De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG núm. 222, do 22 de novembro), modificado polo Decreto 20/2019, do 28 de febreiro (DOG núm. 49, do 11 de marzo), a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,
DISPÓN:
Aprobar as bases xerais reguladoras e convocar o proceso selectivo de acceso por promoción interna nos corpos da Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector principal, subgrupo A2 (código de procedemento PR461G).
1. Obxecto da convocatoria.
1.1. O obxecto desta convocatoria é o acceso por promoción interna ás prazas dos corpos da Policía Local, escala executiva, categoría de inspector principal, subgrupo A2, que se detallan a continuación:
|
Concello |
Número de praza/s |
|
Ferrol |
1 |
|
Santiago de Compostela |
2 |
1.2. Os citados procesos rexeranse polo establecido nestas bases e, para o non previsto, observarase o disposto:
a) Na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
b) No Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
c) No Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, no non modificado na disposición derradeira primeira do Decreto 15/2023.
d) Na Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade dos corpos de policías locais para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada, que manterá a súa vixencia nas materias que non se opoñan ao disposto no Decreto 15/2023, citado no punto anterior.
1.3. O código do procedemento regulado nesta orde é o PR461G.
2. Requisitos das persoas aspirantes.
2.1. As persoas interesadas en participar neste proceso deberán posuír na data que finalice o prazo de presentación de solicitudes e deberán manter os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade española.
b) Ter dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade de xubilación forzosa.
c) Estar en posesión ou en condicións de obter a titulación exixida para acceder á condición de funcionario do subgrupo A2, conforme a normativa de función pública.
d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.
e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.
Será aplicable, con todo, o beneficio da rehabilitación conforme as normas penais e administrativas, que a persoa aspirante deberá acreditar mediante o correspondente documento oficial.
f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.
g) Ser funcionario/a de carreira e ter en propiedade unha praza da categoría de inspector da Policía Local no concello en que se pretende promocionar.
h) Estar en servizo activo na categoría de inspector no corpo da Policía Local do concello en que se pretende promocionar.
i) Ter unha antigüidade mínima de tres anos continuados na categoría de inspector. Para o seu cómputo teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivo a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os que se encontrou en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.
3. Solicitudes.
3.1. Forma de presentación de solicitudes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A solicitude é o anexo I desta orde (código de procedemento PR461G).
As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame», se o enunciado do primeiro exercicio se deberá entregar en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.
Poderase renunciar a participar neste proceso en calquera momento ata os dez días hábiles seguintes ao da publicación da relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).
3.2. Prazo de presentación de solicitudes.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. O anuncio desta convocatoria será publicado tamén no Boletín Oficial da provincia da Coruña.
Non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.
3.3. Taxas.
3.3.1. Aboamento das taxas.
Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exacción reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso deberase aboar, dentro do prazo de presentación de solicitudes en concepto de dereito de inscrición, o importe de 33,13 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes.
O pagamento da taxa poderá facerse:
a) Electronicamente: con cargo a unha tarxeta de crédito ou débito e, no caso de que se teña certificado dixital, poderase tamén facer con cargo a unha conta bancaria do titular. No momento de facer o pagamento obterase un xustificante (modelo 730).
b) Presencialmente: neste caso deberase imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle deberá selar o xustificante coa data do pagamento.
Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:
Consellería: Presidencia, Xustiza e Deportes. Código 04.
Delegación: Servizos Centrais. Código 13.
Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública. Código 19.
Taxa: Denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos da Policía Local de Galicia. Código 30.03.04.
A falta de pagamento da taxa correspondente ou, a falta de xustificación desta en prazo determinará a exclusión no proceso da persoa aspirante e non será posible a súa corrección fóra do prazo de presentación de solicitudes.
A presentación do xustificante do aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.
Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.
3.3.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa. Sempre que se cumpra o resto de requisitos.
a) Estarán exentas do pagamento desta taxa por dereito de inscrición as persoas membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial e as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %, segundo o artigo 11.3 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e o artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa ás:
• Persoas membros de familias numerosas de categoría xeral.
• Vítimas do terrorismo, tal e como se describe no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a documentación que se especifica no punto 3.4 desta orde.
