Para os efectos previstos no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade ao acordo adoptado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, o 26 de xuño de 2024, en relación co deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común de Aian, Val, Trascastro (Agolada, provincia de Pontevedra) e Santo Estevo de Castro, San Fiz e San Martiño de Amarante (Antas de Ulla, provincia de Lugo), ao respecto da estrema común dos seus montes (expediente DC22107).
Feitos:
Primeiro. O 29.9.2022 o presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Aian, Val, Trascastro presenta no rexistro electrónico da Xunta de Galicia co número de entrada 2022/2401065, unha solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Aian, Val, Trascastro (Agolada, provincia de Pontevedra) e a CMVMC de Santo Estevo de Castro, San Fiz e San Martiño de Amarante (Antas de Ulla, provincia de Lugo).
Os Montes Veciñais en Man Común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:
– MVMC de Farelo e Costa da Pena (ID Monte: 2768) da CMVMC de Aian, Val, Trascastro.
– MVMC Farelo (ID Monte: 289) da CMVMC de Santo Estevo de Castro, San Fiz e San Martiño.
Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012:
• Acta do deslindamento o 22.1.2022.
• Acta de conciliación entre as comunidades no Xulgado de Paz de Agolada o 26.9.2022.
• Certificado do secretario da CMVMC de Aian, Val e Trascastro coa conformidade do presidente do 12.6.2022 da aprobación en Asemblea do 12.6.2022.
• Certificado do secretario da CMVMC de Santo Estevo do Castro, San Fiz e San Martiño de Amarante coa conformidade do presidente do 25.9.2022 da aprobación en Asemblea do 25.9.2022.
• Memoria descritiva co plano de deslindamento e a cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM, zona 29N, EPSG: 25829. Asinado o 3.1.2024 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 5039 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais (COETF) de Galicia. A emenda realizada produce a modificación desta.
• Informe de validación gráfica catastral con CSV: 73AE3FE5CA62TXBK e RGHFMJAPYYM374R8 (para a comunicación da alteración catastral consonte o artigo 55.3 da Lei 7/2012), que polo principio de colaboración entre administracións deberá verificar a Xerencia Territorial de Catastro.
Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 1.483 metros e está composta polos seguintes puntos:
|
Punto P.01 |
x: 585.773,43 |
y: 4.733.977,10 |
|
Punto P.02 |
x: 585.761,98 |
y: 4.733.995,49 |
|
Punto P.03 |
x: 585.724,23 |
y: 4.734.019,81 |
|
Punto P.04 |
x: 585.616,73 |
y: 4.734.152,23 |
|
Punto P.05 |
x: 585.421,78 |
y: 4.734.444,52 |
|
Punto P.06 |
x: 585.350,62 |
y: 4.734.572,53 |
|
Punto P.07 |
x: 585.184,19 |
y: 4.734.913,88 |
|
Punto P.08 |
x: 585.137,76 |
y: 4.734.961,60 |
|
Punto P.09 |
x: 585.052,80 |
y: 4.735.030,59 |
|
Punto P.10 |
x: 584.988,45 |
y: 4.735.105,05 |
|
Punto P.11 |
x: 584.943,07 |
y: 4.735.187,48 |
Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC, detéctase que existen lindes entre ambas, a excepción dun tramo entre o punto 8 e o punto 11, onde os lindes da CMVMC de Santo Estevo de Castro, San Fiz e San Martiño de Amarante quedan xustificados pola titularidade catastral e o informe emitido polo Servizo de Montes de Lugo do 27.11.2023. E non afecta terceiros propietarios.
A liña respecta a liña de deslindamento do Instituto Xeográfico Nacional entre os concello de Agolada e Antas de Ulla, a excepción do tramo entre o punto 1 e 2.
A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación. A CMVMC de Aian, Val, Trascastro presenta un expediente de revisión de esbozo RE22050 e a CMVMC de Santo Estevo de Castro, San Fiz e San Martiño debera proceder mediante algún dos expedientes recollidos na lexislación para adaptar as superficies actualmente recollidas no Rexistro de MVMC de Lugo coas realmente pertencentes á comunidade.
O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53, polo que propón a aprobación do deslindamento segundo a liña presentada.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. A presente resolución dítase de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e consideracións legais e técnicas expostos, o Xurado por unanimidade dos seus membros,
ACORDA:
Aprobar o deslindamento parcial realizado entre a CMVMC de Aian, Val, Trascastro (Agolada, provincia de Pontevedra) e a CMVMC de Santo Estevo de Castro, San Fiz e San Martiño de Amarante (Antas de Ulla, provincia de Lugo), respecto da súa estrema común nos termos indicados no feito terceiro.
Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Pontevedra, 14 de agosto de 2024
Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra
