DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 9 de setembro de 2024 Páx. 49909

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 29 de agosto de 2024, do Servizo Provincial de Ourense, pola que se sinalan as datas para o levantamento das actas previas á ocupación e para a formalización das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado para a mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG) nas rutas de acceso á cidade de Ourense, nos concellos de Barbadás, Larouco, O Bolo e Viana do Bolo (clave OU/22/057.06).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2 a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

O 19 de maio de 2023, a Xunta de Galicia aprobou o proxecto de trazado para a mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na RAEG (Rede autonómica de estradas de Galicia) nas rutas de acceso á cidade de Ourense, de clave OU/22/057.06, nos concellos de Barbadás, Larouco, O Bolo e Viana do Bolo, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 102, do 31 de maio.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición dos servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritas a esta consellería, publicada no DOG nº 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares dos bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Barbadás, Larouco, O Bolo e Viana do Bolo, para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de Barbadás.

Lugar: salón de plenos do Concello de Barbadás.

Data: 25 de setembro de 2024; das 9.30 ás 12.00 horas.

Termo municipal de Larouco.

Lugar: salón de plenos do Concello de Larouco.

Data: 24 de setembro de 2024; das 9.30 ás 10.00 horas.

Termo municipal do Bolo.

Lugar: salón de plenos do Concello do Bolo.

Data: 24 de setembro de 2024; das 10.30 ás 11.30 horas.

Termo municipal de Viana do Bolo.

Lugar: salón de plenos do Concello de Viana do Bolo.

Data: 24 de setembro de 2024; das 12.30 ás 14.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como o plano parcelario correspondente, estarán expostos nos concellos de Barbadás, Larouco, do Bolo e Viana do Bolo, e no Servizo Provincial de Ourense da Axencia Galega de Infraestruturas (r/ Sáenz Díez, 1, 32003 Ourense), e publicarase na seguinte ligazón da páxina web da consellería:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Conselleria6/Avisos/resolucions/aviso_0356.html

Así mesmo, realizaráselles a convocatoria aos interesados para o levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, o documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI…), así como o certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poden facerse acompañar pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa, de 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez realizadas as actas previas á ocupación e habilitado o crédito oportuno, procederá ao pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e das indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto, convócanse ao acto de formalización das actas de ocupación que terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:

Termo municipal de Barbadás.

Lugar: salón de plenos do Concello de Barbadás.

Data: 7 de novembro de 2024; das 13.00 ás 14.30 horas.

Termo municipal de Larouco.

Lugar: salón de plenos do Concello de Larouco.

Data: 7 de novembro de 2024; das 9.00 ás 9.30 horas.

Termo municipal do Bolo.

Lugar: salón de plenos do Concello do Bolo.

Data: 7 de novembro de 2024; das 9.45 ás 10.20 horas.

Termo municipal de Viana do Bolo.

Lugar: salón de plenos do Concello de Viana do Bolo.

Data: 7 de novembro de 2024; das 11.00 ás 11.30 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público, para xeral coñecemento, advertíndolles aos titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, e non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e que deben achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e que deberán identificarse co documento nacional de identidade.

Ourense, 29 de agosto de 2024

Marcos Buide Pollán
Xefe do Servizo Provincial de Ourense