DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2024 Páx. 65890

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ANUNCIO do 21 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, polo que se dá publicidade á Resolución do 21 de novembro de 2024 pola que se aproba definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira-Lugo (polígono C).

Asunto. Aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do parque empresarial de Meira-Lugo (polígono C).

Concello: Meira.

Promotora: Xestión do Solo de Galicia, S.A. (en diante, Xestur).

Expropiador: Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial. Consellería de Economía e Industria

Antecedentes:

Primeiro. A Comisión Provincial de Urbanismo de Lugo aprobou definitivamente o Plan xeral de ordenación urbana de Meira en sesión celebrada o día 29 de decembro de 1977 (BOP do 21 de febreiro).

Segundo. O 28 de xullo de 1992 a citada comisión acordou aprobar definitivamente o Plan Parcial do parque empresarial de Meira (BOP de Lugo, do 17 de setembro). O dito plan dividiu o parque empresarial en tres polígonos de actuación, dos cales están executados os polígonos A e B, quedando por executar o polígono C. Esta aprobación definitiva levaba implícita a declaración da utilidade pública e interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación, para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a súa execución.

Terceiro. O 26 de xullo de 1994 a comisión provincial de urbanismo aprobou definitivamente a modificación puntual primeira do Plan parcial do parque empresarial de Meira (BOP Lugo, do 10 de agosto). Isto implicou a introdución de cambios puntuais, dando lugar a unha redución de superficie do polígono C en beneficio do polígono A.

Cuarto. Con data do 2 de agosto de 2022 asínase un convenio de colaboración entre o Concello de Meira, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e Xestur polo cal son establecidas as condicións de colaboración para a execución do polígono C do Plan parcial do parque empresarial de Meira e, de maneira concreta, para a adquisición dos terreos comprendidos no ámbito do devandito polígono que aínda non foron adquiridos por Xestur, mediante o sistema de expropiación, previsto no Plan parcial como sistema de actuación.

Quinto. Xestur formulou ao IGVS o proxecto de expropiación dos terreos, bens e dereitos necesarios para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira (polígono C) redactado pola empresa Sial Ingeniería, S.L.

Sexto. En virtude da Resolución do 3 de outubro de 2023, o director xeral do IGVS acordou aprobar inicialmente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira-Lugo (polígono C), e sometelo a información pública polo prazo dun mes, mediante inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 208, do 2 de novembro) e nun xornal dos de maior circulación na provincia (anuncio publicado no diario El Progreso de 3 de novembro).

Sétimo. A taxación dos bens e dereitos que se precisan ocupar neste expediente notificóuselles individualmente aos que aparecen como os seus respectivos titulares, mediante traslado literal da citada Resolución do 3 de outubro de 2023 e da correspondente folla de valoración e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que puidesen formular alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de recepción da referida notificación, tal e como se sinala no artigo 118.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Ademais, o expediente estivo exposto á disposición das persoas interesadas polo prazo dun mes no Concello de Meira, nas oficinas da Área Provincial do IGVS en Lugo e na páxina web do IGVS http://igvs.xunta.gal/. Igualmente, deuse audiencia ao citado concello e notificóuselle ao Ministerio Fiscal e á Delegación Provincial do Ministerio de Economía e Facenda.

Oitavo. Cumpridos os anteriores trámites, elaborouse un informe individualizado sobre cada unha das alegacións presentadas, así como as preceptivas follas de prezo xusto definitivas. Con data do 31 de outubro de 2024, Xestur presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia o proxecto de expropiación para aprobación definitiva redactado pola empresa Sial Ingeniería, S.L. dirixido á Dirección xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.

De acordo co artigo 20 letra g) do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, correspóndelle á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial a adquisición de solo por calquera título, mesmo por expropiación forzosa, dos terreos destinados á formación de reservas de solo, preparación de soares, dotacións e equipamento, para o desenvolvemento e a xestión da política de solo empresarial. En consecuencia, todas as referencias ao IGVS como órgano exprópiante agora deben entenderse feitas á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial.

Noveno. O proxecto para aprobación definitiva foi asinado polo representante da Administración e polo perito da Administración. O proxecto foi supervisado pola oficina de supervisión de proxectos da Consellería de Economía e Industria.

Con data do 14 de novembro de 2024, o subdirector de Estratexia Industrial e Solo Empresarial e a xefa do servicio de Planificación e Ordenación de Solo Empresarial emiten informe proposta de resolución de aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira (polígono C).

Consideracións legais:

Primeira. O procedemento do expediente expropiatorio iníciase en virtude da aprobación definitiva do Plan parcial do parque empresarial de Meira e a súa modificación puntual primeira. A aprobación deste instrumento urbanístico implica a declaración de utilidade pública dos dereitos afectados, así como a necesidade de ocupación para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos precisos para a súa execución, de conformidade cos artigos 117.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 290.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016.

Así mesmo, de conformidade cos artigos 117.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 290.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, establécese que a expropiación se aplicará por polígonos completos e abarcará todos os bens e dereitos neles incluídos.

Segunda. De acordo co artigo 20 letra g) do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, correspóndelle á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial a adquisición de solo por calquera título, mesmo por expropiación forzosa, dos terreos destinados á formación de reservas de solo, preparación de soares, dotacións e equipamento, para o desenvolvemento e a xestión da política de solo empresarial.

Terceira. O artigo 118.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, establece que «emitido informe sobre as alegacións, someterase o expediente á aprobación do órgano municipal ou autonómico que sexa competente. Enténdese que o órgano autonómico competente será a persoa titular da consellaría expropiante».

De acordo coa Orde do 4 de novembro de 2024 (DOG núm. 217, do 11 de novembro), sobre delegacións de competencias en diversos órganos da Consellería de Economía e Industria, establécese no seu artigo 11 Delegacións singulares: «2. Delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Estratexia industrial e Solo Empresarial o exercicio das facultades que, en materia de expropiación forzosa e dentro do seu ámbito competencial, o ordenamento atribúe á persoa titular da consellería expropiatoria, con especial referencia á aprobación dos expedientes expropiatorios correspondentes a proxectos de interese autonómico para parques empresariais».

Cuarta. Trátase dunha expropiación urbanística e, como tal, regulada na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016.

Quinta. O expediente formúlase polo procedemento de taxación conxunta e de acordo co disposto nos artigos 117 e 118 da Lei 2/2016; 42 e seguintes do Real decreto lexislativo 7/2015; e artigo 290 e seguintes do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei do solo.

Sexta. Para os efectos de fixación do prezo xusto, o seu pagamento ás persoas propietarias e a ocupación dos predios afectados, confeccionouse o oportuno expediente, de acordo coa normativa previamente citada. Este proxecto de expropiación tramítase polo procedemento de taxación conxunta e ten por obxecto a expropiación pola Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial dos bens e dereitos necesarios para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira (polígono C).

De conformidade co disposto no número 10 do artigo 118 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o acordo de aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implica a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados.

Sétima. O expediente tramitado reúne a documentación relacionada no artigo 118.1 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Di así o citado artigo:

«1. Nos supostos do procedemento de taxación conxunta, o expediente conterá os seguintes documentos:

a) Delimitación do ámbito territorial, cos documentos que o identifiquen en canto a situación, superficie e lindes coa descrición de bens e dereitos afectados e a relación dos seus titulares.

b) Fixación de prezos, coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

c) Follas de prezo xusto individualizado de cada predio, en que se conterá non só o valor do solo, senón tamén o correspondente ás edificacións, obras, instalacións e plantacións.

d) Follas de prezo xusto que correspondan a outras indemnizacións.

2. O proxecto de expropiación, cos documentos sinalados, será aprobado inicialmente e exposto ao público polo prazo dun mes, para que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e reclamacións que xulguen convenientes, en particular no que atinxe á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos».

A relación das persoas titulares dos bens e dereitos que se expropian figuran no anexo desta resolución.

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira (polígono C) e a declaración da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados.

Segundo. Ordenar a notificación desta resolución, de xeito individualizado, a todos os que aparezan como titulares de bens ou dereitos que figuran como tales neste expediente de expropiación, ao cal se deberá unir a correspondente folla de prezo xusto definitiva.

Igualmente, deberase notificar esta resolución ao Ministerio Fiscal, para os efectos establecidos no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, en relación cos propietarios descoñecidos e os non comparecentes no expediente expropiatorio que se aproba e á Delegación Provincial do Ministerio de Economía e Facenda en Lugo, unha vez determinado, con carácter firme, o prezo xusto dos bens e dereitos que se expropian.

Terceiro. Ordenar a publicación desta resolución, así como o seu anexo de relación de bens e dereitos afectados, no DOG e no taboleiro de edictos do Concello de Meira. Así mesmo, publicarase un anuncio no BOE para os efectos de que sirva de notificación aos propietarios descoñecidos e dos cales se ignore o lugar de notificación ou o medio, ou ben, se intentada esta non se puidese efectuar, de conformidade co establecido no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. Durante o prazo de vinte días, contados desde o seguinte ao da recepción da notificación ou, de ser o caso, da data da publicación no BOE, os interesados poderán manifestar mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, a súa desconformidade coa valoración fixada no expediente aprobado, conforme o que dispón o artigo 118.7 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia.

A dita desconformidade presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do procedemento normalizado con código de procedemento PR004A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/, que deberá dirixirse á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos medios de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aqueles suxeitos non obrigados a relacionarse electronicamente coas administracións públicas, conforme o artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, poderán presentar a súa desconformidade por calquera dos medios recollidos no artigo 16. 4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Transcorrido o citado prazo sen que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente e entenderase determinado o prezo xusto definitivamente, de conformidade co artigo 118.8 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2024

Margarita Ardao Rodríguez
Directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial

ANEXO

Relación das persoas titulares dos bens e dereitos que se expropian para a execución da ampliación do parque empresarial de Meira (polígono C)

Núm. de orde

Referencia catastral

Persoas titulares

Superficie (m²)

Superficie

afectada (m²)

1

27029A02900133

Gra do País, S.L.

1149,00

31,00

2

27029A02900134

Gra do País, S.L.

1.023,00

54,00

3

27029A02900135

Gra do País, S.L.

2.666,00

419,00

4

27029A02900139

Gra do País, S.L.

644,00

186,00

5

27029A02900140

Gra do País, S.L.

758,00

307,00

6

27029A02900141

Gra do País, S.L.

1.907,00

1.007,00

7

27029A02900142

Gra do País, S.L.

1.860,00

1.146,00

8

27029A02900143

Gra do País, S.L.

5.153,00

3.224,00

9

27029A02900144

Gra do País, S.L.

2.187,00

1.376,00

10

27029A03000065

Gra do País, S.L.

16.477,00

2.765,00