DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2025 Páx. 13711

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorga autorización administrativa previa e de construción da instalación de produción fotovoltaica de enerxía eléctrica e a súa instalación de evacuación que Fotovoltaica Sigüeiro, S.L. promove no concello de Oroso (A Coruña), expediente FV 01/2024 (IN408A 2023/5-1 e IN408A 2023/6-1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Fotovoltaica Sigüeiro, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha instalación solar fotovoltaica de produción, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 31.8.2023, Fotovoltaica Sigüeiro, S.L. solicitou a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación solar fotovoltaica de produción de enerxía eléctrica e a súa instalación de evacuación en Sigüeiro, no termo municipal de Oroso, cunha potencia instalada de 2.674 kWp sobre o chan, no concello de Oroso (A Coruña).

Segundo. O 20.9.2023, a Subdirección Xeral de Enerxía remitiu o expediente á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña para continuar coa súa tramitación.

Terceiro. O 19.10.2023, os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Coruña requiríronlle documentación para completar o expediente e continuar coa súa tramitación. O 21.10.2023, o promotor presentou a documentación requirida.

Cuarto. Polo Acordo do 31.10.2023, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación de produción fotovoltaica de enerxía eléctrica e a súa instalación de evacuación no termo municipal de Oroso (expediente IN408A 2023/5-1 e IN408A 2023/6-1).

O dito acordo publicouse no BOP da Coruña o 8.11.2023.

Quinto. O 31.1.2024, Fotovoltaica Sigüeiro, S.L. presentou un proxecto modificado de instalacións orixinado por un problema da capacidade resistente do terreo, o que provocou unha nova disposición das instalacións en planta cunha potencia a 2,6 MWp.

Sexto. Polo Acordo do 11.3.2024, da Xefatura Territorial da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación de produción fotovoltaica de enerxía eléctrica e a súa instalación de evacuación no termo municipal de Oroso (expediente IN408A 2023/5-1 e IN408A 2023/6-1).

O dito acordo publicouse no BOP da Coruña do 14 de marzo de 2024 e no DOG do 18 de marzo de 2024. O dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, non consta que se presentasen alegacións.

Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co procedemento establecido na Lei 9/2021, do 2 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, a Xefatura Territorial da Coruña remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da planta fotovoltaica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia-Demarcación Galicia Costa, Concello de Oroso, Dirección Xeral de Estradas, UFD Distribución, S.A. e á Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Concello de Oroso o 9.11.2023 e o 4.4.2024, Dirección Xeral de Estradas o 19.4.2024, UFD Distribución, S.A. o 14.2.2024, e a Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural o 12.2.2024 e o 15.3.2024.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

Oitavo. O 4.6.2024, o Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña remitiu copia do expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático.

Noveno. Revisado o expediente, esta dirección xeral requiriulle ao promotor, con data 10.7.2024, documentación para completalo, e con datas 18.7.2024, 27.8.2024 e 29.8.2024, entre a documentación achegada está a declaración responsable en que indica que: «A planta fotovoltaica Sigueiro 2 MW de capacidade verde nominal en Sigüeiro, concello de Oroso, A Coruña, segundo o disposto no RD 445/2023, do 13 de xuño, polo que se modifican os anexos I, II e III da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, no anexo II, grupo 4, parte j), non debe someterse a avaliación ambiental nin ordinaria nin simplificada por ocupar unha superficie inferior a 5 ha e non cumprir os criterios xerais 1 e 2 definidos no anexo III do RD 445/2023, dado que non se atopa en espazos de Rede Natura nin solapado con outros elementos de infraestrutura».

Décimo. Con data 30.8.2024, o promotor achegou un escrito onde se recolle a autorización da Dirección Xeral de Estradas do Estado do 19.4.2024.

Décimo primeiro. O 24.9.2024 remitiuse a documentación complementaria achegada polo promotor ao Departamento Territorial da Coruña para continuar a súa tramitación e emisión do informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, segundo o artigo 47.5 da Lei 9/2021.

Décimo segundo. O 22.10.2024, o Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña remitiu o informe de tramitación do 22.10.2024 e o informe de instalacións eléctricas do 21.10.2024, relativo ao proxecto Planta fotovoltaica de 2,6 MWp Sigüeiro (A Coruña), asinado o 22.1.2024 por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro técnico industrial, colexiado núm. 482 do COITIO, con visado núm. V240019 do 24.1.2024, e ao proxecto Novo centro de seccionamento e liña subterránea de MT en Sigüeiro (Oroso), asinado o 22.1.2024 por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro técnico industrial, colexiado núm. 482 do COITIO, con visado núm. V240020, do 24.1.2024.

Décimo terceiro. A instalación fotovoltaica conta cos dereitos de acceso e conexión, do 3.4.2024, por parte do xestor da rede para unha potencia de 2.000 kW.

Décimo cuarto. O 29.10.2024, o promotor achegou a autorización de AESA para a instalación de Fotovoltaica Sigüeiro, S.L., relativa ás servidumes aeronáuticas. Nesta mesma data o promotor presentou a súa conformidade cos condicionados da citada autorización.

Décimo quinto. O 14.11.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático solicitoulle á Dirección Xeral de Patrimonio Natural informe sobre a necesidade de someter o proxecto á avaliación ambiental ordinaria o simplificada.

O 29.11.2024, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu informe de compatibilidade condicionado, no que indica:

«que non é previsible que o presente proxecto xere efectos significativos e é compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade», establecendo unha serie de medidas.

