Antecedentes.
Mediante a Resolución do 12 de abril de 2024, acordouse a incoación do procedemento administrativo para a declaración da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira ab intestato de José Fernández González (ABI/2023/0008).
A citada resolución publicouse no Boletín Oficial del Estado (suplemento núm. 105, do 30 de abril de 2024), no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 83, do 26 de abril) e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, e foi exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Vigo e de Monterrei por un prazo non inferior a trinta días naturais.
Constan no expediente os correspondentes certificados de defunción e derradeiras vontades relativos á persoa causante, nos cales se acredita o seu falecemento o 16 de maio de 2020 en Monterrei e que non outorgara testamento rexistrado. Así mesmo, figura igualmente incorporado certificado do seu empadroamento no Concello de Vigo, polo que queda xustificada formalmente a súa veciñanza civil galega.
Durante a tramitación do procedemento non se recibiron alegacións, documentos ou outros elementos de xuízo que cuestionen a sucesión a favor da Administración autonómica, o que corrobora o informe emitido para o efecto pola Policía Autonómica de Galicia e as manifestacións de terceiras persoas unidas ao expediente.
Das consultas efectuadas no Catastro inmobiliario, no Índice xeral informatizado de predios e dereitos do Rexistro da Propiedade e por outras fontes determinouse, en principio, que polo menos forman parte dos bens hereditarios da persoa finada os bens e dereitos que se adxudican no punto segundo desta resolución, sen prexuízo da inclusión daqueloutros que se identifiquen con posterioridade a esta declaración como de titularidade da persoa causante.
A Asesoría Xurídica da Consellería de Facenda e Administración Pública emitiu informe sobre a adecuación e suficiencia das actuacións efectuadas para a declaración da Comunidade Autónoma como herdeira ab intestato da persoa causante.
Fundamentos xurídicos.
– Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia (artigo 267 e seguintes).
– Código civil (artigo 657 e seguintes).
– Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas (artigos 20.6 e 20 bis.8).
– Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia (título III, artigo 147 e seguintes).
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Decreto 141/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda e Administración Pública (artigos 14 e 16).
Segundo o anterior,
RESOLVO:
Primeiro. Declarar a Comunidade Autónoma de Galicia única e universal herdeira ab intestato de José Fernández González, con DNI 06487447-K, entendéndose legalmente aceptada a herdanza a beneficio de inventario.
Segundo. Adxudicarlle á Administración autonómica os seguintes bens e dereitos da herdanza identificados:
– Contratos e outros efectos bancarios:
• Abanca, conta de aforro: 2080 5020 0030 0022 0978
Terceiro. Publicar esta resolución no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Facenda e Administración Pública, área temática de Patrimonio, Anuncios, que se pode consultar na seguinte ligazón: http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/patrimonio/anuncios.
A resolución será remitida para a súa exposición pública no taboleiro de anuncios dos concellos de Vigo e de Monterrei por un prazo non inferior a trinta días naturais.
Esta resolución poderá ser impugnada por infracción das normas sobre competencia e procedemento mediante recurso de alzada, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, de conformidade co artigo 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Os que se consideren prexudicados en canto ao seu mellor dereito á herdanza ou noutros dereitos de carácter civil por esta declaración ou pola adxudicación de bens a favor da Comunidade Autónoma de Galicia que se contén nesta resolución poderán exercer as accións pertinentes ante o órgano da xurisdición civil correspondente.
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2024
José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio
