Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Nedgia Galicia, S.A., con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes:
Feitos:
O 2 de maio de 2024, Nedgia Galicia, S.A. achegou solicitudes de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no documento técnico denominado proxecto de desprazamento da rede RMB-1508 en MOP 4 bar afectada polas obras de construción de edificio comercial na avenida Francisca Herrera no concello de Oleiros, e presentou a seguinte documentación:
• Proxectos técnicos das instalacións para a súa aprobación subscritos por Alejandra Risco Barba, enxeñeira técnica industrial (colexiada núm. 25.430 do COITIM). Proxecto ACT230900093034.
• Declaración responsable do técnico asinante dos proxectos, segundo a Instrución 5/2012, do 15 de novembro, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 229, do 30 de novembro) sobre os criterios aplicables para exixir visado colexial en materia de industria e enerxía.
• Solicitude de outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución das instalacións recollidas no antedito proxecto.
Para a súa tramitación, ante a dita solicitude foille asignado o número de expediente administrativo IN627A 2024/1-1.
Mediante o Acordo do 3 de maio de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, sométese ao trámite de información pública a solicitude de autorización administrativa da infraestrutura gasística de distribución, e é publicada no DOG núm. 110, do 7 de xuño, e no BOP da Coruña núm. 93, do 14 de maio, e nos xornais La Voz de Galicia do 7 de xuño de 2024 e La Opinión da Coruña do 7 de xuño de 2024.
Segundo. Toda vez que no proxecto se reflicte afeccións a bens e dereitos doutros organismos e servizos públicos, de conformidade co previsto no artigo 84 do Real decreto 1434/2002 de decembro, do 27 de setembro, e reiterado o 18 de outubro de 2022, solicitouse condicionado técnico destes organismos e titulares de bens afectados e remitiuse separata do proxecto á Axencia Galega de Infraestruturas, Telefónica España, S.A.U., Jazztel, UFD Distribución Electricidad, S.A., Patrimonio Cultural, R-Cable e Concello de Oleiros.
Todos os organismos, agás o Concello de Oleiros, estableceron os condicionados técnicos que se deben formalizar e que, unha vez trasladados á empresa solicitante, foron aceptados.
Unha vez reiterado o condicionado técnico ao Concello de Oleiros, conforme o artigo 84 do Real decreto 1434/2002, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro), e transcorrido o prazo de dez días sen haber recibido resposta, teranse por aprobadas as especificacións técnicas propostas polo peticionario da instalación no proxecto de execución.
Durante a fase de información pública non se achegaron alegacións, unha vez rematada a tramitación do procedemento e consonte o artigo 82.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, prescíndese do trámite de audiencia.
Consideracións legais e técnicas:
1. Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE núm. 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 7 de outubro (BOE núm. 158, do 3 de xullo), que ten por obxecto renovar, integrar e homoxeneizar a distinta normativa legal vixente en materia de hidrocarburos e dispón, entre outras materias, a ordenación da subministración de gases combustibles por canalización.
2. Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio (DOG núm. 244, do 21 de decembro), que regula o procedemento sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas e, no seu artigo 2 en particular, as competencias das delegacións provinciais (actualmente, direccións territoriais), dentro do réxime de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, agás a normativa derrogada a que fai referencia nesta orde.
4. Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE núm. 313, do 31 de decembro).
5. Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE núm. 211, do 4 de setembro), e, en particular:
5.a. O disposto na ITC-ICG 01 Instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización, que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais, as medidas de seguridade que deben observarse referentes ao proxectado, construción e explotación das instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización ás cales se refire o artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e os procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.
5.b. O disposto na ITC-ICG 04 Plantas satélite de gas natural licuado (GNL), que ten como obxecto fixar os requisitos técnicos esenciais e as medidas de seguridade que deben observarse referentes ao deseño, construción, probas, instalación e emprego das plantas satélites de GNL, tal e como se definen no artigo 2 do citado real decreto, así como determinar as prescricións relativas ás probas que se deben realizar previamente á posta en marcha e os procedementos de operación, mantemento e control das instalacións.
6. Decreto 62/2010, do 15 de abril, da Consellería de Economía e Industria, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) (DOG núm. 77, do 26 de abril).
7. Decreto 51/2011, do 17 de marzo, da Consellería de Economía e Industria, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG núm. 65, do 1 de abril).
8. O artigo 2 da Orde do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas, determina que (...) correspóndelles ás delegacións provinciais (), en tanto non se alteren os termos das autorizacións administrativas ditadas por órgano superior, a autorización administrativa do resto de instalacións, coas seguintes puntualizacións:
8.a.i.1. Instalacións que requiren autorización individual:
8.a.i.2. As canalizacións de presión máxima de servizo entre 4 e 16 bar con diámetro maior de 114,3 mm (4’’).
9. Non consta no expediente que fose presentada algunha alegación referente á solicitude feita por Nedgia, S.A. durante o período legal previsto no trámite de información pública.
10. Os servizos técnicos desta xefatura informan que, unha vez analizado o expediente, as instalacións proxectadas cumpren cos requisitos regulamentarios e procede continuar coa súa tramitación.
11. Obxecto da petición: o proxecto prevé a execución do desprazamento da rede RMB-1508 en MOP 4 bar (expediente IN627B 2003/13-1) afectada polas obras de construción dun edificio comercial na avenida Francisca Herrera, no concello de Oleiros.
E o desprazamento proxectado consiste:
• 556 m de condución de polietileno DN 200, en MOP 4 bar.
• 2 bypass provisionais de 7 m cada un en polietileno DN 63.
• 1 bypass provisional de 8 m en polietileno DN 63.
• Elementos auxiliares: 2 válvulas DN 200.
De acordo con todo o indicado,
RESOLVO:
a) Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución das instalacións de gas canalizado proxectadas e descritas nos antecedentes, para a súa execución no prazo máximo dun ano desde a publicación desta resolución.
b) A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:
– A aprobación do proxecto de execución solicitada por Nedgia Galicia, S. A. outorgarase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio ao ambiente.
– Antes do inicio das obras, Nedgia Galicia, S.A. poñerá en coñecemento de todas as administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens e dereitos ao seu cargo das respectivas afeccións que se estivesen a xerar coa execución das instalacións e poidan establecer os condicionados pertinentes.
– Previamente ao inicio das obras, deberán achegar a este departamento territorial todas as autorizacións e permisos dos titulares dos bens afectados polas instalacións proxectadas, xunto coa designación da razón social da empresa instaladora autorizada de gas que vai realizar as obras e o director de obra responsable delas.
– A empresa distribuidora vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.
– De conformidade cos criterios e exixencias previstos na regulamentación vixente, deberanse instalar os elementos de seguridade que sexan necesarios, particularmente válvulas, coidando da súa accesibilidade.
– Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non previstas neste proxecto e previamente á súa execución, deberase de dispoñer do pertinente visto e prace deste departamento territorial.
– Todas as modificacións efectuadas na fase de execución deberán de ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto ás instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado, superado este límite deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.
– Todas as ampliacións da rede de distribución de gas natural estarán suxeitas á presentación da correspondente addenda para a súa aprobación por parte deste departamento territorial.
– Este departamento territorial reservarase o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.
– O prazo de execución das instalacións recollidas neste expediente rematará o 31 de decembro de 2024 e este prazo será improrrogable.
– En cumprimento do artigo 6 da Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, a empresa distribuidora Nedgia Galicia, S.A. deberá comunicar con antelación polos medios que consideren pertinentes as datas previstas para a realización das probas regulamentarias.
– Para os efectos da posta en marcha provisional das instalacións mediante dilixencia deste departamento territorial, presentarase un certificado da empresa distribuidora e da empresa instaladora de superación das probas regulamentarias realizadas baixo a supervisión do director de obra responsable delas, e o seu certificado de dirección de obra.
– Antes do remate do ano 2024 teranse executadas na súa totalidade as obras recollidas no proxecto aprobado, co obxecto de solicitar a correspondente acta de posta en marcha definitiva.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
A Coruña, 26 de agosto de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
