Unha vez examinada a solicitude de deslindamento coas propiedades particulares formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Rosedo, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Carbuíz, A Celareira, Espadanedo, O Mato, Ovellariza e San Pedro, no concello de Xunqueira de Espadañedo, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 27.9.2022 a CMVMC de Carbuíz, A Celareira, Espadanedo, O Mato, Ovellariza e San Pedro presentou un escrito (Rexel 2022/2365614) en que solicitaban a aprobación dun deslindamento coas propiedades particulares.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Certificacións dos acordos da asemblea xeral.
– Memoria e planos.
Segundo. O 30.3.2023 o Servizo de Montes de Ourense emitiu un informe favorable ao considerar que non existe unha afección significativa sobre a integridade territorial do monte.
Terceiro. O 3.10.2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se facía pública a proposta de deslindamento e se abría o período de alegacións, anuncio que tamén se lle remitiu ao Concello de Xunqueira de Espadañedo para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.
Cuarto. Finalmente, a CMVMC promotora presentou o 5.3.2024 un escrito complementario (Rexel 2024/767432) onde se reafirma na proposta inicial, e co cal achegaba a seguinte documentación:
– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 16.2.2024 en que se aproba a proposta definitiva de deslindamento (coincidente coa proposta inicial).
– Memoria e planos coincidentes cos achegados inicialmente.
– Acta de conciliación levantada o 4.3.2024, no Xulgado de Paz de Xunqueira de Espadanedo.
Quinto. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 14 de marzo de 2024 en relación coa citada solicitude.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 54 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se deberá seguir no deslindamento de montes veciñais con propiedades particulares. Así mesmo, establece que, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, se lle dará traslado ao xurado provincial dos acordos alcanzados e, cando menos, da seguinte documentación: acta do deslindamento, memoria descritiva con planos topográficos, acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia correspondente e certificacións de aprobación por parte da comunidade. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común ditará a resolución aprobatoria do deslindamento e notificarállela ás persoas interesadas. Esta resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 14 de marzo de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 4 de novembro de 2024:
Aprobar o acto de conciliación acadado entre o MVMC Rosedo, pertencente á CMVMC de Carbuíz, A Celareira, Espadanedo, O Mato, Ovellariza e San Pedro, no concello de Xunqueira de Espadanedo, e as propiedades particulares.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 27 de novembro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
