DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Luns, 3 de febreiro de 2025 Páx. 9279

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 14 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2025 (código de procedemento PR925A).

BDNS (Identif.): 811418.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

1. As persoas emigrantes nacidas en Galicia maiores de idade e residentes nalgún dos países do estranxeiro para os cales o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria.

2. Os/as seus/súas fillos/as maiores de idade (coa excepción prevista para o caso das axudas por violencia de xénero) que teñan a nacionalidade española e se encontren vinculados/as a un concello galego no Padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes.

3. No caso do falecemento das persoas arriba indicadas, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias as seguintes:

a) O cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade dunha persoa beneficiaria na última convocatoria deste programa, que falecese nos doce meses anteriores ao último día do prazo para a presentación de solicitudes en 2025, que acredite esas condicións e o cumprimento dos requisitos do artigo 3.1.e) e f), de conformidade co disposto no artigo 9.2.

b) Un membro da unidade familiar dunha persoa solicitante desta axuda que reúna as condicións para ser beneficiaria e faleza despois do último día do prazo de presentación de solicitudes e antes da proposta de resolución do órgano instrutor, sempre e cando o solicite por escrito dentro dese período, teña 18 anos feitos e acredite esas condicións e o cumprimento dos requisitos do artigo 3.1.e) e f), de conformidade co disposto no artigo 9.2.

Segundo. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases dun programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2025, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a acadar recursos económicos que contribúan a satisfacer as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria para as cales non dispoñan de cobertura suficiente.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar as ditas axudas para o ano 2025 (código de procedemento PR925A).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 14 de xaneiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2025 (código de procedemento PR925A).

Cuarto. Importe

As axudas para a realización deste programa concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.0 (accións de políticas migratorias) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2025.

O crédito inicialmente outorgado para esta finalidade é de tres millóns novecentos corenta e seis mil seiscentos trinta euros (3.946.630 €), distribuído do seguinte xeito:

– Para os supostos do artigo 4.1, o crédito será dun millón vinte mil euros (1.020.000 €).

– Para o suposto do artigo 4.2, o crédito será dous millóns cen mil euros (2.100.000 €).

– Para os supostos dos artigos 5 e 6, o crédito será de oitocentos vinte e seis mil seiscentos trinta euros (826.630 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes empezará a contar a partir dos oito (8) días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 31 de marzo de 2025, ás 23.59 horas (hora peninsular española), sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2025

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración