos conxuntos, como norma xeral, o número de créditos de materias de formación básica, de materias obrigatorias e de materias optativas deberá gardar unha proporción similar á das demais universidades participantes.

6. Nos títulos conxuntos internacionais en que participe a USC, corresponderalle a custodia dos expedientes do estudantado ao cal lle expida o título, así como o mantemento dunha copia dos expedientes do alumnado que curse o título. Os mestrados internacionais Erasmus Mundus rexeranse pola súa normativa específica.

7. En xeral, as titulacións universitarias conxuntas internacionais deberán ter en conta o establecido nas disposicións adicionais sexta, sétima e oitava do Real decreto 822/2021.

Artigo 10. Traballo académico do/da estudante

O crédito ECTS enténdese como a medida do haber académico e representa a cantidade de traballo do/da estudante para cumprir cos obxectivos do programa de estudo. Na USC, un crédito ECTS é equivalente a 25 horas de traballo do/da estudante. A partir deste punto, calquera referencia a créditos neste regulamento entenderase referida a créditos ECTS.

CAPÍTULO II

Órganos responsables das titulacións

Artigo 11. Órganos competentes na tramitación e xestión dos títulos

1. Os estatutos da USC establecen as competencias das facultades e escolas no relacionado cos títulos oficiais de grao e mestrado universitario. Así mesmo, regulan a participación das xuntas de centros nos procesos relacionados cos títulos oficiais de grao e mestrado universitario.

2. Correspóndelle ao Consello de Goberno a aprobación de novas propostas e modificacións das titulacións oficiais de grao e mestrado universitario.

Artigo 12. Coordinador/a de título

1. O/a coordinador/a do título será a persoa responsable de lideralo. Deberá ser un/unha docente doutor/a, con dedicación a tempo completo e docencia no título. No caso dos graos, o/a coordinador/a poderá ser tamén un/unha docente non doutor/a, pero deberá cumprir as demais condicións.

2. A xunta de centro, por proposta do/da decano/a ou do/da director/a, aprobará a proposta de coordinador/a de título, da que se dará traslado á vicerreitoría competente en materia de titulacións. O nomeamento do/da coordinador/a é competencia do/da reitor/a.

3. No caso de titulacións que se impartan en varios centros, existirá un/unha coordinador/a de título en cada un deles, que será responsable da implantación e desenvolvemento do título no centro.

4. Os títulos conxuntos en que participe a USC tamén terán, ademais do/da coordinador/a xeral do título, un/unha coordinador/a de título na USC, elixido/a da mesma forma que no caso dos títulos exclusivos e coas mesmas competencias, ademais das que estableza o convenio da titulación. Cando a USC sexa a universidade coordinadora, as competencias das dúas figuras deben estar ben diferenciadas no convenio interuniversitario e no Regulamento de réxime interno do centro. As dúas figuras poden recaer na mesma persoa.

5. A renovación do/da coordinador/a efectuarase cada catro anos. A duración máxima no cargo de coordinador/a será de oito anos consecutivos. A proposta de renovación do/da coordinador/a deberá ser aprobada pola xunta de centro, que procederá do mesmo xeito que na proposta inicial para o seu nomeamento.

6. O/a coordinador/a deixará de exercer as súas funcións por algún dos seguintes motivos: dimisión, baixa ou proposta de cesamento pola persoa responsable do centro. O cesamento do/da coordinador/a é competencia do/da reitor/a. Cando un/unha coordinador/a deixe de exercer as funcións de coordinación por algún dos motivos expostos, o equipo de dirección do centro designará un/unha coordinador/a interino/a por un período máximo dun mes. Antes do remate dese período, nomearase un/unha novo/a coordinador/a.

Artigo 13. Funcións do/da coordinador/a de título

Serán funcións do/da coordinador/a de título: actuar en representación do título; coordinar os procesos de calidade de acordo co Sistema de garantía de calidade aplicable e trasladar a información que proceda á Comisión do Centro con competencias en calidade; coordinar os procesos de organización académica do título e trasladar a información que proceda á dirección do centro; calquera outra función asignada polo Regulamento de réxime interno e/ou o Sistema de garantía de calidade do centro.

Artigo 14. Comisión de Título, Comisión Intercentros e Comisión Interuniversitaria

1. A Comisión de Título é o órgano colexiado de xestión ordinaria dos títulos oficiais implantados e ten como misión ocuparse das cuestións que atinxan ao normal desenvolvemento do programa de estudos establecido na memoria do título. Funcionará de acordo co Regulamento de réxime interno e co Sistema de garantía de calidade do centro ou centros onde se imparte o título. Por Comisión de Título poderá entenderse calquera Comisión do Centro que exerza, segundo indique o seu Regulamento de réxime interno, as competencias recollidas nesta normativa para a Comisión do Título. No caso de que o centro non conte con Regulamento de réxime interno ou este non especifique cal Comisión exercerá as competencias da Comisión de Título, observarase o que determine o Sistema de garantía de calidade do centro.

2. As xuntas de centro aprobarán a composición da Comisión de Título e trasladarán esta información á vicerreitoría con competencias en titulacións. O nomeamento da Comisión é competencia do/da reitor/a.