Décimo sexto. O 29.11.2024 remitíuselle ao promotor o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o 2.12.2024 o promotor mostrou a súa conformidade.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que para a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes se requirirá a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.

Terceiro. A instalación solar fotovoltaica de produción non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non estar incluída nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa á sociedade Fotovoltaica Sigüeiro, S.L. (B09870189) para unha instalación solar fotovoltaica de produción situada no concello de Oroso (A Coruña), segundo o correspondente proxecto, expediente FV 01/2024 (IN408A 2023/5-1 e IN408A 2023/6-1).

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción para unha instalación solar fotovoltaica de produción promovida no concello de Oroso (A Coruña), segundo o proxecto de execución denominado Planta fotovoltaica de 2,6 MWp Sigüeiro (A Coruña), asinado o 22.1.2024 por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro técnico industrial, colexiado núm. 482 do COITIO, con visado núm. V240019 do 24.1.2024, e o proxecto Novo centro de seccionamento e liña subterránea de MT en Sigüeiro (Oroso), asinado o 22.1.2024 por Sergio Rodríguez Rodríguez, enxeñeiro técnico industrial, colexiado núm. 482 do COITIO, con visado núm. V240020 do 24.1.2024.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

A instalación fotovoltaica proxectada executarase mediante a instalación de módulos fotovoltaicos dispostos en 18 filas de módulos e disporá dun centro de seccionamento de 20 kV do cal partirá unha liña soterrada de evacuación.

– Potencia instalada 2,67 MWp.

– Potencia autorizada/evacuable 2 MW.

– Módulos fotovoltaicos:

• JA solar JAM 72D42-620/LB.

• Potencia pico total instalada: 2.674 kWp.

• Potencia pico unitaria: 620 Wp.

• Número de módulos: 4.313.

• Tensión en circuíto aberto: 52,07 V.

• Tensión de operación óptima: 37,25 V.

• Tipo de módulo: silicio policristalino.

• Tipo de célula fotovoltaica: N-Type.

• Eficiencia do módulo: 22,2 %.

• Rango de temperatura: -40° C - +85° C.

• Dimensións: 2.465 mm × 1.1134 mm × 35mm.

• Tipo de cela: 6 × 11 + 6 × 11.

– Estrutura metálica:

• Fixa biposte con disposición de mesas de 2×18 módulos.

• Inclinación dos módulos: 30 °.

• Estrutura fincada directamente no chan.

• Distancia ao chan na parte máis baixa de 500 mm.

- Uñas de interconexión co cadro de protección CC-Inversor:

• Cablaxe solar ZZ-F (AS) 1,8 kV DC de 10 mm2.

- Inversores:

• SMA - Sunny Tripower Core2 STP 110-60.

• Potencia máxima: 165 kWp.

• Número de inversores: 20.

• Número de series por inversor: 12.

• Potencia nominal dos inversores: 110.000 W (limitada a 100 kW).

• Tensión máxima de entrada (corrente continua): 1.100 V.

• Tensión nominal de saída (corrente alterna trifásica): 400 V.

• Frecuencia de rede: 50-60 Hz.

– O inversor conta coas seguintes proteccións internas:

• Protección segundo IEC 62109-1 tipo I.

• Categoría de sobretensión segundo IEC 62109-1 corrente alterna tipo III.

• Categoría de sobretensión segundo IEC 62 109-1 corrente continua tipo II.

• Dispositivo de desconexión do lado de entrada.

• Monitorización da toma de terra.

• Monitorización de rede.

• Protección contra polaridade inversa na parte de corrente continua (CC).

• Monitoraxe de corrente residual sensible a calquera corrente.

• Descargadores de sobretensión tipo 11 de corrente continua e alterna.

• Unidade de monitorización da corrente residual.

– Centro de transformación:

• Unha unidade con potencia de 2.000 kVA.

• CT de SSAA de 4.000 VA.

– Liña de media tensión soterrada entre o CT e o centro de medida:

• Tensión (corrente alterna trifásica): 20 kV.

• Condutor: aluminio.

• Tipo: RHZ1-20L 12/20 kV H16.

• Sección: 3(1×240) mm2.

– Centro de seccionamento:

• Prefabricado, compacto de manobra exterior, 3 celas de liña e unha de SSAA.

– Liña de conexión:

• Proxéctanse dous novos tramos de liña soterrada con condutor RHZ1-20L 12/20 kV 3×(1×240 mm2) cunha lonxitude total de 14 m e con orixe na liña SIG8060072 nas coordenadas (545033, 4758099) e fin no CS proxectado (545026, 4758102).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran nos proxectos de execución referidos no punto segundo da parte dispositiva desta resolución.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establecen o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5. Para a execución da obra deberase cumprir con todos os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

7. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberalle comunicar a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da dita facultade.

8. Unha vez construídas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación xunto co certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Fotovoltaica Sigüeiro, S.L., e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación.

9. Logo de obter a autorización de explotación mencionada no parágrafo anterior, o promotor deberá solicitar a inscrición da instalación solar fotovoltaica no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co recollido nos artigos 39 e 40 do Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos.

10. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de dez meses contados a partir da data de notificación da obtención do último permiso necesario para executar a instalación. Se, transcorrido o dito prazo, aquela non tivo lugar, poderá producirase a caducidade destas autorizacións.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Asemade, a promotora deberá obter os títulos habilitantes municipais de natureza urbanística.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2025

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático