O Decreto 42/2024, do 14 de abril, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e crea a actual Consellería de Economía e Industria.
O Decreto 49/2024, do 22 de abril, establece a estrutura orgánica das consellerías e, na súa disposición adicional segunda, prevé a continuidade da vixencia das ordes de delegación outorgadas ata que sexan expresamente revogadas ou renovadas.
Na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, detállanse as regras que disciplinan as competencias dos órganos administrativos e os mecanismos que introducen excepcións ou matizan tales regras, entre elas a delegación de competencias, que encontra regulación no artigo 6 da referida lei.
A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.
O Decreto 140/2024, do 20 de maio, establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria e concreta a súa organización. Os cambios introducidos polo decreto coa creación de novos órganos e a atribución de novas competencias á Consellería, unidos á concentración de funcións na súa titular, así como a adscrición de centros directivos á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, fan aconsellable efectuar unha nova delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión, sen esquecer o debido respecto aos principios recollidos no artigo 103.1 da nosa Constitución.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Artigo 1. Administración de persoal
1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica:
a) As facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería en materia de persoal segundo o establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento do persoal eventual e as que lles correspondan a outros órganos.
b) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, das persoas titulares da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, das direccións xerais da Consellería, dos departamentos territoriais, así como do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica.
c) A autorización para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do persoal indicado na letra anterior.
2. Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e das direccións xerais:
a) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.
b) A autorización para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do persoal indicado na letra anterior.
3. Deléganse nas persoas titulares dos departamentos territoriais:
a) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nos seus departamentos.
b) A autorización para a asistencia a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do persoal indicado na letra anterior.
c) Os permisos e licenzas do dito persoal, sempre que non teñan incidencia no capítulo I dos orzamentos de gastos.
Artigo 2. Contratación
1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica:
a) As facultades atribuídas á persoa titular da Consellería respecto dos contratos menores correspondentes ao ámbito competencial da Secretaría Xeral Técnica.
b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, a disposición da súa tramitación urxente ou a adopción das medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 120, relativo á tramitación de emerxencia, da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, ou norma que a substitúa.
c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores, a prerrogativa da súa interpretación e a resolución das dúbidas que ofreza o seu cumprimento, a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público, o acordo da súa resolución e a determinación dos efectos desta, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se deleguen expresamente nas persoas titulares doutros órganos.
d) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación coas encargas a medios propios, en materias de competencia da Secretaría Xeral Técnica, correspondan á persoa titular da Consellería segundo a lexislación vixente, salvo as que se deleguen expresamente nas persoas titulares doutros órganos.
2. Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e das direccións xerais, dentro dos respectivos ámbitos competenciais:
a) As facultades atribuídas á persoa titular da Consellería respecto dos contratos menores.
b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control, para o cal se poderán ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan a modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 120, relativo á tramitación de emerxencia, da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, ou norma que a substitúa.
c) As funcións que, en relación coas encomendas de xestión, tanto intrasubxectivas como intersubxectivas, así como en relación coas encargas a medios propios, lle correspondan á persoa titular da Consellería segundo a lexislación vixente.
Artigo 3. Convenios
Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica a subscrición, modificación, prórroga ou perda de efectos de convenios de competencia da persoa titular da Consellería, excepto os convenios de colaboración con outras administracións públicas e entes de dereito público e os convenios con asociacións, federacións e clústeres.
Artigo 4. Xestión patrimonial
Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Consellería.
Artigo 5. Xestión financeira e orzamentaria
1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, a aprobación das modificacións orzamentarias competencia da Consellería e a autorización dos gastos xerais dos seus servizos, a autorización dos actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e a proposta á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública da ordenación dos correspondentes pagamentos relativos:
a) Aos gastos de persoal.
b) Aos gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da Consellería.
c) Os créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos, salvo os derivados dos contratos menores correspondentes a competencias delegadas nas persoas titulares da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e das direccións xerais.
2. Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e das direccións xerais, dentro dos respectivos ámbitos competenciais, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 deste artigo en relación:
a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación.
b) Cos créditos correspondentes aos capítulos II e VI dos orzamentos que correspondan a gastos específicos da súa competencia e que teñan o carácter de contrato menor.
3. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e das direccións xerais, dentro dos respectivos ámbitos competenciais, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos para xustificar, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que sexan desconcentrados.
4. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflicten as correspondentes fases dos gastos, e correspóndelles á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, á da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e ás das direccións xerais, dentro dos respectivos ámbitos competenciais, a sinatura daqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.
Artigo 6. Recursos e reclamacións
1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica:
a) A resolución dos recursos administrativos que lle correspondan á persoa titular da Consellería, así como dos que lle correspondan á persoa titular da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, e a facultade de suspender os actos impugnados, nos casos en que non estean expresamente delegados noutros órganos e cando a delegación non estea prohibida expresamente.
b) A resolución dos recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións ditadas pola Secretaría Xeral Técnica en virtude das facultades delegadas, así como dos interpostos contra as resolucións ditadas por outros órganos en exercicio de facultades delegadas e non atribuídas a estes.
c) A resolución dos procedementos de revisión de oficio, de declaración de lesividade dos actos anulables e de revogación de actos de gravame ou desfavorables de competencia da persoa titular da Consellería.
d) A resolución e formulación de requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa competencia da persoa titular da Consellería.
e) A resolución dos procedementos de responsabilidade patrimonial en materias de competencia desta consellería.
2. Delégase nas persoas titulares das direccións xerais, dentro dos respectivos ámbitos competenciais, a resolución dos recursos potestativos de reposición en materia sancionadora aos cales se refire o artigo 10.2.
3. Delégase nas persoas titulares dos departamentos territoriais a resolución dos recursos potestativos de reposición en materia sancionadora aos cales se refire o artigo 10.3.
Artigo 7. Protectorado en materia de fundacións
Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as facultades que a normativa vixente lle atribúe ao correspondente protectorado en materia de fundacións.
Artigo 8. Asuntos xerais e réxime interno
Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica:
a) En xeral, o despacho e a resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que estean atribuídos á persoa titular da Consellería e non se deleguen expresamente noutros órganos.
b) A disposición de canto concirne ao réxime interno da Consellería cando non sexa competencia exclusiva da persoa titular da Consellería ou doutro órgano superior ou centro directivo.
Artigo 9. Subvencións
Deléganse nas persoas titulares das Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e das direccións xerais, dentro dos respectivos ámbitos competenciais, e sempre e cando non estean expresamente delegadas noutro órgano na correspondente orde de convocatoria, a concesión ou a denegación das axudas públicas e subvencións convocadas con cargo aos créditos orzamentarios da Consellería, a modificación e revogación das concedidas e a incoación e resolución dos procedementos de reintegro delas.
Artigo 10. Potestade sancionadora
1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as competencias relativas ás resolucións sancionadoras e ás propostas de sanción ao Consello da Xunta que lle correspondan á persoa titular da Consellería en virtude da cualificación da infracción cometida, excepto as que se deleguen expresamente noutros órganos.
2. Delégase nas persoas titulares das direccións xerais, dentro dos respectivos ámbitos competenciais, a resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de enerxía e industria cando a infracción afecte o ámbito territorial de dúas ou máis provincias, así como a resolución dos recursos potestativos de reposición interpostos contra as ditas resolucións sancionadoras.
3. Delégase nas persoas titulares dos departamentos territoriais a resolución dos expedientes sancionadores por infraccións graves en materia de enerxía e industria, agás os supostos de infraccións de ámbito supraprovincial do punto anterior, así como a resolución dos recursos potestativos de reposición interpostos contra as ditas resolucións sancionadoras.
Artigo 11. Delegacións singulares
1. Deléganse na Secretaría Xeral Técnica:
a) A representación da persoa titular da Consellería nas actuacións para as cales a normativa administrativa requira a acreditación da representación, nomeadamente para a solicitude de axudas, para a formulación de recursos e para os demais procedementos análogos tramitados ante calquera Administración pública ou entidade.
b) As resolucións polas cales se declare a adquisición ou a perda da condición de concello emprendedor, por concorreren os requisitos previstos na normativa vixente.
c) As resolucións polas cales se desestimen as solicitudes para a declaración dunha iniciativa empresarial como proxecto industrial estratéxico cando, de acordo coa normativa vixente, non se cumpran os requisitos exixidos ou non se acredite o carácter estratéxico do proxecto.
2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial o exercicio das facultades que, en materia de expropiación forzosa e dentro do seu ámbito competencial, o ordenamento lle atribúe á persoa titular da consellería expropiatoria, con especial referencia á aprobación dos expedientes expropiatorios correspondentes a proxectos de interese autonómico para parques empresariais.
3. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas o despacho e a resolución dos expedientes que en materia de dereitos mineiros estea atribuída á persoa titular da Consellería e que non se delegue expresamente noutros órganos.
4. Delégase nas persoas titulares dos departamentos territoriais a resolución das reclamacións e queixas pola actuación do seu persoal.
Artigo 12. Criterios complementarios na aplicación das delegacións
Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:
a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.
b) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.
c) En calquera momento, a persoa titular da Consellería poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.
d) No caso de que se poida entender que un ámbito competencial lles corresponde tanto á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético como a unha dirección xeral dependente desta, asumirá a competencia a dirección xeral correspondente con base no principio de especialidade.
En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que sexa declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan por esta orde serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.
En iguais circunstancias, no caso da persoa titular da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, as competencias que se delegan por esta orde serán exercidas polas direccións xerais dependentes atendendo á orde de prelación destas.
En iguais circunstancias, no caso das persoas titulares das direccións xerais, as competencias que se delegan por esta orde serán exercidas pola persoa titular da referida Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.
En iguais circunstancias, de afectar de xeito simultáneo a persoa titular da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e as das direccións xerais, as competencias que se delegan por esta orde serán exercidas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.
Disposición adicional única. Modificación de ordes da Consellería polas que se determinan as localizacións de novas estacións fixas de inspección técnica de vehículos en canto á competencia para ditar disposicións de aplicación
De conformidade coa nova estrutura da Consellería e por un principio de especialidade, nas ordes do 2 de maio de 2024 (DOG núm. 92, do 13 de maio), e do 27 de setembro de 2024 (DOG núm. 195, do 9 de outubro) polas que se determinan as localizacións de novas estacións fixas de inspección técnica de vehículos, a competencia para ditar actos de aplicación outorgada a favor da persoa titular da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético nas disposicións derradeiras enténdese realizada a favor da persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Queda derrogada a Orde do 9 de febreiro de 2023 sobre delegación de competencias en diversos órganos, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2024
María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria
