Mediante o acordo do Pleno da Corporación, adoptado por unanimidade, en sesión ordinaria do 1 de setembro de 2021, aprobouse definitivamente o Plan de sectorización do solo rústico apto para urbanizar SRAU-2 da Baña, do Plan xeral de ordenación do Concello da Baña, redactado por Estudio Técnico Gallego, S.A., de outubro de 2016, xunto cos documentos e planos que o integran e as correccións realizadas logo de informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 4 de maio de 2021.
O que se fai público para os efectos do disposto no artigo 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, en relación coa disposición transitoria segunda da Lei 2/2016, do 10 de decembro, do solo de Galicia. Coa publicación deste anuncio publícase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan que constan na súa memoria.
En cumprimento do disposto no artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, remitirase ao órgano autonómico competente para a súa inscrición no Rexistro de Plans de Galicia. As ordenanzas publicaranse no Boletín Oficial da provincia da Coruña e o contido do plan quedará ao dispor do público na web do Concello: https://sede.concellodabana.gal/etc/L01150079/2019U034000001/ispac1648818495286899363.zip
As indicacións das medidas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan son as sinaladas no punto 8, Plan de seguimento do ISA, integrado na documentación do Plan de sectorización:
8. Medidas preventivas que se van adoptar.
Este punto describe as medidas que se adoptarán para prever, reducir e contrarrestar calquera efecto negativo para o ambiente ou socioeconómico derivado da aplicación do Plan de sectorización da Baña. Ademais, este punto complétase co programa de seguimento, que figura no punto 9.2 do presente documento.
Os impactos máis importantes que se prevén no desenvolvemento e aplicación do PXOM da Baña procederán da propia urbanización, na súa fase de obras, impactos que son puntuais e que cesarán ao finalizar as obras. Son de certa importancia a causa dos movementos de terra necesarios, o consumo de solo e o cambio de uso deste. Para compensar este impacto, o PS desenvólvese nun modelo de baixa densidade, procurando o mínimo consumo de solo e aumentando a dotación de zonas verdes, co fin de manter o máximo nivel de naturalidade da zona.
Posteriormente, ao finalizar as obras, os impactos derivados dos potenciais incrementos de poboación a causa das novas capacidades (maior necesidade de abastecemento de auga, maior necesidade de saneamento, maior volume de produción de RSU e residuos industriais, necesidade de novos equipamentos e servizos, incremento nas necesidades de mobilidade e creación de emprego) están suficientemente recollidas e previstas polo plan, e, en todo caso e no horizonte de vixencia do propio plan, serán de escasa entidade e magnitude.
Desde o punto de vista da naturalidade, non se afectan espazos protexidos ou de valor natural ou paisaxístico.
As medidas correctoras ou preventivas que se van adoptar serán as seguintes:
• Nas fases de obras, tratarase de manter a topografía orixinal na medida do posible, traballando desde o punto de vista orográfico no sentido das curvas de nivel.
• Non se alterará a cobertura edáfica e protexerase ao máximo naqueles lugares onde se desenvolvan obras. A protección do solo é fundamental dado o seu poder depurador a través da súa capacidade filtrante, actividade biodegradante, retención de anións e retención de catións. Este punto é especialmente importante xa que a entidade dos movementos de terra e a xeración de noiros pode provocar un aumento significativo da erosión, especialmente en épocas de chuvia, nas cales se poden producir lavados e arrastrados de terras nas ladeiras e soterramentos nas partes baixas. Evitarase o depósito de materiais procedentes dos desmontes nas inmediacións, materiais que se empregarán na propia obra ou que se depositarán nun vertedoiro axeitado e preparado para tal fin con anterioridade ao inicio das obras. Os noiros serán convenientemente estabilizados e revexetados de xeito inmediato para evitar a erosión, e co obxecto de minimizar o impacto visual que producen.
• Vixiarase especialmente o sector onde se atopa o vertedoiro clausurado, evitando calquera tipo de escavación ou movemento de terras. A conversión prevista en zona verde efectuarase sen movemento de terras e conservando os aireadores existentes.
• A cuberta vexetal que se vexa alterada reconstruirase na medida do posible mediante solucións de revexetación ou reposición das especies alteradas. As zonas verdes deseñaranse do xeito máis natural posible, alterando a mínima fracción posible.
• En calquera fase de obras en que se empregue maquinaria pesada, evitarase a compactación do terreo, a invasión de áreas naturais ou nas áreas de equipamentos municipais situados ao norte da peza, e as verteduras de calquera tipo procedentes das máquinas e as invasións de leitos fluviais. Tamén se impedirán achegas de materiais alóctonos destinados a recheos e, en xeral, impedirase calquera alteración das cualidades ambientais do contorno.
• Evitarase a emisión á atmosfera de partículas nas fases de movementos de terras, con regos frecuentes e controlados para evitar verteduras. Polo que atinxe á contaminación acústica, nas fases de obras controlarase o horario de traballo da maquinaria pesada. Para o ruído que se xere na fase de funcionamento controlarase a velocidade dos vehículos no interior do polígono e o pavimento integrará solucións amortecedoras.
• O viario (novo ou o acondicionado) farase do xeito máis permeable posible, deixando as solucións de viario impermeable estritamente para as zonas rodadas. O ciclo hídrico nas vías respectarase mediante unha rede de recollida de pluviais.
• O alumeado público da peza deseñarase tendo en conta as medidas de contaminación lumínica, dotando as luminarias de pantallas protectoras axeitadas e conforme a lexislación vixente. Así mesmo, recolleranse medidas de aforro e eficiencia enerxética onde sexa posible.
• Estableceranse as garantías necesarias para o depósito dos materiais sobrantes de escavacións, construcións ou calquera outra fonte de residuos da construción en vertedoiros autorizados e naqueles lugares que garantan a súa correcta reciclaxe. Posteriormente á fase de obras, estableceranse as garantías necesarias, vía ordenanza municipal, para evitar verteduras, indicando as características destas e os niveis máximos permitidos, co fin de protexer axeitadamente os cursos fluviais da Baña de verteduras líquidas.
• Reservarase un espazo para situar un punto limpo e centro de clasificación de residuos urbanos e industriais reciclables. Este punto limpo terá a dimensión suficiente e conexión co viario.
• A infraestrutura de subministración eléctrica estará baixo terra ben convenientemente illada, así como as subestacións e os transformadores, co fin de evitar a contaminación electromagnética.
• A subministración de auga potable e a rede de saneamento proxectada garantirá o correcto abastecemento e evacuación para a súa carga máxima prevista, e estableceranse medidas de aforro de auga.
• Na fase de funcionamento, o órgano xestor e o concello vixiarán o cumprimento da restrición da velocidade no interior do polígono, co obxectivo de reducir o impacto acústico e minimizar as emisións do tráfico.
9.2. Programa de seguimento.
A Lei 9/2006 do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, sinala, no seu artigo 15, a necesidade de que os órganos promotores leven a cabo un seguimento dos efectos no ambiente da aplicación ou execución dos plans e programas, así como para identificar con prontitude os efectos adversos non previstos e permitir levar a cabo as medidas axeitadas para evitalos.
O seguimento e control dos impactos producidos na nova área industrial proposta no Plan de sectorización será responsabilidade do órgano xestor destas áreas, e informará ao concello como órgano promotor, mentres que o control do resto dos indicadores que figuran no plan de seguimento corresponderá ao órgano promotor do Plan, e informará ao órgano ambiental de calquera desviación que se produza.
A periodicidade para a emisión destes informes será a seguinte:
• Anualmente o órgano xestor das áreas industriais elevará un informe ao concello.
• Quinquenalmente o Concello da Baña elevará un informe sobre o cumprimento do plan de seguimento ao órgano ambiental competente. No informe do plan de seguimento elaborado polo Concello da Baña teranse en conta os informes do plan de seguimento elaborados polo órgano xestor mencionados no parágrafo anterior.
Os criterios ambientais estratéxicos e os indicadores dos obxectivos ambientais están expostos e desenvolvidos no punto 5 do presente informe. Seguindo a batería de indicadores que figura no punto anterior e os impactos identificados e/ou previstos nas diferentes fases da implantación do PXOM, elabórase o seguinte plan de seguimento, de acordo co indicado na citada Lei 9/2006 e co indicado no documento de referencia para a AAE do PXOM do Concello daBaña:
|
Programa de seguimento |
|||
|
Variable |
Impacto potencial |
Método de control |
Duración e frecuencia |
|
Consumo de solo |
Edificación fóra das áreas delimitadas polo plan. |
Seguimento das licenzas: a edificación total non superará o 70 % do ámbito. |
Cada vez que se emita licenza municipal |
|
Ciclo hídrico |
Alteracións da calidade das augas superficiais. Potenciais verteduras cara ao rego do ámbito |
Vixilancia directa e análises de parámetros físico-químicos da auga. Velarase pola calidade da auga da ETAP e pola inocuidade das verteduras da EDAR. Manter limpos os colectores para augas pluviais para evitar asulagamentos e/ou contaminación das augas e os leitos fluviais. |
Mensual (órgano xestor). Cando proceda |
|
Enerxía |
Consumo enerxético na iluminación pública. Contaminación lumínica |
Vixiarase que a dotación e substitución das lámpadas farase con dispositivos de baixo consumo. Vixiarase que as pantallas sexan conformes a normativa sobre contaminación lumínica e, cando proceda, serán substituídas por outras iguais. |
Cando sexa preciso |
|
Xestión de residuos |
Xeración de residuos industriais e urbanos |
Establecemento de pautas de separación dos refugallos e de reciclaxe. Vixiar que non se depositen refugallos de calquera tipo máis aló dos puntos destinados a ese fin (punto limpo). Establecemento dun plan de residuos. |
Cando o requira o Plan de residuos |
|
Medio natural |
Alteración da naturalidade do medio |
Vixiarase calquera acción que poida afectar ao medio natural en calquera das súas formas. |
Mensual (órgano xestor) |
|
Medio socioeconómico |
Incremento de emisións derivada da actividade industrial. |
Vixiarase que non se produzan emisións perigosas para a saúde humana segundo o disposto pola normativa vixente. Vixiarase o axeitado mantemento das zonas verdes, tendo en conta que, ademais do desfrute da poboación, recóllense como áreas de transición entre as áreas naturais do contorno e o polígono. |
Semanal (órgano xestor) |
Ademais do indicado nos cadros anteriores, terase en conta calquera desviación significativa dos valores indicados nos cadros de indicadores de seguimento e control (cadros 3, 4 e 5).
Control das verteduras á rede de saneamento.
Analizaranse as verteduras que, desde a área industrial se dirixen á rede de saneamento. A análise será semestral, e farase a partir dunha mostra integral representativa de funcionamento en 24 horas, e sobre ela determinaranse os parámetros que establece a lexislación vixente.
Contra o acordo de aprobación definitiva, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, tendo en conta que se aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1988, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Todo iso sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se considere máis procedente e sexa conforme a dereito.
A Baña, 5 de decembro de 2024
José Antonio Pereira Gil
Alcalde
