DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 13 de decembro de 2024 Páx. 65523

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de novembro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Medo de Vilardecás e Medo de Tioira, no concello de Maceda.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes de montes veciñais en man común (MVMC) Monte Medo de Vilardecás, pertencente á Comunidade de Montes Vecinales en Man Común (CMVMC) de Vilardecás e Lamelas, e o MVMC Medo de Tioira, pertencente á CMVMC de Tioira e O Batán, no concello de Maceda, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.1.2024, a CMVMC de Vilardecás e Lamelas presentou un escrito (Rexel 2024/278613) en que solicita a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Tioira e O Batán.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Maceda.

– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.

– Levantamento topográfico.

Segundo. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense, do 14 de febreiro de 2024, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Monte Medo de Vilardecás, pertencente á CMVMC de Vilardecás e Lamelas, e o MVMC Medo de Tioira, pertencente á CMVMC de Tioira e O Batán, desde o vértice 1, Torgas (o situado máis ao S), ata o vértice 4, Cruz Vella (o situado máis ao N).

Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:

• No punto inicial da liña (vértice 1, Torgas) conflúe tamén o MVMC do Medo, pertencente á CMVMC de Baños de Molgas, Francos, Froufe, A Lama e Vide, comunidade que non participa na conciliación.

Porén, o punto en cuestión sitúase sobe a representación cartográfica dese monte que consta no Rexistro de MVMC, de xeito que a inclusión dese vértice na conciliación non implica afectación real sobre a propiedade dos veciños de Baños de Molgas.

• Pola súa parte, no punto final do deslindamento conflúe tamén o MVMC Monte Medo de Carguizoi, comunidade que tampouco participa na conciliación.

En consecuencia, a aceptación do punto en cuestión non supón a modificación da representación cartográfica do monte dos veciños de Carguizoi, senón que a liña perimetral de Vilardecás deberá conectar o dito vértice coa representación do punto Cruz Vella que consta actualmente na base cartográfica do Rexistro de MVMC.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Esta resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 14 de febreiro de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 4 de novembro de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Monte Medo de Vilardecás, pertencente á CMVMC de Vilardecás e Lamelas, e o MVMC Medo de Tioira, pertencente á CMVMC de Tioira e O Batán, no concello de Maceda.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 27 de novembro de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense