A Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, creou un novo imposto estatal, de carácter indirecto, que recae sobre a entrega de residuos en vertedoiros, instalacións de incineración ou de coincineración para a súa eliminación ou valorización enerxética, cuxo rendemento se cede ás comunidades autónomas. O imposto aplicarase en todo o territorio español e na Comunidade Autónoma de Galicia será competente para a xestión, liquidación, recadación e inspección a Axencia Tributaria de Galicia. Cómpre, polo tanto, adaptar as ordes recadatorias e incluír este novo imposto nelas.
Mediante esta resolución modifícanse as ordes da consellería competente en materia de facenda que se relacionan a seguir:
a) Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras.
b) Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia.
A disposición adicional segunda da primeira das ordes citadas habilita a persoa titular da Dirección da Atriga para actualizar, cando sexa preciso, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os anexos a esta orde co obxecto de mantelos adaptados á normativa aplicable. Cómpre actualizar os anexos I e IV da orde. O anexo I, que recolle os modelos de ingreso de declaracións-liquidacións, autoliquidacións e de taxas, prezos e sancións vía telemática, débese modificar para incluír o modelo do Idires, e o anexo IV porque recolle os deseños dos rexistros de ingresos coa información enviada polas entidades colaboradoras.
A disposición adicional da segunda das ordes habilita a persoa titular da Dirección da Atriga para actualizar, cando sexa preciso, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os anexos a esta orde co obxecto de mantelos adaptados á normativa aplicable. O Idires é un imposto de autoliquidación electrónica obrigatoria e cuxo importe, polo tanto, poderá ser domiciliado consonte o establecido na orde. O seu anexo contén a relación de modelos de autoliquidacións cuxo ingreso pode ser domiciliado a través das entidades colaboradoras da Atriga, polo que cómpre incluír nel o modelo 593.
Por todo iso, e en virtude da disposición adicional segunda da Orde do 21 de xuño de 2006 e da disposición adicional da Orde do 10 de decembro de 2019,
RESOLVO:
Primeiro. Modificación da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras.
Introdúcense as seguintes modificacións nos anexos I e IV da Orde do 21 de xuño de 2006 pola que se regulan procedementos de xestión recadatoria e a actuación das entidades colaboradoras:
Un. Engádese no anexo I, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida, o novo modelo de ingreso da autoliquidación do Idires, coa seguinte redacción:
«593-IMPOSTO SOBRE O DEPÓSITO DE RESIDUOS EN VERTEDOIROS, A INCINERACIÓN E A COINCINERACIÓN DE RESIDUOS. AUTOLIQUIDACIÓN».
Dous. Modifícase no anexo IV a descrición das posicións 20-22 do deseño do rexistro do detalle de autoliquidacións (tipo 3), engadindo, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida o novo modelo de ingreso da autoliquidación do Idires, coa seguinte redacción:
«Modelo 593-IMPOSTO SOBRE O DEPÓSITO DE RESIDUOS EN VERTEDOIROS, A INCINERACIÓN E A COINCINERACIÓN DE RESIDUOS. AUTOLIQUIDACIÓN».
Segundo. Modificación da Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia.
Engádese no anexo I da Orde do 10 de decembro de 2019 pola que se establecen o procedemento e as condicións para a domiciliación do pagamento de determinadas débedas cuxa xestión ten atribuída a Axencia Tributaria de Galicia, de maneira que se insira no lugar que lle corresponda segundo a orde numérica preestablecida, o novo modelo de ingreso da autoliquidación do Idires, coa seguinte redacción:
«Modelo 593. Modelo de autoliquidación do imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
A presente resolución entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2023.
Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2022
Mª Victoria González Vázquez
Directora da Axencia Tributaria de Galicia