Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 26 de xuño de 2024, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Ribadelouro (concello de Tui) e Pontellas (concello do Porriño), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente DC22095).
Feitos:
Primeiro. O 29.9.2022 o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Ribadelouro presenta no rexistro electrónico da Xunta de Galicia co número de entrada 2022/2391648, unha solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Ribadelouro (Tui) e a CMVMC de Pontellas (O Porriño).
Os Montes Veciñais en Man Común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:
– MVMC de Ribadelouro (ID Monte: 3183) da CMVMC de Ribadelouro.
– MVMC de Ratapán, Centeais e Sisto (ID Monte: 2982) da CMVMC de Pontellas.
Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:
• Acta de deslindamento, o 19.5.2022.
• Acta de conciliación X53 Conciliación 0000514/2022 entre as comunidades no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2, o 14.12.2022.
• Certificado do secretario da CMVMC de Ribadelouro coa conformidade do presidente do 11.9.2022 da aprobación en Asemblea do 11.9.2022.
• Certificado do secretario da CMVMC de Pontellas coa conformidade do presidente do 19.9.2022 da aprobación en Asemblea do 18.9.2022.
• Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM, zona 29N, EPSG: 25829. Asinado o 26.9.2022 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 1300 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais (COETF) de Galicia. As emendas realizadas producen a modificación desta.
• Informe de validación gráfica catastral con CSV: H68R1SRZY5F1AN9Q e GV2RCT8NK7HA7082 (para a comunicación da alteración catastral consonte o artigo 55.3 da Lei 7/2012), que, polo principio de colaboración entre administracións; deberá verificar a Xerencia Territorial de Catastro.
Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 171 metros e está composta polos seguintes puntos:
|
Punto 25 |
x: 530.242,91 |
y: 4.662.327,49 |
|
Punto 26c |
x: 530.225,37 |
y: 4.662.322,50 |
|
Punto 27 |
x: 530.191,18 |
y: 4.662.310,16 |
|
Punto 28 |
x: 530.145,63 |
y: 4.662.290,85 |
|
Punto 29 |
x: 530.082,87 |
y: 4.662.267,90 |
Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC detéctase que existen lindeiros entre ambos e considérase que non afecta terceiros propietarios.
Os esbozos de clasificación atópanse desprazados con respecto á liña do deslindamento. O desprazamento queda xustificado co expediente RE22052 (revisión de esbozo da CMVMC de Ribadelouro).
A liña de deslindamento non respecta a liña de concellos do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos de Tui e O Porriño.
A liña de deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das seguintes comunidades:
– CMVMC de Ribadelouro: o expediente de revisión de esbozo RE22052 xa recolle o deslindamento actual.
– CMVMC de Pontellas: achega uns pequenos axustes para pechar o punto 25 e o punto 29 do deslindamento co resto do esbozo do MVMC.
O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53, polo que propón a aprobación do deslindamento segundo a liña presentada.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A presente resolución dítase de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado, por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Ribadelouro (Tui) e a CMVMC de Pontellas (O Porriño) respecto da súa estrema común nos termos indicados no feito terceiro.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 14 de agosto de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