3. A renovación dos membros da Comisión de Título efectuarase cada catro anos consonte determine o Regulamento de réxime interno do centro. No caso de que o centro non conte con Regulamento de réxime interno ou o regulamento non prevexa o procedemento para a renovación dos membros da Comisión, este determinarase mediante acordo específico da xunta de centro. Para o caso da representación do estudantado, a súa renovación farase consonte a duración dos seus estudos en canto manteñan tal condición no título.

4. No caso de titulacións que se impartan en varios centros, deberá existir unha Comisión de Título en cada centro de impartición e unha Comisión Intercentros, con sede no centro responsable do título. No caso de mestrados universitarios, as competencias da Comisión de Título poderán ser exercidas pola Comisión Intercentros. As xuntas de centro respectivas aprobarán unha proposta consensuada de composición da Comisión Intercentros. Esta información será trasladada polo centro responsable do título á vicerreitoría con competencias en titulacións. O nomeamento da Comisión é competencia do/da reitor/a.

5. No caso de títulos conxuntos, o convenio regulador deberá prever a existencia dunha Comisión Interuniversitaria, as súas normas de composición e os seus criterios de renovación. Este convenio poderá prever que as competencias da Comisión de Título sexan exercidas pola Comisión Interuniversitaria.

6. Ademais, poderán crearse comités consultivos para un ou varios títulos dun centro, se así o establece o seu Sistema de garantía de calidade, a fin de ter en consideración, de forma regular, a opinión de egresados/as, colexios profesionais, empresas e, en xeral, grupos de interese relacionados co correspondente título ou títulos.

Artigo 15. Composición da Comisión de Título

1. A Comisión do Título estará composta por:

a) Un/unha presidente/a, que será o/a responsable do centro ou persoa en quen delegue.

b) O/a coordinador/a do título.

c) O/a responsable de calidade do centro.

d) Unha representación de membros de PDI do título, tendo en conta a encarga lectiva das áreas de coñecemento, que será elixida segundo determine o Regulamento de réxime interno do centro. No caso de que o centro non conte con Regulamento de réxime interno ou o regulamento non prevexa o procedemento de elección, este determinarase mediante acordo específico da xunta de centro. Nesta representación estarán incluídos, no caso de existiren estas figuras, os/as coordinadores/as de curso, bloque ou módulo.

e) O/a responsable da unidade de apoio á xestión de centro e departamentos do centro responsable do título.

f) Un mínimo de dous/dúas estudantes do título.

g) Outros membros específicos recollidos no Regulamento de réxime interno do centro.

2. A Comisión de Título terá un/unha secretario/a elixido/a entre os seus membros, que será responsable da redacción das actas cos acordos alcanzados.

3. Poderán participar como invitados/as, con voz pero sen voto, representantes doutros grupos de interese cuxa opinión considere relevante a Comisión.

4. De conformidade co recollido no III Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC, relativo ás medidas que se deben adoptar para lograr a paridade en todos os órganos de goberno e representación, as comisións de título deberán ter unha composición equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 16. Composición da Comisión Intercentros

1. A Comisión Intercentros estará composta por:

a) Un/unha presidente/a, que será o/a decano/a ou director/a do centro responsable do título ou persoa en quen delegue.

b) Os/as responsables do resto de centros de impartición do título ou persoas en quen deleguen.

c) Os/as coordinadores/as do título en cada un dos centros de impartición.

d) Os/as responsables de calidade dos centro de impartición.

e) A/o responsable da unidade de apoio á xestión de centro e departamentos do centro responsable do título.

f) Un/unha estudante por centro de impartición.

2. No caso de mestrados universitarios intercentros en que as competencias da Comisión de Título sexan asumidas pola Comisión Intercentros, esta incluirá, ademais:

a) Unha representación de membros de PDI do título, tendo en conta a encarga lectiva das áreas de coñecemento, que será elixida segundo determine o Regulamento de réxime interno do centro. No caso de que o centro non conte con Regulamento de réxime interno ou o regulamento non contemple o procedemento de elección, este determinarase mediante acordo específico da xunta de centro. Nesta representación estarán incluídos, no caso de existiren estas figuras, os/as coordinadores/as de curso, bloque ou módulo.

b) Outros membros específicos recollidos no Regulamento de réxime interno do centro.

3. A Comisión Intercentros terá un/unha secretario/a elixido/a entre os seus membros, que será responsable da redacción das actas cos acordos alcanzados.

4. Poderán participar como invitados/as, con voz pero sen voto, representantes doutros grupos de interese cuxa opinión a Comisión considere relevante.

5. De conformidade co recollido no III Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC, relativo ás medidas que se deben adoptar para lograr a paridade en todos os órganos de goberno e representación, as comisións intercentros deberán ter unha composición equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 17. Funcións da Comisión de Título e da Comisión Intercentros

1. Serán funcións da Comisión de Título as seguintes: velar polo cumprimento do proxecto de título formulado na memoria de verificación; velar polo cumprimento no título do Sistema de garantía de calidade do centro; formular propostas para a organización académica do título; calquera outra asignada polo Regulamento de réxime interno e/ou o Sistema de garantía de calidade do centro.

2. A función principal da Comisión Intercentros será a de tratar as cuestións relativas ao ciclo VSMA do título. No caso de mestrados universitarios intercentros en que as competencias da Comisión de Título sexan asumidas pola Comisión Intercentros, esta asumirá as funcións descritas no parágrafo anterior para a Comisión de Título.

CAPÍTULO III

Directrices xerais das titulacións de grao

Artigo 18. Duración dos estudos de grao

1. Os títulos oficiais de grao da USC terán unha duración global de 240 créditos, salvo aqueles que, por lexislación específica ou por directrices europeas, deban ter 300 ou 360 créditos.

2. Os títulos oficiais de grao teñen un nivel equivalente ao MECES 2. Os títulos con directrices europeas dun mínimo de 300 créditos, con 60 deles de nivel formativo de mestrado, obterán un nivel equivalente ao MECES 3.

Artigo 19. Estrutura por curso

A distribución de créditos por curso queda fixada en 60 créditos, agás nas titulacións conxuntas internacionais e nos programas de simultaneidade de estudos. O plan de estudos garantirá que a distribución de créditos entre os diferentes semestres sexa equilibrada.

Artigo 20. Mencións

1. As memorias dos plans de estudos das titulacións de grao poderán incluír mencións que supoñan unha intensificación curricular ou itinerario específico en torno a un aspecto formativo determinado.

2. Cada mención terá como mínimo un 20 % da carga de créditos total do correspondente título de grao.

Artigo 21. Tipos e tamaño das materias

1. O deseño do plan de estudos deberá explicitar toda a formación que o/a estudante debe adquirir e estará estruturado en materias de formación básica, materias obrigatorias, materias optativas e o traballo fin de grao. Ademais, o plan de estudos poderá incorporar prácticas externas, así como outras actividades formativas.

2. Como norma xeral, as materias serán de duración semestral e terán unha carga de traballo de 4,5 ou de 6 créditos, excepto as materias de formación básica e o traballo fin de grao, que serán como mínimo de 6 créditos. Sempre que se xustifique, poderán admitirse materias anuais de 9 ou de 12 créditos.

3. O plan de estudos incorporará créditos por actividades recollidas no artigo 10.9.c) do Real decreto 822/2021 e créditos por recoñecemento de competencias transversais da USC, de acordo coa normativa aprobada en Consello de Goberno.

Artigo 22. Créditos de formación básica

1. Os plans de estudos de 240 créditos terán un mínimo de 60 créditos de formación básica organizados en materias dun mínimo de 6 créditos e ofertados na primeira metade da titulación.

2. Nos títulos de grao de 300 e 360 créditos, a formación básica incluirá un mínimo de 75 e 90 créditos, respectivamente.

3. Como mínimo a metade dos créditos de formación básica estarán vinculados ao ámbito de coñecemento a que se adscribe o título.

Artigo 23. Créditos optativos e factor de oferta de optatividade

1. Os plans de estudos terán un máximo dun 15 % de créditos optativos do total de créditos do título. En casos excepcionais, debidamente xustificados, poderá superarse este límite.

2. A oferta de créditos en materias optativas estará entre o dobre e o triplo dos créditos optativos que deba cursar o/a estudante, sempre que non se supere o dobre do indicado no parágrafo anterior.

3. As prácticas externas de carácter optativo e os créditos por recoñecemento non computarán no cálculo do límite de optatividade.

Artigo 24. Traballo fin de grao

O traballo fin de grao terá carácter obrigatorio e a súa superación será imprescindible para obter o título oficial. Deberá desenvolverse na fase final do plan de estudos. Terá un mínimo de 6 créditos. O número máximo de créditos será de 24 para os títulos de 240 créditos, de 30 para os títulos de 300 créditos e de 36 para os títulos de 360 créditos.

Artigo 25. Prácticas externas

1. No caso de que o plan de estudos incorpore a realización de prácticas externas, estas terán unha extensión máxima do 25 % do total de créditos do título, salvo que por directrices europeas deban supor outra porcentaxe. Ofreceranse, preferentemente, na segunda metade do plan de estudos.

2. Quedan exceptuados os graos con mención dual, nos cales as prácticas externas terán unha extensión de entre o 20 % e o 40 % do total de créditos do título.

3. No caso de prácticas externas de carácter obrigatorio, deberase garantir a oferta para todo o estudantado e xustificar a súa viabilidade na memoria do título.

Artigo 26. Excepcións

1. Os plans de estudo de graos que habiliten para o desenvolvemento de actividades profesionais reguladas deberán estruturarse atendendo ao disposto polo Goberno e/ou na normativa europea correspondente.

2. No caso de títulos de grao que sexan un requisito para o acceso a mestrados universitarios habilitantes, o plan de estudos deberá recoller as condicións formativas establecidas polo Goberno.

3. Os títulos de grao conxuntos poderán ter unha estrutura de créditos diferente e regularanse polo convenio do título.

CAPÍTULO IV

Directrices xerais das titulacións de mestrado universitario

Artigo 27. Duración dos estudos de mestrado universitario

Os títulos oficiais de mestrado universitario terán unha duración global de 60, de 90 ou de 120 créditos e un nivel equivalente ao MECES 3.

Artigo 28. Estrutura por curso

A distribución de créditos por curso queda fixada en 60 créditos, agás nas titulacións conxuntas internacionais. No caso de mestrados cunha carga total de 90 créditos, un dos cursos será, necesariamente, de 30 créditos. O plan de estudos garantirá que a distribución de créditos entre os diferentes semestres sexa equilibrada.

Artigo 29. Especialidades

1. As memorias dos plans de estudos de mestrados universitarios poderán incluír especialidades que supoñan unha formación complementaria e específica nun ámbito temático ou profesional.

2. Cada especialidade terá entre o 20 % e o 50 % da carga de créditos total do correspondente título de mestrado universitario. No caso de ofertar máis dunha especialidade, todas deberán ter un número similar de créditos.

Artigo 30. Tipos e tamaño das materias

1. O deseño do plan de estudos deberá explicitar toda a formación que o/a estudante debe adquirir e estará estruturado mediante materias obrigatorias, materias optativas e o traballo fin de mestrado. Ademais, poderá incorporar prácticas externas, así como materias de nivelación.

2. Como norma xeral, as materias serán de duración semestral e terán unha carga de traballo de 3, de 4,5 ou de 6 créditos, excepto o traballo fin de mestrado, que terá os mínimos fixados no artigo 33. Sempre que se xustifique, poderán admitirse materias anuais de 9 ou de 12 créditos.

Artigo 31. Distribución de créditos

A suma de créditos correspondentes a materias obrigatorias e optativas (excluídas as prácticas externas e o traballo fin de mestrado) será, como mínimo, dun 50% do total de créditos do título.

Artigo 32. Créditos optativos e oferta de optatividade

1. Os plans de estudos terán un máximo dun 25 % de créditos optativos do total do título. En casos excepcionais, debidamente xustificados, poderá superarse este límite.

2. A oferta de créditos en materias optativas non superará o dobre dos créditos optativos que deba cursar o/a estudante.

3. As prácticas externas de carácter optativo non computarán no cálculo do límite de optatividade.

Artigo 33. Traballo fin de mestrado

1. O traballo fin de mestrado terá carácter obrigatorio e a súa superación será imprescindible para a obtención do título oficial. Deberá desenvolverse na fase final do plan de estudos.

2. Terá un mínimo de 6 créditos e un máximo de 30 créditos. Nos mestrados universitarios de perfil investigador, o traballo fin de mestrado deberá ter un mínimo de 12 créditos.

Artigo 34. Prácticas externas

1. No caso de que o plan de estudos incorpore a realización de prácticas externas, estas terán unha extensión máxima dun terzo do total de créditos do título.

2. No caso de prácticas externas de carácter obrigatorio, deberase garantir a oferta para todo o estudantado e xustificar a súa viabilidade na memoria do título. Nos mestrados con orientación profesional, as prácticas serán obrigatorias.

Artigo 35. Excepcións

1. Os plans de estudos de mestrados universitarios que habiliten para o desenvolvemento de actividades profesionais reguladas deberán organizarse atendendo ao disposto polo Goberno.

2. Os títulos de mestrado conxuntos poderán ter unha estrutura de créditos diferente e regularanse polo convenio do título.

CAPÍTULO V

Modalidades docentes das titulacións de grao e mestrado universitario

Artigo 36. Modalidades docentes

As titulacións de grao e mestrado universitario da USC poderán impartirse en modalidade presencial, en modalidade híbrida e/ou en modalidade virtual. As memorias que recollen os plans de estudo deberán reflectir as modalidades docentes do título.

Artigo 37. Porcentaxe de actividade presencial segundo tipo de modalidade docente

1. Na modalidade docente presencial, toda a actividade lectiva se desenvolverá interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico. No caso de títulos intercentros ou de títulos conxuntos impartidos en distintas sedes, seguiranse as directrices establecidas pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

2. Na modalidade docente híbrida, entre o 40 % e o 60 % da actividade lectiva das materias desenvolverase interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico. O resto da actividade lectiva das materias desenvolverase de forma non presencial. Debe manterse a unidade do proxecto formativo entre as actividades presenciais e as non presenciais.

3. Na modalidade docente virtual, a actividade lectiva desenvolverase maioritariamente de xeito non presencial. Enténdese como maioritariamente non presencial cando menos do 20 % da actividade lectiva se desenvolva interactuando o/a docente e o/a estudante no mesmo espazo físico.

Artigo 38. Cálculo da porcentaxe de actividade presencial dun título

1. A porcentaxe de actividade presencial dun título de grao ou mestrado universitario pode especificarse nas memorias dos títulos ben de xeito global, para todo o título, ben de xeito detallado, para cada materia.

2. No caso de indicar a porcentaxe de actividade presencial de xeito global, esta expresarase a través dun valor único. A devandita porcentaxe será de aplicación en todas as materias de formación básica, obrigatorias e optativas incluídas no plan de estudos.

