DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Venres, 30 de agosto de 2024 Páx. 49064

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 12 de agosto de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo sobre o deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Covelo e Rebordelo (concello de Ponte Caldelas) ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente DC22027).

Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 26 de xuño de 2024, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Covelo e Rebordelo (concello de Ponte Caldelas), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente DC22027).

Feitos.

Primeiro. O 26.09.2022, a presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante CMVMC) de Covelo-Insua presentou no rexistro electrónico da Xunta de Galicia, co núm. de entrada 2022/2357624, solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Covelo e a CMVMC de Rebordelo (ambas no concello de Ponte Caldelas).

Os montes veciñais en man común (en diante MVMC) afectados por este deslindamento son:

– MVMC de Covelo (ID monte: 3048) da CMVMC de Covelo-Insua.

– MVMC de Rebordelo (ID monte: 3051) da CMVMC de Rebordelo.

Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento, consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:

• Acta do apeo do deslindamento o 24.5.2022.

• Acta de conciliación núm. 59/2022 entre as comunidades no Xulgado de Paz de Ponte Caldelas, o 11.10.2022.

• Certificado do secretario da CMVMC de Covelo, coa conformidade do presidente do 9.7.2022, da aprobación na asemblea do 9.7.2022.

• Certificado do secretario da CMVMC de Rebordelo, coa conformidade do presidente do 14.9.2022, da aprobación na asemblea do 20.8.2022.

• Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829, asinado o 2.6.2022 pola enxeñeira técnica forestal colexiada núm.296 do COETF de Galicia.

• Informe de validación gráfica catastral con CSV: 5SDNKKBDS4PWCZDE (para a comunicación da alteración catastral consonte o artigo 55.3 da Lei 7/2012) que, polo principio de colaboración entre administracións, deberá verificar a Xerencia Territorial do Catastro.

Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 592 metros e está composta polos seguintes puntos:

Punto 1

x: 542.212,43

y: 4.691.795,10

Punto 2

x: 541.988,72

y: 4.691.612,86

Punto 3

x: 541.685,41

y: 4.691.620,76

Punto 4

x: 541.729,88

y: 4.691.620,07

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos os MVMC, detéctase que existe estrema entre ambos e considérase que non afecta terceiros propietarios.

O punto P01 invade a parcela con referencia catastral 36053A0100021, de titularidade catastral particular. Na memoria técnica a fotografía do piquete 4 mostra que está ao lado do muro que delimita a parcela, polo que existe unha pequena desviación da cartografía catastral con respecto á realidade.

No punto P01 converxen a CMVMC de Covelo, a CMVMC de Rebordelo e a CMVMC de Pazos.

A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das seguintes comunidades:

– CMVMC de Covelo: o expediente de revisión de esbozo RE22044 xa recolle o deslindamento actual.

– CMVMC de Rebordelo: achega uns pequenos axustes para pechar o punto P1 e o punto P4 do deslindamento co resto do esbozo do MVMC.

– CMVMC de Pazos: realízase de oficio un axuste do esbozo da carpeta ficha e a dita comunidade deberá iniciar expediente de revisión de esbozo ante o Xurado de MVMC de Pontevedra, xa que se detectan erros graves na cartografía.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53, polo que propón a aprobación do deslindamento segundo a liña presentada.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A presente resolución dítase de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Covelo e a CMVMC de Rebordelo, ambas no concello de Ponte Caldelas, respecto da súa estrema común, nos termos indicados no feito terceiro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 12 de agosto de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común