A titular do centro autorizado de música «Música Moderna Ponteareas», de Ponteareas (Pontevedra), solicita a autorización de apertura e funcionamento para impartir as ensinanzas profesionais de música, nas seguintes especialidades: canto, piano, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, percusión, saxofón, trompeta, trombón e contrabaixo.
O Decreto 203/2007, do 27 de setembro, polo que se establece o currículo das ensinanzas profesionais de réxime especial de música, e o Decreto 253/1995, do 29 de setembro, desenvolvido pola Orde do 5 de decembro de 1995, regula o procedemento para a autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas artísticas; trámites preceptivos iniciados no Departamento Territorial de Pontevedra que achega o expediente cos correspondentes informes para a autorización das devanditas ensinanzas.
Por isto, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Autorización do centro
Autorizar a apertura e o funcionamento do centro docente de ensinanzas profesionais que se sinala a seguir:
Denominación xenérica: centro autorizado de música (CEMU) profesional.
Denominación específica: Música Moderna Ponteareas.
Código do centro: 36025281.
Enderezo: rúa Gavilán, número 2, baixo.
Localidade: Ponteareas.
Concello: Ponteareas.
Provincia: Pontevedra.
Titular: Ángeles Domínguez González.
Especialidades que se autorizan: canto, piano, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, percusión, saxofón, trompeta, trombón e contrabaixo.
Total de postos escolares: 164.
Artigo 2. Inicio da actividade
Para a posta en funcionamento das ensinanzas que se autorizan, o Departamento Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de Pontevedra, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia.
Artigo 3. Inscrición no Rexistro de Centros
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 4. Revisión da autorización
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e a solicitar a oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que se sinalan nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
