DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 12 de marzo de 2024 Páx. 18312

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de marzo de 2024 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR608D, MR608E e MR608F).

missing image file

O día 12 de xaneiro de 2024, a Consellería do Medio Rural publicou a Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR608D, MR608E e MR608F) (DOG núm. 9).

Esta orde financiase integramente a través dos fondos asignados á Xunta de Galicia con cargo ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, mediante o instrumento do Mecanismo de recuperación e resiliencia. Estruturase en tres liñas de axudas:

1. Liña I: axudas para a organización de accións de divulgación que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta.

2. Liña II: axudas para o apoio ás asociacións sen ánimo de lucro que teñan como obxecto a comercialización conxunta de produtos forestais.

3. Liña III: axudas para a creación e apoio das agrupacións forestais de xestión conxunta (en diante, AFXC).

A promoción activa mediante campañas de divulgación (obxecto da liña I) que impulsen o coñecemento e poñan en valor a importancia estratéxica das agrupacións forestais de xestión conxunta debe ser simultánea ao proceso de constitución e inscrición (obxecto da liña III) da entidade solicitante de axudas para a creación de AFXC. Deste xeito conseguimos un proceso de sinerxía de forma que as actuacións de divulgación fomentan e favorecen a procura de propietarios para a constitución da agrupación.

Ademais, a execución das actuacións destas liñas de axudas é complexa: con propietarios particulares de parcelas de monte dunha dimensión moi reducida que implica a necesidade de agrupar un número moi elevado de propietarios para conseguir a superficie mínima legal para constituír unha AFXC, ademais maioritariamente actuase en áreas rurais afectadas polo declive demográfico e a baixa densidade de modo que a xestión se ve complicada. Feito que reforza o papel vertebrador da acción simultánea de xornadas de divulgación con tarefas de constitución de agrupacións forestais.

A orde de referencia establece que «o prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas será o 31 de xullo de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre unha data posterior á resolución de concesión da axuda e a data límite de xustificación». O que implica que estes traballos previos de divulgación para o impulso da constitución de agrupacións forestais non sexan obxecto de financiamento, cando desde o criterio técnico considéranse fundamentais para acadar os obxectivos da orde.

Polo exposto, e para acadar os obxectivos da orde entendemos que se debe modificar o prazo de execución das actividades subvencionables de xeito que «só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de publicación da orde de convocatoria no DOG e a data límite de xustificación».

Con este novo período temporal serían subvencionables todas as actividades e actuacións elixibles desde o 12 de xaneiro de 2024 (data de publicación da orde no DOG) e o 31 de xullo de 2025, polo que se inclúen as campañas e xornadas de divulgación realizadas no proceso de constitución da entidade que se vai inscribir como agrupación forestal de xestión conxunta.

Na liña III (creación e apoio de agrupacións forestais de xestión conxunta) hai unha actuación obxecto de axuda que se denomina «gastos de tramitación e inscrición da entidade solicitante». (artigo 54.1 a)2 na que se financian, entre outros, os gastos de inscrición no rexistro apropiado segundo a natureza da entidade solicitante, obtención de número de identificación fiscal, obtención de certificado electrónico, redacción de acta de constitución da entidade.

Moitos dos conceptos elixibles desta actuación non serían subvencionados dado que a orde establece que «só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre unha data posterior á resolución de concesión da axuda e a data límite de xustificación». Coa modificación do prazo de execución temos novos conceptos subvencionables.

Tendo en conta o exposto, e para favorecer a organización das persoas propietarias forestais e a igualdade de condicións de todas as entidades solicitantes considérase adecuado modificar o prazo de execución das axudas á data de publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

No anexo XV (importes máximos dos investimentos subvencionables para a subliña III-A (creación de AFXC) e subliña III-B (apoio AFXC) hai un erro material na fórmula de cálculo da actuación «revisión do parcelario e estado das parcelas para novas AFXC ou ampliación das AFXC inscritas».

Co fin de favorecer a interoperabilidade das ferramentas dixitais da Administración forestal e posibilitar a verificación automática dos datos faise necesario engadir, para unhas actuacións da liña III, que as persoas interesadas deben achegar os datos segundo uns modelos establecidos e que están á súa disposición na ligazón web https://mediorural.xunta.gal/es/temas/forestal/a-estrutura-da-propiedade/agrupacions-forestais.

Como consecuencia desta modificación, e para garantir a concorrencia competitiva, resulta preciso modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido na convocatoria das distintas liñas de axudas. Esta ampliación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións.

De conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR608D, MR608E e MR608F)

A Orde do 20 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas, en concorrencia competitiva, para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta e ao asociacionismo forestal, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocan para o ano 2024 (códigos de procedemento MR608D, MR608E e MR608F), queda redactada como segue:

Un. Modifícase o número 1 do artigo 17 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. O prazo para executar e xustificar as actividades de divulgación é o comprendido entre a data de publicación da orde de convocatoria no DOG e o 31 de xullo de 2025».

Dous. Modifícase o número 4 do artigo 17 da referida orde, que queda redactado como segue:

«4. Con carácter previo á realización das actividades de divulgación para as que se solicita a subvención, a entidade beneficiaria deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, cunha antelación mínima de cinco días hábiles, os datos de identificación: edición, lugar de impartición, datas e horario. O persoal da Consellería do Medio Rural poderá presentarse nas actividades comunicadas para velar polo cumprimento das obrigas establecidas na presente orde, especialmente de asistencia e publicidade.

De ser o caso, para aquelas actividades de divulgación realizadas no período transitorio entre a publicación da orde e a súa modificación os datos indicados no parágrafo anterior deberán figurar na memoria da actividade».

Tres. Modifícase o número 1 do artigo 18 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionadas será o 31 de xullo de 2025, e so serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de publicación da orde de convocatoria no DOG e a data límite de xustificación».

Catro. Modifícase o número 2 do artigo 30 da referida orde, que queda redactado como segue:

«2. Serán subvencionables os custos derivados das actuacións relacionadas no punto primeiro realizadas entre a data de publicación da orde de convocatoria no DOG e o 31 de xullo de 2025, agás para actuacións que estean supeditadas á inspección previa que será subvencionables os custos efectuados desde a data de resolución de aprobación ata o 31 de xullo de 2025».

Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 41 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. O prazo para executar as actuacións subvencionadas é o comprendido entre a data de publicación da orde de convocatoria no DOG e o 31 de xullo de 2025».

Seis. Modifícase o número 1 do artigo 42 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. O prazo máximo para presentar a xustificación das actuacións subvencionables será o 31 de xullo de 2025, e só serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de publicación da orde de convocatoria e a data final de xustificación, salvo que a actuación estea supeditada á inspección previa».

Sete. Modifícase o número 3 do artigo 54 da referida orde, que queda redactado como segue:

«3. Serán subvencionables os custos derivados das actuacións relacionadas no punto primeiro realizadas entre a data de publicación da orde de convocatoria no DOG e o 31 de xullo de 2025».

Oito. Modifícase o número 1 do artigo 67 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. O prazo para executar as actuacións subvencionadas é o comprendido entre a data de publicación da orde de convocatoria no DOG e o 31 de xullo de 2025».

Nove. Modifícase o número 1 do artigo 68 da referida orde, que queda redactado como segue:

«1. O prazo máximo para presentar a xustificación das actividades subvencionables será o 31 de xullo de 2025, e so serán subvencionables os gastos realizados e efectivamente pagados entre a data de publicación da orde de convocatoria e a data final de xustificación».

Dez. No anexo XV (Importes máximo dos investimentos subvencionables para a subliña III-A (creación AFXC) e subliña III-B (apoio AFXC) (código de procedemento MR608F) modifícase a fórmula de cálculo do importe máximo sen IVE (euros) da LIII-3, que queda redactado como segue:

Nº clave traballo

Actuación

Importe máximo sen IVE (euros)

Subliña

LIII-3

Revisión do parcelario e estado das parcelas para novas AFXC/ampliación das AFXC inscritas

M = 3 * (98 + S/12 +P1/12 + 2,5 P2),

S = superficie total (ha)

P1 = número de parcelas

P2 = número de propietarios

O importe mínimo da axuda será de 2.867,20 € cando o resultado da fórmula sexa inferior a este limiar.