3. No caso de indicar a porcentaxe de actividade presencial de xeito detallado, indicarase a porcentaxe para cada unha das materias de formación básica, obrigatorias e optativas incluídas no plan de estudos. A porcentaxe de actividade presencial do título determinarase mediante a suma dos créditos presenciais das materias de formación básica, das materias obrigatorias e das materias optativas dividido polo número de créditos de materias de formación básica, de materias obrigatorias e de materias optativas que debe cursar o/a estudante. Para a estimación da suma dos créditos presenciais das materias optativas, empregarase unha media ponderada sobre a oferta de optatividade aplicada sobre o número de créditos de materias optativas que debe cursar o/a estudante.

Artigo 39. Aspectos que cómpre considerar nas modalidades híbrida e virtual

As modalidades docentes híbrida e virtual deberán prestar especial atención a todos aqueles aspectos metodolóxicos e técnicos que presenten diferenzas segundo as actividades lectivas sexan presenciais ou non presenciais. Por exemplo: medidas que se utilizarán; canles de comunicación; coordinación do calendario académico presencial e non presencial; dispoñibilidade de materiais formativos; adquisición de competencias prácticas; verificación da identidade na avaliación non presencial, etc.

CAPÍTULO VI

Estruturas curriculares específicas e de innovación docente

Artigo 40. Itinerario académico aberto en titulacións de grao

1. Os itinerarios académicos abertos teñen por obxecto flexibilizar a formación inicial do/da estudante, permitindo a posibilidade de cursar materias de dous ou más títulos oficiais de grao pertencentes ao mesmo ámbito de coñecemento ou a ámbitos de coñecemento afíns.

2. O itinerario académico aberto debe conter materias de formación básica ou obrigatorias correspondentes aos dous primeiros cursos dos graos dun mínimo de dous títulos e deberá ter unha carga de entre 60 e 120 créditos para os títulos de grao de 240 créditos.

3. Establecerase un límite de admisión dentro de cada grao para os/as estudantes do programa aberto. A oferta de prazas de inicio non poderá superar o 10 % do límite de prazas máis baixo dos graos incluídos no itinerario.

4. O desenvolvemento dos itinerarios académicos abertos debe seguir as condicións contidas no artigo 23 do Real decreto 822/2021 e regularase na USC mediante a elaboración de normativa específica.

Artigo 41. Mención dual en titulacións de grao e mestrado universitario

1. As memorias de título de grao e mestrado universitario poderán incorporar unha mención dual que conforme un proxecto formativo común entre o centro universitario responsable do título e unha entidade colaboradora, que poderá ser unha empresa, unha organización social, unha organización sindical, unha institución ou unha Administración. A supervisión e o liderado formativo serán por conta do centro universitario responsable.

2. Para a obtención da mención dual será condición necesaria que se desenvolvan na entidade colaboradora entre o 20 % e o 40 % dos créditos do título no caso dos graos e entre o 25 % e o 50 % dos créditos do título no caso dos mestrados universitarios. Dentro destas porcentaxes deberá incluírse o traballo fin de grao ou traballo fin de mestrado.

3. O desenvolvemento da mención dual debe seguir as condicións contidas no artigo 22 do Real decreto 822/2021 e regularase na USC mediante a elaboración de normativa específica.

Artigo 42. Programa de simultaneidade en titulacións de grao e mestrado universitario

1. Poderán ofertase programas de simultaneidade de dúas titulacións de grao ou mestrado universitario para a obtención de cada un dos títulos que o conforman, co obxectivo de sumar sinerxías formativas de títulos que se complementan dende o punto de vista educativo e/ou profesional.

2. O desenvolvemento dos programas de simultaneidade de titulacións debe seguir as condicións contidas no artigo 24 do Real decreto 822/2021 e na USC regularase mediante a elaboración de normativa específica.

Artigo 43. Outras estruturas curriculares específicas

As memorias de título poderán incorporar outras estruturas curriculares específicas nos seus plans de estudo. A referencia a estas estruturas curriculares reflectirase no Suplemento Europeo ao Título.

Artigo 44. Estratexias metodolóxicas de innovación docente

1. As memorias de título poderán incorporar estratexias metodolóxicas de innovación docente específicas e diferenciadas que impliquen a totalidade das materias que configuran un título. Por exemplo: aula invertida; aprendizaxe baseada no traballo por proxectos ou casos prácticos; desenvolvemento de traballo colaborativo e cooperativo; aprendizaxe baseada na capacidade de resolución de problemas; competencias multilingües; docencia articulada no uso intensivo das tecnoloxías dixitais da información e da comunicación; outras iniciativas de carácter similar impulsadas pola universidade ou os seus centros. O obxectivo destas estratexias singulares será a mellora do ensino e da aprendizaxe. A referencia a estas estratexias metodolóxicas reflectirase no suplemento europeo ao título. Tamén lles poderán ser recoñecidas aos/ás estudantes mediante a emisión dun certificado, co fin de poñelas en valor.

2. A incorporación de propostas de innovación docente globais debe seguir as condicións contidas no artigo 21 do Real decreto 822/2021.

CAPÍTULO VII

Procedemento para novas propostas, modificacións, supresión
e extinción de titulacións de grao e mestrado universitario

Sección 1ª. Novas propostas, modificacións, supresión e extinción de títulos

Artigo 45. Novas propostas de títulos

A iniciativa na formulación de novas propostas de titulacións poderá ser tomada polo equipo de goberno da USC, polos centros, polos departamentos e polos centros e institutos de investigación.

Artigo 46. Modificacións de títulos

1. As propostas de modificación dos títulos oficiais de grao ou mestrado universitario, a iniciativa das comisións de título, das comisións intercentros ou das comisións de calidade dos centros responsables e/ou de impartición serán froito dos procesos de seguimento e renovación da acreditación do ciclo VSMA. O equipo de goberno da USC tamén poderá realizar propostas de transformación ou fusión das titulacións de grao ou mestrado universitario.

2. A proposta de modificación deberá ser aprobada pola xunta do centro responsable do título e, de ser o caso, contar cos correspondentes informes razoados das xuntas de centro dos restantes centros de impartición.

3. No caso de centros adscritos que compartan titulacións de grao con centros propios da USC, estes últimos elaborarán as propostas de modificación da memoria do título, oídas as suxestións dos centros adscritos. Os centros adscritos ateranse ao acordado finalmente polos órganos de goberno da USC.

4. Non se poderán tramitar modificacións de títulos cando estas coincidan cos procesos de renovación da acreditación.

Artigo 47. Supresión e extinción de títulos

1. A USC, mediante a aprobación do Consello de Goberno, poderá acordar a supresión de titulacións oficiais, co informe favorable do Consello Social.

2. A iniciativa para a supresión dun título tamén poderá ser adoptada polo centro responsable da titulación, por proposta da Comisión responsable do título e co informe favorable da Comisión do centro con competencias en calidade.

3. A extinción dun título tamén pode ser consecuencia da non renovación da acreditación do título a través dunha resolución do Consello de Universidades.

4. A proposta de supresión deberá incluír as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos/das estudantes que se encontren cursando os estudos. En particular, e sen prexuízo das normas de permanencia que sexan de aplicación, a USC garantirá a organización de convocatorias de exame nos dous cursos académicos seguintes á data de extinción do título (excluídos o traballo fin de grao e o traballo fin de mestrado, que terán o seu propio calendario de extinción).

Artigo 48. Convocatoria anual de novas propostas e modificacións de titulacións

O Consello de Goberno da USC, por proposta da vicerreitoría con competencias en titulacións e logo do informe da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente, delegada do Claustro Universitario (novas propostas) ou da Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa, delegada do Consello de Goberno (modificacións de titulacións existentes), aprobará anualmente os formatos de documentos, os procedementos e os prazos para a presentación de novas propostas e/ou modificacións de títulos oficiais de grao e mestrado universitario.

Sección 2ª. Declaración de intencións de novas propostas de titulacións de grao
e mestrado universitario

Artigo 49. Proposta inicial da declaración de intencións

1. A proposta inicial de declaración de intencións de novos proxectos de titulacións conterá a información que se especifique na convocatoria anual. Para a súa tramitación ante a vicerreitoría con competencias en titulacións, deberá contar cos informes das xuntas dos centros incluídos na proposta.

2. No caso de titulacións conxuntas, deberá presentarse un compromiso dos/das reitores/as ou das vicerreitorías con competencias en titulacións das universidades participantes.

Artigo 50. Comunicación a centros e departamentos

A vicerreitoría con competencias en titulacións informará os centros e departamentos das declaracións de intencións presentadas, co obxecto de que poidan achegar as súas consideracións aos/ás promotores/as do título.

Artigo 51. Proposta definitiva da declaración de intencións

Á vista das alegacións presentadas, os/as promotores/as elaborarán a proposta definitiva da declaración de intencións, que terá que ser aprobada polas xuntas dos centros participantes na proposta.

Artigo 52. Selección de propostas

1. A Comisión de Titulacións e Ordenación Docente, delegada do Claustro, emitirá un informe sobre a pertinencia académica do título e o seu aliñamento coas liñas estratéxicas e coa programación plurianual da USC en vigor. Para tal fin, a Comisión poderá solicitar aos/ás promotores/as do título unha presentación da declaración de intencións e/ou cantas aclaracións considere oportunas.

2. Á vista do informe da Comisión de Titulacións e Ordenación Docente, o Consello de Goberno aprobará, se procede, a viabilidade das novas propostas e autorizará a elaboración do proxecto de memoria.

Artigo 53. Difusión

A vicerreitoría con competencias en titulacións informará a comunidade universitaria das propostas aprobadas polo Consello de Goberno para a elaboración dos proxectos de memorias de titulacións.

Sección 3ª. Comisión de Redacción das memorias das novas propostas
das titulacións de grao e mestrado universitario

Artigo 54. Comisión de Redacción

As comisións de redacción das memorias de título, que figurarán nas declaracións de intencións aprobadas polas xuntas dos centros responsables e dos centros de impartición, serán nomeadas polo/a reitor/a, logo de aprobación do Consello de Goberno.

Artigo 55. Composición da Comisión

1. As comisións de redacción das memorias de títulos terán unha composición mínima de 5 membros. Deberá xustificarse a adecuación dos membros propostos.

2. A Comisión de Redacción estará formada por:

a) Un/unha presidente/a, que será o/a responsable do centro que figura como responsable da proposta ou persoa en quen delegue. No caso de títulos conxuntos, a presidencia será nomeada segundo as normas da universidade responsable da proposta.

b) Unha representación, coherente coas peculiaridades do título, de todas as estruturas (centros, departamentos e, para mestrados universitarios, ademais centros e institutos de investigación) que, previsiblemente, participarán na docencia do título proposto. Poderán proporse suplentes, que actuarán no caso de ausencia dos membros titulares.

c) O/a responsable da unidade de apoio á xestión de centro e departamentos do centro responsable do título.

d) Como mínimo un/unha estudante, preferentemente de último curso, dunha titulación afín ao ámbito do título proposto.

3. A Comisión de Redacción terá un/unha secretario/a elixido/a de entre os seus membros, que será responsable da redacción das actas cos acordos alcanzados.

4. De conformidade co recollido no III Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC, relativo ás medidas que se deben adoptar para lograr a paridade en todos os órganos de goberno e representación, as comisións de redacción deberán ter unha composición equilibrada de mulleres e homes.

5. No caso de titulacións que habiliten para profesións reguladas, deberá contarse con representación do colexio profesional ou, de non ser posible, de profesionais de recoñecido prestixio no ámbito da titulación. No caso doutras titulacións, poderán participar, por proposta do centro, persoas alleas á USC para o asesoramento da Comisión. En todos os casos, estas persoas participarán con voz e sen voto en calidade de asesores.

6. Por proposta do centro, e logo da autorización da vicerreitoría con competencias en titulacións, poderá crearse unha Comisión Asesora que achegue suxestións á Comisión de Redacción. Esta Comisión poderá contar con egresados/as de títulos relacionados, colexios profesionais, empresas, empregadores/as do ámbito e, en xeral, calquera grupo de interese que se considere de relevancia para o deseño do título.

Sección 4ª. Memorias de novas propostas das titulacións de grao
e mestrado universitario

Artigo 56. Memoria do título

A memoria da titulación é o proxecto que define o título oficial que a USC presentará para a súa verificación. Constitúe o compromiso da institución coas características do título e coas condicións en que se desenvolverán as ensinanzas.

Artigo 57. Proxecto inicial de memoria de verificación do título

1. O proxecto inicial da memoria de verificación de novas propostas de titulacións deberá seguir a estrutura, contido e extensión que se recolle no anexo II do Real decreto 882/2021 e deberá contar coa aprobación das xuntas dos centros que participan na proposta.

2. Na súa redacción deberá terse en conta que, nos procesos do ciclo VSMA de seguimento e de renovación de acreditación, a USC deberá xustificar que a implantación do título coincide co proxecto verificado.

Artigo 58. Proposta de adscrición a áreas de coñecemento

Co proxecto de memoria de titulación deberase achegar un informe cunha proposta inicial de adscrición das materias que forman a titulación ás áreas de coñecemento da USC que permita analizar os recursos docentes que suporía a implantación do título.

Artigo 59. Memoria xustificativa e memoria económica

1. O proxecto de memoria deberá xustificar o cumprimento dos principios e requisitos, xerais e específicos, indicados nos artigos 3, 4 e 5 do Decreto 222/2011 ou normativa que o substitúa.

2. Co proxecto de memoria da titulación deberase achegar a documentación, memoria xustificativa e memoria económica que establece o artigo 5 da Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011 ou normativa que o substitúa. A memoria xustificativa e a memoria económica deben seguir a estrutura indicada nos anexos I e II, respectivamente, da citada orde.

Artigo 60. Exposición pública

A vicerreitoría con competencias en titulacións informará a comunidade universitaria do proxecto inicial das memorias presentadas co fin de que calquera membro da USC poida achegar suxestións ás comisións de redacción para a elaboración da versión definitiva do proxecto de memoria de verificación. Así mesmo, trasladará a información ao Consello Social para a súa publicidade, co fin de que os distintos grupos de interese poidan facer as achegas que consideren oportunas.

Artigo 61. Aprobación en xunta de centro do proxecto definitivo de memoria

O proxecto definitivo da memoria debe contar coa aprobación e correspondente informe razoado da xunta do centro responsable do título e, de ser o caso, das xuntas dos centros de impartición.

Artigo 62. Aprobación da memoria

1. A Comisión de Titulacións e Ordenación Docente, delegada do Claustro, emitirá un informe sobre a pertinencia académica do deseño do título. Para tal fin, a dita Comisión poderá solicitar á Comisión Redactora unha presentación da memoria e/ou cantas aclaracións considere. Así mesmo, poderá convocar a quen considere oportuno e/ou solicitar o apoio de avaliadores/as externos/as. Tamén poderá formular suxestións de mellora, que deberá recoller no seu informe para que a Comisión Redactora considere a súa incorporación na memoria antes do pronunciamento do Consello de Goberno.

2. A Comisión de Titulacións e Ordenación Docente tamén emitirá un informe de viabilidade sobre a capacidade docente dos departamentos implicados na docencia do título, á vista da proposta de adscrición a áreas de coñecemento. No caso de ter previsto contar con persoal académico que non sexa profesorado universitario, a proposta deberá xustificar explicitamente a necesidade deste persoal, así como os custos e adecuación da súa participación.

3. O Consello de Goberno, á vista dos informes, aprobará, coas modificacións que considere oportuno, ou rexeitará a memoria do título para a súa tramitación ante o órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. O Consello Social emitirá un informe respecto das memorias aprobadas polo Consello de Goberno con carácter previo á tramitación ante o órgano competente da Comunidade Autónoma.

Sección 5ª. Implantación das titulacións de grao e mestrado universitario

Artigo 63. Solicitude de verificación

1. Logo da emisión do informe previo por parte dos órganos da Comunidade Autónoma, a USC tramitará, de ser o caso, a memoria ante o Consello de Universidades para a súa verificación.

2. Unha vez obtida a resolución favorable de verificación dunha titulación de grao ou mestrado universitario, solicitarase a autorización para a súa implantación ao departamento da Comunidade Autónoma con competencias en materia de universidades. Tras a resolución de verificación, as xuntas dos centros participantes no título deberán facer as propostas dos órganos responsables das titulacións segundo os artigos 11 a 17 deste regulamento.

3. De acordo co artigo 27 do Real decreto 822/2021, unha vez autorizada a implantación dun título, o Consello de Ministros é o responsable de acordar e de publicar no BOE a declaración do seu carácter oficial e de ordenar a súa inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT).

4. Correspóndelle á USC ordenar a publicación do plan de estudos do título no BOE e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

5. Desde o momento da publicación oficial, a USC disporá dun máximo de dous cursos académicos para implantar e iniciar a docencia da titulación. No caso de non producirse tal inicio, o título perderá a súa acreditación inicial.

Sección 6ª. Modificacións das memorias de titulacións
de grao e mestrado universitario

Artigo 64. Modificacións non substanciais

Enténdese por modificacións non substanciais aquelas que non supoñan un cambio na natureza, obxectivos e características fundamentais do título.

Artigo 65. Modificacións substanciais

Enténdese por modificacións substanciais aquelas que afecten a natureza, obxectivos e características do título. O Real decreto 822/2021 establece no seu artigo 32 que, como mínimo, deben ter esta consideración as seguintes: incorporación ou modificación de mencións ou especialidades e/ou a súa distribución de créditos; cambio nas modalidades de impartición; incorporación ou modificación de complementos de formación; distribución de materias de formación básica e de formación obrigatoria; cambios no número de créditos ECTS do traballo fin de grao ou fin de mestrado; cambio no número de prazas ofertadas; modificación parcial na denominación do título.

Artigo 66. Clasificación ACSUG

A ACSUG, de acordo coa Rede de Axencias de Calidade Universitaria (Reacu), regulará con detalle que aspectos da memoria son susceptibles de seren clasificados como substanciais ou non substanciais.

Artigo 67. Procedemento de modificación na USC

A vicerreitoría con competencias en titulacións ditará as resolucións e instrucións correspondentes, de acordo coa normativa estatal e autonómica, así como conforme as directrices da ACSUG.

Artigo 68. Procedemento para modificacións non substanciais

As propostas de modificacións non substanciais de titulacións conterán a información especificada na convocatoria anual.

Serán aprobadas polo Consello de Goberno, logo de informe das comisións con competencias en calidade dos centros e da Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa, delegada do Consello de Goberno. A tramitación das modificacións seguirá o procedemento descrito nos artigos 30 e 31 do Real decreto 822/2021, segundo os centros teñan acreditación institucional ou non.

Artigo 69. Procedemento para modificacións substanciais

O procedemento para as modificacións substanciais de títulos será o mesmo que para a proposta de novas titulacións, recollido no capítulo VII, sección 1ª, deste regulamento, agás no que se refire á Comisión que debe emitir o informe previo á aprobación polo Consello de Goberno, que será a Comisión de Oferta Docente e Innovación Educativa, delegada do Consello de Goberno.

CAPÍTULO VIII

Seguimento e renovación da acreditación das titulacións
oficiais de grao e mestrado universitario

Artigo 70. Seguimento dos títulos

1. Os títulos implantados na USC serán obxecto dun seguimento por parte da ACSUG, de acordo cos procedementos establecidos na normativa estatal, autonómica e as directrices da ACSUG.

2. A vicerreitoría con competencias en titulacións ditará as resolucións e instrucións correspondentes para a súa execución, de acordo coa normativa estatal e autonómica e conforme as directrices da ACSUG.

Artigo 71. Renovación da acreditación dos títulos

1. Os títulos implantados na USC serán obxecto da renovación da acreditación por parte do Consello de Universidades, de acordo cos procedementos establecidos na normativa estatal e autonómica e nas directrices da ACSUG.

2. A vicerreitoría con competencias en titulacións ditará as resolucións e instrucións correspondentes para a súa execución, de acordo coa normativa estatal e autonómica e conforme as directrices da ACSUG.

Disposición transitoria

A duración no cargo de coordinador/a, para os efectos do indicado no artigo 12, computará a partir da entrada en vigor deste regulamento.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada calquera norma de igual ou inferior rango que se opoña ao establecido neste regulamento. En particular, queda derrogado o Regulamento das titulacións oficiais de grao e mestrado na Universidade de Santiago de Compostela, aprobado en Consello de Goberno do 28 de xullo de 2017.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.