O Pleno do Concello de Parada de Sil, en sesión ordinaria que tivo lugar o 30 de novembro de 2024, adoptou acordo de suspensión de outorgamento de título habilitante para a construción e/ou rehabilitación de calquera edificación con destino a actividades de aloxamento turístico, en calquera das súas modalidades, nos seguintes termos:
1. Actos obxecto de suspensión.
A suspensión afectará a tramitación e o outorgamento de título habilitante para a construción e/ou rehabilitación de calquera edificación con destino a actividades de aloxamento turístico, en calquera das súas modalidades.
2. Actos non afectados pola suspensión.
Non afectará aqueles títulos habilitantes cuxo obxecto sexa a realización de calquera outro tipo de actuación ou implantación de uso diferente.
Non afectará aquelas solicitudes presentadas con anterioridade á publicación do presente acordo.
3. Ámbito territorial da suspensión.
O ámbito territorial da suspensión será o núcleo de Parada de Sil, en calquera tipo de solo.
4. Vixencia da suspensión.
O acordo de suspensión terá unha vixencia de dous anos e entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e nun xornal de maior difusión na provincia.
O presente acordo poderá impugnarse mediante interposición de recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dentro do prazo máximo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Parada de Sil, 17 de febreiro de 2025
Aquilino Domínguez Díaz
Alcalde presidente
