Examinado o expediente instruído por solicitude de UFD Distribución Electricidad, S.A. sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas que se describen a seguir:
Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Domicilio social: avenida San Luis, 77, 28033 Madrid.
Denominación: adecuación LMTA DC ALL803-ALL804 lugar de Campiñas (Allariz).
Situación: lugar de Campiñas, concello de Allariz.
Orzamento: 151.430,47 €.
Características principais do proxecto que foi asinado o 26.6.2023 polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez, colexiado núm. 2233 do Coeticor:
– Desmontaxe de varios tramos da LMTA existente DC ALL803-ALL804.
– LMTS proxectada, DC, de 629 m de lonxitude, a 20 kV, en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm² Al, coa orixe no apoio proxectado núm. D4-1 do tipo C-16/7000 da LMTA DC ALL803-ALL804 e final no apoio proxectado núm. 10-1 do tipo C-14/4500 da LMTA DC ALL803-ALL804.
– LMTA proxectada, de 804 m de lonxitude, a 20 kV, en condutor LA-110 mm² Al, coa orixe no apoio proxectado núm. 10-1 do tipo C-14/4500 da LMTA DC ALL803-ALL804 e final no apoio proxectado núm. 15 do tipo C-14/3000 da LMTA DC ALL803-ALL804.
A información pública do proxecto foi realizada mediante o Acordo desta dirección territorial do 15 de novembro de 2023, que foi inserido no DOG do 12 de decembro e no xornal La Región de Ourense do 29 de novembro. O proxecto tamén estivo en exposición pública neste departamento territorial e no Portal de transparencia desta consellería durante o prazo regulamentario. Dentro do prazo establecido para iso non foron presentadas alegacións.
Para dar cumprimento ao artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, realizouse o trámite de notificación a descoñecidos co correspondente anuncio que se inseriu no DOG do 2 de xaneiro de 2024 e no taboleiro de edictos único (TEU) do Boletín Oficial del Estado (BOE) de data 15 de xaneiro de 2024.
En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), esta dirección territorial
RESOLVE:
Conceder as autorizacións administrativas previa e de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Que polo representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, se dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e nas horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daquelas predios que figuran no anexo do acordo de información pública do proxecto.
Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Ourense, 10 de xullo de 2024
Alicia María López Míguez
Directora territorial de Ourense