Subliña III-A/ Subliña III-B

Once. Engádese no anexo XVI (Limitacións e condicións técnicas mínimas das actuacións subvencionables para a subliña III-A (creación AFXC) e subliña III-B (apoio AFXC) (código de procedemento MR608F) na clave de traballo LIII-1 (actuacións: listaxes identificativas da superficie da iniciativa de constitución AFXC e listaxe do tipo de participación da persoa socia) e clave de traballo LIII-3 un parágrafo, que queda redactado como segue:

Nº clave traballo

Actuación

Limitacións e condicións técnicas mínimas das actuacións

LIII-1

Listaxe identificativa da superficie da iniciativa de constitución AFXC

Listaxe para identificar a superficie da iniciativa de actuación de xestión ou comercialización conxunta, mediante o conxunto das referencias catastrais, desagregando aquelas das persoas socias daquelas que non o son, pero das cales se dispón a delegación do seu uso co seu prazo de cesión, e para cada unha delas, coa relación da persoa ou persoas titulares (NIF ou CIF e nome) xuntamente coa súa porcentaxe e dereito sobre a parcela catastral (PR: propiedade, NP: núa propiedade, US: usufruto, CA: concesión administrativa, DS: dereito de superficie ou DF: desfrutador).

Estes datos serán achegados en formato *.xls, *.xlsx, *.csv, *.ods, conforme o modelo publicado no enlace web https://mediorural.xunta.gal/es/temas/forestal/a-estrutura-da-propiedade/agrupacions-forestais

Listaxe do tipo de participación da persoa socia

Listaxe onde, para cada persoa socia, de ser o caso, se indique o tipo de participación (de superficie, de capital, mixta), clase de participación (forestal, xeral), número de participacións e prazo de delegación ou cesión en anos.

Estes datos serán achegados en formato *.xls, *.xlsx, *.csv, *.ods, conforme o modelo publicado no enlace web https://mediorural.xunta.gal/es/temas/forestal/a-estrutura-da-propiedade/agrupacions-forestais

LIII-3

Revisión do parcelario e estado das parcelas para AFXC non inscritas/ Revisión do parcelario e estado das parcelas para ampliación das AFXC inscritas

O obxecto dos traballos que se van realizar será a execución da análise previa da cartografía da superficie da iniciativa de actuación de xestión conxunta da AFXC, que consistirá na realización de:

1. Estudos previos: análise e comparativa da cartografía catastral coas bases cartográficas existentes, co Sixpac, coas ortofotografías e delimitación do perímetro exterior e das construcións e dos elementos físicos do territorio (vías, infraestruturas e hidrografía).

Elaborarase un plano parcelario para a súa exposición pública e envío de notificacións aos titulares da exposición pública do parcelario (á conta da empresa adxudicataria).

2. Execución das operacións de definición do parcelario: comparativa en campo co parcelario catastral e revisión xeométrica e topográfica de predios non coincidentes coa cartografía catastral.

Levantamento e comprobación da xeometría das parcelas afectadas por recursos/alegacións á exposición do parcelario.

Para tal efecto, efectuarase un levantamento topográfico dun número de parcelas catastrais dun mínimo do 30 % do total de parcelas do ámbito do proxecto.

3. Elaboración de ficha individual de cada parcela ou área homoxénea que a compón, en que se recolla: superficie, fotografía, xeolocalización, principais características físicas e técnicas, valoración do terreo e valoración do voo.

4. Estes datos serán achegados en formato *.xls, *.xlsx, *.csv, *.ods, conforme o modelo publicado na ligazón web https://mediorural.xunta.gal/es/temas/forestal/a-estrutura-da-propiedade/agrupacions-forestais

Artigo 2. Modificación de prazo de presentación de solicitudes

1. Modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 11.1 da Orde do 20 de decembro de 2023 nun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (liña I).

2. Modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 35.1 da Orde do 20 de decembro de 2023 nun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (liña II).

3. Modificar o prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 61.1 da Orde do 20 de decembro de 2023 en 40 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (liña III).

4. Esta modificación permite que as persoas que xa formularon solicitude no prazo transcorrido ata a modificación desta orde poidan manter ou modificar a solicitude ou que aquelas persoas que non formulasen solicitude con anterioridade poidan formulala tendo en conta as novas condicións.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural