Os obxectivos da planificación hidrolóxica son a consecución do bo estado e a axeitada protección das masas de auga da demarcación, a satisfacción das demandas de auga e o equilibrio e harmonización do desenvolvemento rexional e sectorial. Estes obxectivos acadaranse protexendo a calidade do recurso, economizando o seu emprego e racionalizando os seus usos, en función da capacidade de asimilación dos sistemas acuáticos.
A planificación guíase por criterios de sustentabilidade no uso da auga mediante a xestión integrada e a protección a longo prazo dos recursos hídricos, a prevención da deterioración do estado das augas, a protección e mellora do medio e os ecosistemas acuáticos e a redución da contaminación. Así mesmo, esta planificación contribuirá a paliar os efectos das inundacións e das secas.
O 10 de febreiro de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 48/2023, do 24 de xaneiro, polo que se aproba el Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa.
De acordo co establecido no artigo 14 do Decreto 1/2015, do 15 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da planificación en materia de augas de Galicia e se regulan determinadas cuestións en desenvolvemento da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, cada seis anos debe revisarse o plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica.
O artigo 11.2 do dito regulamento prevé que, na etapa preliminar á elaboración e proposta de revisión do plan hidrolóxico, se elaborarán os documentos iniciais que constan dun programa de traballo, co calendario sobre as fases de elaboración do plan, incluíndo o estudo xeral da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa e as fórmulas para a consulta pública.
Segundo se establece no artigo 11.3 do dito regulamento, a proposta de programa de traballo porase á disposición do público cunha antelación mínima de tres anos respecto ao inicio do período a que se refira o plan e polo prazo de seis meses para que se poidan formular observacións e suxestións.
De acordo co previsto no artigo 77.1 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, correspóndelle á entidade pública empresarial Augas de Galicia a competencia para formular e elaborar o Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa, o que inclúe todas as etapas no seu procedemento de elaboración.
Segundo os artigos indicados, esta dirección
RESOLVE:
1. Iniciar o proceso de revisión do Plan hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa coa realización dos traballos do cuarto ciclo de planificación hidrolóxica, correspondentes ao período 2028-2033.
2. Someter a consulta pública durante un prazo de seis meses os documentos iniciais do cuarto ciclo de planificación hidrolóxica (período 2028-2033) da Demarcación Hidrográfica de Galicia Costa, que son programa, calendario, estudo xeral da demarcación e fórmulas de consulta.
Para estes efectos, os citados documentos poderanse consultar desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e polo período de seis meses nos seguintes puntos:
1. Na páxina web oficial de Augas de Galicia (http://augasdegalicia.xunta.gal/), na epígrafe de participación pública.
2. Nas seguintes oficinas de Augas de Galicia:
a) Augas de Galicia, servizos centrais: praza de Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela.
b) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Norte: Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Monelos, rúa Vicente Ferrer, 2, 9º, 15008 A Coruña.
c) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Centro: rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.
d) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia-Sur: rúa López de Neira, 3, 4º, local 403, 36202 Vigo.
e) Augas de Galicia, Servizo Territorial da Zona Hidrográfica da Mariña: rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.
Dentro do prazo establecido, poderanse realizar achegas e formular as observacións e suxestións que se consideren oportunas en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para o suposto de ser un suxeito obrigado a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas ou de optar por este medio, as comunicacións deberán realizarse presentando o formulario do procedemento Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non dispoñan dun sistema electrónico específico nin dun modelo electrónico normalizado, con código de procedemento PR004A, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A). Neste caso, deberá escollerse como destinatario final do formulario a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e, dentro desta, Augas de Galicia.
Na medida en que os documentos de propostas, observacións e/ou suxestións presentados conteñan datos de carácter persoal, estes serán tratados consonte o previsto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e quen participe neste proceso poderá acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de modo presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se pon de manifesto na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais
Calquera dúbida sobre o proceso pode dirixirse ao correo electrónico:
planificacionhidroloxica.augas@xunta.gal
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024
Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia
