DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 28 de novembro de 2024 Páx. 62419

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2024 pola que se publica o acordo sobre a execución dos procesos de selección e provisión, ao abeiro da normativa de estabilización, convocados en decembro de 2022.

En decembro de 2022 convocáronse os procesos selectivos dirixidos á estabilización do persoal de administración e servizos, correspondentes ás OPE de 2019, 2020 e 2021, así como o proceso de promoción interna da OPE de 2019 e 2021.

Simultaneamente, tramitouse o concurso de méritos do persoal funcionario convocado pola Resolución do 30 de setembro de 2022, publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 13 de outubro.

O desenvolvemento dos citados procesos por mor da mobilidade, incorporación e cesamentos prevese que terá un grande impacto na configuración dos equipos de traballo e, en consecuencia, nos procedementos de traballo nas respectivas unidades.

Xa que logo, cómpre prever de xeito ordenado o remate dos procesos, en que un dos aspectos de máis afectación é o relativo á ordenación dos cesamentos que se produzan por mor da incorporación do persoal adxudicatario dos postos de traballo.

Mediante a Resolución do 31 de marzo de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 67, do 7 de abril, o acordo sobre selección temporal, acceso interno e adscrición provisional do persoal de administración e servizos (PAS) da Universidade de Vigo e mais o acordo sobre criterios de incorporación e cesamento deste persoal derivados dos procesos de provisión e selección.

Dada a complexidade dos procesos, así como a amplitude do seu ámbito, co fin de ordenar a interpretación das cuestións que poidan xurdir da súa aplicación aos procesos mencionados, e con base no disposto no artigo sétimo do acordo, a Xerencia e a representación do persoal acadaron un documento consensuado en que se recolle un acordo interpretativo do 17 de abril de 2023, ratificado pola Comisión de Seguimento do Acordo sobre selección temporal, acceso interno e adscrición provisional do PAS, con data tamén do 17 de abril de 2023.

Cómpre, polo tanto, proceder á publicación do citado documento, para xeral coñecemento das persoas eventualmente afectadas, e establecer a súa vixencia.

Considerando os antecedentes expostos, esta reitoría, en uso das competencias que lle confiren a Lei orgánica 6/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e os Estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro),

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do acordo, que se achega como anexo a esta publicación, asinado entre a Xerencia e os órganos de representación do persoal sobre a execución dos procesos de selección e provisión, ao abeiro da normativa de estabilización, convocados pola Universidade de Vigo en decembro de 2022.

Segundo. Fixar como data de efectos do acordo a data da súa sinatura.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 20 de novembro de 2024

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO

No pasado mes de decembro a Universidade de Vigo convocou dous procesos selectivos dirixidos á estabilización do persoal de administración e servizos, así como un proceso de promoción interna en virtude das seguintes resolucións:

– Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas de persoal de administración e servizos (Diario Oficial de Galicia núm. 238, do 16 de decembro).

– Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema selectivo de concurso, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas para a estabilización de emprego temporal do persoal de administración e servizos (Diario Oficial de Galicia núm. 238, do 16 de decembro).

– Resolución do 19 de decembro de 2022 pola que se anuncia a convocatoria do proceso selectivo para o ingreso, por promoción interna, como persoal de administración e servizos (Diario Oficial de Galicia núm. 244, do 26 de decembro).

Simultaneamente ao desenvolvemento destes procesos, estase a tramitar o concurso de méritos de persoal funcionario convocado pola Resolución do 30 de setembro de 2022 (DOG núm. 195, do 13 de outubro).

Así mesmo, a representación legal do persoal instou da Administración a convocatoria dun concurso de méritos para escalas e subescalas non convocadas no anterior, por mor do proceso de integración no réxime funcionarial, cuxas bases serán obxecto de negociación co fin de que se convoque e tramite con anterioridade ao remate dos procesos selectivos mencionados.

Dado o volume da oferta, prevese unha grande afectación na actual configuración do cadro de persoal motivada pola mobilidade das persoas participantes no concurso e a incorporación do persoal de novo ingreso ou daquel que consolide a súa condición como persoal da Universidade de Vigo, o que terá incidencia directa na orde de incorporacións e cesamentos, cuxas regras deben artellarse con carácter previo ao remate dos procesos, co fin de que sexa de público coñecemento polas persoas afectadas en prol do principio de transparencia.

A Administración e a representación legal do persoal, conscientes destas circunstancias, consideraron a necesidade de negociar o citado réxime tendo en conta a natureza dos procesos en trámite, así como a súa relación directa cos fins dos procesos de estabilización do persoal.

Considerando todo o exposto, e para regular exclusivamente os procesos de acceso e provisión enumerados, adóptase o seguinte

Acordo sobre a execución dos procesos de selección e provisión,
ao abeiro da normativa de estabilización, convocados
pola Universidade de Vigo en decembro de 2022

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Este acordo ten por obxecto ordenar os procesos de incorporación e cesamento, ao abeiro dos criterios establecidos, con motivo das tomas de posesión que se produzan ao remate do proceso de concurso de méritos, convocado pola Resolución do 30 de setembro de 2022 (DOG núm. 195, do 13 de outubro), así como dos procesos selectivos convocados pola Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas do persoal de administración e servizos (DOG núm. 238, do 16 de decembro), pola Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema selectivo de concurso, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas para a estabilización de emprego temporal do persoal de administración e servizos (DOG núm. 238, do 16 de decembro), e pola Resolución do 19 de decembro de 2022 pola que se anuncia a convocatoria do proceso selectivo para o ingreso, por promoción interna, como persoal de administración e servizos (DOG núm. 244, do 26 de decembro), e a súa concomitancia co proceso convocado pola Resolución do 30 de setembro de 2022.

Segundo. Orde de cesamentos por mor da toma de posesión dos postos adxudicados por resolución do proceso de concurso de méritos convocado pola Resolución do 30 de setembro de 2022

De conformidade co establecido na Resolución do 31 de marzo de 2009 (DOG do 7 de abril) pola que se publica o Acordo sobre criterios de incorporación e cesamento do persoal de administración e servizos desta universidade derivados dos procesos de provisión e selección, como regra xeral, a incorporación da persoa titular ao seu novo destino e/ou a perda do dereito de reserva que lle poida corresponder á persoa titular implicará o cesamento da persoa funcionaria interina ou da persoa laboral contratada temporal ou porá fin á comisión de servizos ou á adscrición provisional.

Cando nunha unidade non se cubran todas as prazas ofertadas da mesma categoría e quenda, o cesamento producirase consonte a orde de prelación que se recolle na orde que se relaciona:

A) Cesamento de persoal funcionario interino ou persoal con contrato temporal ou persoal laboral fixo en funcións doutra categoría:

I. Orde de prelación:

1. Menor puntuación na lista de agarda.

2. Menor antigüidade na Universidade de Vigo.

3. Menor antigüidade na Administración.

II. A citada orde de prelación aplicarase consonte a agrupación de postos que se determina:

1. Escala-Área de Administración:

i. Servizo, unidade, oficina, Secretaría do Equipo de Goberno, Secretaría Xeral, Asesoría Xurídica, Biblioteca Universitaria do Campus de Vigo.

ii. En cada campus e/ou ámbito: apoio ao campus ou ámbito, área académica, área de apoio á investigación e transferencia, área de apoio á xestión de centros e departamentos, área económica, área de servizos á comunidade.

2. Área de Biblioteca (axudantes de biblioteca).

Por campus, segundo quenda de traballo.

Enténdese que as listas de agarda vixentes para os efectos que se determinan neste parágrafo son as aprobadas pola Resolución do 25 de xaneiro de 2010 (DOG do 1 de febreiro).

B) Cesamento de persoal funcionario en comisión de servizos ou persoal laboral fixo con adscrición provisional. Neste suposto o cesamento producirase por orde de menor a maior antigüidade.

Malia o anterior, teranse en conta os seguintes supostos:

I. Que non se produza a cobertura da praza de orixe polo concurso de méritos.

No caso de que a persoa titular dunha praza con dereito de reserva sobre esta estivese substituída por unha persoa funcionaria interina ou persoa con contrato laboral temporal, e obtendo novo destino, a praza reservada quede vacante, o persoal substituto pasará a interino en vacante logo de extinción do vínculo inicial e expedición do novo vínculo.

II. Que non se produza a incorporación efectiva no novo posto.

No caso de que a persoa titular adxudicataria dun novo destino non se incorpore ao novo posto por ter dereito a unha situación de reserva sobre este:

1. Se a praza estaba ocupada por unha persoa contratada laboral temporal, funcionaria interina, adscrición provisional ou en comisión de servizos, continuará no seu desempeño logo de modificación do vínculo inicial polo de persoal substituto.

2. Se a praza non estaba previamente ocupada por persoal do indicado no parágrafo anterior, a persoa substituta do titular na praza de orixe terá dereito a que se lle ofreza a cobertura da substitución no novo destino, de ser o caso.

C) A pesar do disposto nos parágrafos precedentes, a incorporación da persoa titular a un posto de xefatura tales como xefaturas de equipo, xefaturas de negociado, xefaturas de área, xefaturas de sección, coordinacións e postos de similares características suporá o cesamento do profesional que o viña ocupando con carácter temporal, calquera que sexa a natureza do vínculo.

D) Persoal que non figure nas listas de agarda. Así mesmo, o persoal que non figure como aspirante nas listas de agarda, entenderase que ten unha puntuación igual a cero puntos.

Terceiro. Orde de cesamentos como consecuencia das tomas de posesión dos procesos de estabilización convocados pola Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas do persoal de administración e servizos (DOG núm. 238, do 16 de decembro), pola Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema selectivo de concurso, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas para a estabilización de emprego temporal do persoal de administración e servizos (DOG núm. 238, do 16 de decembro), e pola Resolución do 19 de decembro de 2022 pola que se anuncia a convocatoria do proceso selectivo para o ingreso, por promoción interna, como persoal de administración e servizos (DOG núm. 244, do 26 de decembro)

De conformidade co establecido na Resolución do 31 de marzo de 2009 pola que se publica o acordo sobre criterios de incorporación e cesamento do persoal de administración e servizos desta universidade derivados dos procesos de provisión e selección, como regra xeral, a incorporación da persoa titular ao seu novo destino e/ou a perda do dereito de reserva que lle poida corresponder á persoa titular implicará o cesamento da persoa funcionaria interina e da persoa laboral con contrato temporal ou porá fin á comisión de servizos ou á adscrición provisional.

Cando nunha unidade non se cubran todas as prazas ofertadas da mesma categoría e quenda, o cesamento producirase consonte a orde de prelación que se recolle na orde que se relaciona:

A) Cesamento de persoal funcionario interino ou persoal con contrato temporal ou laboral fixo en funcións doutra categoría:

I. Orde de prelación:

1. Menor puntuación na lista de agarda.

2. Menor antigüidade na Universidade de Vigo.

3. Menor antigüidade na Administración.

II. A citada orde de prelación aplicarase consonte a agrupación de postos que se determina:

1. Escala técnica superior de apoio á docencia e investigación.

Subescala: I+D.

En cada campus: servizo e oficina.

2. Escala de axudante de arquivos, bibliotecas e museos.

Subescala: biblioteca.

En cada campus, segundo quenda de traballo.

3. Escala técnica especialista de bibliotecas.

Subescala: biblioteca.

i. Biblioteca Central e Torrecedeira, segundo quenda e adscrición á RPT.

ii. Campus de Pontevedra e Campus de Ourense, segundo quenda.

4. Escala técnica especialista de tecnoloxías da información e das comunicacións.

Subescala: informática.

En cada campus, segundo quenda de traballo.

5. Escala auxiliar administrativa.

Subescala: administración.

i. Servizo, unidade, oficina, Secretaría do Equipo de Goberno, Secretaría Xeral, Asesoría Xurídica, Biblioteca Universitaria do Campus de Vigo.

ii. En cada campus e/ou ámbito: apoio ao campus ou ámbito, área académica, área de apoio á investigación e transferencia, área de apoio á xestión de centros e departamentos, área económica, área de servizos á comunidade.

6. Escala auxiliar técnica de servizos xerais.

Subescala: conserxaría.

i. Servizos xerais de apoio: área de servizos xerais, edificios Ernestina Otero, Exeria, Filomena Dato, Miralles, Redeiras (Berbés); área de servizos xerais comúns: CACTI, CINBIO, CIM (antes ECIMAT); Biblioteca Universitaria do Campus de Vigo, segundo quenda de traballo.

ii. Campus ou ámbitos: apoio ao campus ou ámbito (para o ámbito de Pontevedra inclúe a Casa das Campás), Torrecedeira, centros (dentro de cada ámbito ou campus), segundo quenda de traballo.

7. Escala auxiliar técnico de servizos xerais.

Subescala: deportes.

Por campus, segundo quenda de traballo.

Para os efectos da aplicación deste parágrafo, as listas de agarda serán as resultantes do proceso selectivo convocado pola Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas do persoal de administración e servizos (DOG núm. 238, do 16 de decembro).

B) Cesamento de persoal funcionario en comisión de servizos ou persoal laboral fixo con adscrición provisional: neste suposto o cesamento producirase por orde de menor a maior antigüidade.

Malia o anterior, teranse en conta os seguintes supostos:

I. Que non se produza a cobertura da praza de orixe polo concurso de méritos. No caso de que a persoa titular dunha praza con dereito de reserva sobre esta estivese substituída por unha persoa funcionaria interina ou persoa con contrato laboral temporal, e obtendo novo destino, a praza reservada quedase vacante, o persoal substituto pasará a interino en vacante logo de extinción do vínculo inicial e expedición do novo vínculo.

II. Que non se produza a incorporación efectiva no novo posto.

No caso de que a persoa titular adxudicataria dun novo destino, non se incorpore ao novo posto por ter dereito a unha situación de reserva sobre este,

i. Se a praza estaba ocupada por persoal laboral contratado temporal, funcionario interino, adscrición provisional ou comisión de servizos, continuará no seu desempeño logo de modificación do vínculo inicial polo de persoal substituto.

ii. Se a praza non estaba previamente ocupada polo persoal indicado no parágrafo anterior, a persoa substituta do titular na praza de orixe terá dereito a que se lle ofreza a cobertura da substitución no novo destino, de ser o caso.

C) Malia o disposto nos parágrafos precedentes, a incorporación dun titular a un posto de xefatura tales como xefaturas de equipo, xefaturas de negociado, xefaturas de área, xefaturas de sección, coordinacións, e postos de similares características suporá o cesamento da persoa que o viña ocupando con carácter temporal calquera que sexa a natureza do vínculo.

D) Persoal que non figure nas listas de agarda. Así mesmo, o persoal que non figure como aspirante nas listas de agarda entenderase que ten unha puntuación igual a cero puntos.

Cuarto. Concurso de méritos de categorías non convocadas

Con carácter previo á resolución dos procesos selectivos a que se refire o parágrafo primeiro deste acordo, a Administración convocará un concurso de méritos para o persoal das escalas e subescalas resultantes do proceso de funcionarización que non puideron ser obxecto de concurso en virtude da Resolución do 30 de setembro de 2022 e que se acordará entre os representantes de persoal e a Administración.

Quinto. Orde de elección de destino, incorporación e tomas de posesión

A elección de destino polas persoas que superen os procesos convocados polas resolucións recollidas no parágrafo primeiro realizarase segundo a seguinte orde de prelación:

1) Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca o proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema selectivo de concurso, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas para a estabilización de emprego temporal do persoal de administración e servizos (Diario Oficial de Galicia núm. 238, do 16 de decembro).

2) Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas de persoal de administración e servizos.

3) Resolución do 19 de decembro de 2022 pola que se anuncia a convocatoria do proceso selectivo para o ingreso, por promoción interna, como persoal de administración e servizos.

Dentro de cada proceso terán preferencia de elección as persoas aspirantes da quenda de promoción interna.

Realizada a elección de destino, abrirase o prazo para a toma de posesión e incorporación, que se realizará simultaneamente para o persoal adxudicatario de praza nos procesos convocados.

Disposición adicional

As listas de agarda resultantes do proceso selectivo convocado pola Resolución do 1 de decembro de 2022 pola que se convoca proceso selectivo de acceso libre e promoción interna, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diferentes escalas e subescalas de persoal de administración e servizos (DOG núm. 238, do 16 de decembro), entrarán en vigor no primeiro día en que se abra o prazo para a toma de posesión a que se refire o parágrafo quinto deste acordo.

Disposición derradeira

A Comisión de Seguimento do Acordo sobre criterios de incorporación e cesamento do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo nos procesos de provisión e selección, publicado en virtude da Resolución do 31 de marzo de 2009 (DOG núm. 67, do 7 de abril), coñecerá das cuestións que se susciten na interpretación e aplicación deste acordo.