3.4. Documentación que se deberá presentar para participar no proceso.
3.4.1. Documentos.
As persoas interesadas en participar neste proceso deberán xuntar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Xustificante do pagamento da taxa con código 30.03.04 dentro do prazo establecido, agás que este proceso se inicie e finalice electronicamente, dado que o xustificante da taxa se xeraría de forma automática ao realizar o pagamento na sede electrónica.
b) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial, ou carné familiar en que conste o dito carácter, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que neste caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.
c) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.
d) Resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.
e) Relación dos méritos que se acrediten, por cada un dos puntos de que consta o concurso, segundo o especificado no anexo II.
f) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados, que se deberá presentar na orde en que figura cada un dos méritos na relación de méritos citada no punto anterior.
g) Certificado acreditativo de cumprir os requisitos recollidos nesta convocatoria nos números 2.1.g), 2.1.h) y 2.1.i).
• Ser funcionario/a de carreira e ter en propiedade unha praza da categoría de inspector da Policía Local no concello en que se pretende promocionar.
• Estar en servizo activo na categoría de inspector no corpo da Policía Local do concello en que se pretende promocionar.
• Ter unha antigüidade mínima de tres anos continuados na categoría de inspector. Para o seu cómputo teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivo a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os que se encontrou en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.
h) Certificado do Celga 4 ou equivalente, sempre que non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, xa que neste caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.
i) Documentación acreditativa de representación.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.
3.4.2. Presentación.
A documentación relacionada no punto 3.4.1 deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
3.4.3. Responsabilidade.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.
3.4.4. Presentación separada.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código do procedemento (PR461G) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
3.4.5. Tamaño máximo e formatos admitidos.
No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3.5. Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) Títulos oficiais universitarios.
d) Títulos oficiais non universitarios.
e) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
f) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Título de familia numerosa expedido pola Administración autonómica.
b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
3.6. Notificacións.
3.6.1. Modalidade. Electrónica.
As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3.6.2. Notificación electrónica.
De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta ao dispor das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta ao dispor da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3.7. Publicación dos actos.
3.7.1. Publicación no DOG.
Publicaranse no DOG, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:
• A relación provisional de persoas admitidas e non admitidas.
• A relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas, que conterá, ademais, a data e o lugar de realización da primeira proba.
Se todas as persoas que se presenten a este proceso selectivo resultan admitidas, a lista que se publique terá carácter definitivo.
3.7.2. Publicación na web.
Publicaranse na páxina web da Agasp (https://agasp.xunta.gal/es), ademais das publicacións no DOG relativas ao proceso, as resolucións do tribunal e demais comunicacións do proceso.
3.8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. Admisión de aspirantes.
4.1. Publicación da lista provisional de admitidos/as e excluídos/as.
Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da Agasp publicará no DOG e na páxina web da Agasp a resolución pola cal se declaren con carácter provisional as persoas admitidas e excluídas, co motivo da exclusión. De non existiren persoas excluídas, ou que as persoas excluídas o estean por motivos non emendables, a lista será considerada definitiva.
Tamén se publicarán as persoas aspirantes exentas ou non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega.
4.2. Prazo para alegacións.
As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos da lingua galega.
Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, presentando debidamente a solicitude de participación no proceso, non consten nin como admitidas nin como excluídas na relación publicada.
4.3. Non emendable.
Non se poderá emendar a presentación da solicitude fóra do prazo habilitado para este efecto nin a falta de pagamento da taxa establecida.
4.4. Lista definitiva.
As estimacións ou desestimacións das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral da Agasp pola que se aprobe a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no DOG e na páxina web da Agasp, con indicación do lugar, a data e a hora da realización do primeiro e segundo exercicio.
4.5. Cumprimento dos requisitos.
O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso.
Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.
5. Tribunal cualificador.
5.1. Nomeamento e composición.
O nomeamento do tribunal cualificador correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade e estará composto por cinco persoas titulares e cinco persoas suplentes (presidente/a, tres vogais e secretario/a) pertencentes a un corpo, escala ou categoría profesional en que se requira para o seu ingreso a titulación de grao universitario. A súa composición será paritaria, segundo o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e terase en conta o estipulado no artigo 6 do Decreto 115/2017, anteriormente citado.
5.2. Funcións.
Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias da Agasp, correspóndenlle ao tribunal as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas, a cualificación das persoas aspirantes, a emisión de cantos informes lle sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso selectivo, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas en prol do correcto desenvolvemento das probas selectivas e resolución de incidencias.
5.3. Abstención e recusación.
Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas mediante a Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no Acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010.
A persoa titular da Presidencia deberá solicitarlles ás persoas membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non encontrarse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.
En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
5.4. Substitución.
A persoa titular do órgano que nomee o tribunal publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen os novos membros do tribunal que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.
5.5. Sesións.
A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso.
Para a válida constitución do órgano, para efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a asistencia, presencial ou a distancia, das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, de quen as supla, e a metade, polo menos, dos seus membros.
Para sesións de execución de probas, ou cando estas deban levarse a cabo coa presenza de persoas asesoras especialistas, bastará a intervención dun integrante do tribunal, comisionado para o efecto, para asegurar a correcta realización da proba.
Mediante acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar, sen necesidade de citación por escrito.
Das sesións realizadas polo tribunal redactarase a acta correspondente, que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.
5.6. Procedemento de actuación.
O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases; na Lei 40/2015, do 1 de outubro; nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico.
5.7. Persoal asesor especialista e colaborador.
O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor especialista para as valoracións que considere pertinentes, o cal se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz, pero non voto.
5.8. Limitación.
En ningún caso poderá o tribunal aprobar ou declarar que superou o proceso de acceso por promoción interna un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.
5.9. Prazas desertas.
O tribunal poderá declarar desertas aquelas prazas obxecto desta convocatoria que non resulten cubertas na súa finalización por non superar o proceso de promoción interna un número suficiente de aspirantes.
5.10. Recursos.
Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
6. Desenvolvemento do proceso de acceso por promoción interna (PR461G).
6.1. Procedemento de selección.
O procedemento de selección será o de concurso-oposición.
6.2. Fase de concurso.
Esta fase non terá carácter eliminatorio e consistirá na comprobación, avaliación e cualificación dos méritos alegados e xustificados, se é o caso, polas persoas aspirantes.
A valoración dos méritos farase de conformidade co baremo de méritos que se recolle no anexo II desta orde, modificado polo artigo 80.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o artigo 29 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais de Galicia.
Non se tomarán en consideración nin serán valorados aqueles méritos que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, na data de finalización do prazo de presentación de instancias.
Serán de aplicación á fase de concurso os límites establecidos no anexo II da Orde do 28 de xaneiro de 2009 e no establecido nesta convocatoria.
Tendo en conta que á fase de concurso lle corresponderá unha porcentaxe máxima do 40 % da puntuación máxima total, incluída a da oposición, para ponderar equitativamente os méritos tomarase como referencia ese máximo de puntos que os aspirantes poderían obter, ao cal se lle outorgarían os catro puntos. Proporcionalmente, asignaráselle a puntuación a cada aspirante, aplicando a regra de tres simple e cun máximo de tres decimais sen redondeo.
6.3. Fase de oposición.
Esta fase será posterior á fase de concurso e constará de dúas probas eliminatorias, de modo que non poderán pasar á seguinte as persoas aspirantes que non obteñan a cualificación mínima establecida para cada unha delas. A orde en que se deberán desenvolver é a seguinte:
1. Proba de avaliación dos coñecementos.
2. Resolución de caso práctico.
3. Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega (só para aquelas persoas que non puideron acreditar documentalmente que están exentas de realizala).
6.3.1. Primeira proba. Proba de avaliación de coñecementos.
Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico-práctico de cento vinte (120) preguntas tipo test, relacionado co anexo III do programa. O exercicio terá cinco (5) preguntas de reserva. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio. O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Cada resposta incorrecta ou non contestada descontará un terzo dunha pregunta correcta. O tempo máximo de duración deste exercicio é de cento vinte (120) minutos.
O tribunal determinará o nivel de coñecementos exixido para obter a puntuación mínima, que sempre será igual ou superior a 5 puntos sobre unha puntuación máxima de 10.
A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula: N=(A-F/3)/12, onde N=nota final da proba; A=preguntas acertadas; F=preguntas falladas ou non contestadas.
Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do temario que no momento da publicación desta orde conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.
Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización da proba, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nestas bases.
O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.
As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para obter a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberanse adoptar sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.
A corrección desta proba realizarase inmediatamente finalizado o tempo máximo de realización desta, en acto público ao que pode asistir o persoal opositor interesado.
As persoas aspirantes poderán levar a copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicaranse o contido do exercicio e o cadro de respostas correctas na páxina web da Agasp.
6.3.2. Segunda proba. Resolución dun caso práctico.
As persoas aspirantes realizarán a segunda proba, consistente na resolución dun caso práctico relacionado cos contidos do temario que figura no anexo III desta orde e vinculados directamente ás funcións para desenvolver na categoría a que se pretende promocionar, de acordo co establecido no artigo 25.1.c) da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
O tempo máximo de duración desta proba é de 60 minutos e no momento da súa finalización, e de forma continuada, procederase á súa lectura e cualificación.
6.3.3. Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega.
Nesta proba as persoas aspirantes deberán demostrar que comprenden correctamente o galego.
Estarán exentas da realización desta proba aquelas persoas que estean en posesión do título Celga 4 ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG núm. 146, do 30 de xullo) pola que se regulan os certificados oficiais xustificativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, ou norma que a substitúa.
As persoas non exentas realizarán esta proba a continuación da segunda, e consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego e doutro texto do galego para o castelán. Os textos serán elixidos polo tribunal inmediatamente antes de que teña lugar a proba.
O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.
O exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para obter o resultado de apto/a.
6.4. Puntuación final da fase de oposición.
A puntuación final da fase de oposición de cada aspirante será a cualificación obtida na primeira e segunda probas (proba de coñecementos e caso práctico), e obter o resultado de apto/a na terceira proba (proba de avaliación do coñecemento da lingua galega).
Para ponderar esta puntuación en relación co 60 % da nota final que lle corresponde á fase de oposición aplicarase a regra de tres simple, tendo en conta que á nota máxima que se podería obter na oposición, que sería un 10, se lle outorgarían 6 puntos.
7. Desenvolvemento dos exercicios.
7.1. Orde de actuación.
A orde de actuación das persoas aspirantes será a orde alfabética e comezará por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra «F», conforme o establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2025 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro).
7.2. Identificación.
As persoas aspirantes deberanse presentar a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que, ao xuízo do tribunal, acredite a súa identidade. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.
7.3. Participantes.
Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas como colaboradoras.
7.4. Chamamento único.
O chamamento para cada exercicio será único, na data e na hora indicada, sen posibilidade de aprazamento, de maneira que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas, salvo os casos debidamente xustificados, que resolverá o tribunal, e os amparados nun precepto legal, como o suposto que se describe a continuación.
7.5. Mulleres embarazadas, parto ou posparto.
As aspirantes que, polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, prevexan a posibilidade de coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso selectivo, poderano pór en coñecemento do tribunal e achegarán coa comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos dous días seguintes ao do anuncio da data do exame e o tribunal determinará, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo ou ben un aprazamento da proba, ou ambas as medidas conxuntamente.
7.6. Prohibicións.
Durante o tempo fixado para a realización das probas non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria; queda prohibido o acceso ao recinto con tales dispositivos e constitúe causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza destes.
7.7. Cumprimento dos requisitos.
En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Agasp para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, isto suporá a súa exclusión do proceso.
7.8. Anuncio das probas.
O anuncio de realización dos exercicios publicarase na páxina web da Agasp con antelación suficiente e, polo menos, con tres días hábiles anteriores ao da súa realización.
7.9. Puntuación do proceso.
A puntuación das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo virá determinada polo sumatorio da puntuación da fase de concurso e da fase de oposición. Todas as cualificacións obtidas polas persoas aspirantes se publicarán na páxina web da Agasp.
As puntuacións ponderadas, a do concurso e a da oposición, sumarían como máximo 10 puntos, e nesa puntuación corresponde unha porcentaxe máxima do 40 % ao concurso (4 puntos) e do 60 % á oposición (6 puntos).
7.10. Criterios de desempate.
Tendo en conta que nos corpos da Policía Local de Galicia existe infrarrepresentación feminina, no suposto de empate nas puntuacións de dúas ou máis aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:
a) Preferencia a favor da muller, en aplicación do disposto no artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, no cal, no caso de que houbese empate, resolverase a favor da muller.
b) Maior antigüidade na categoría e, de persistir o empate e resultar posible, na categoría inmediata inferior, e así de maneira sucesiva.
c) Puntuación máis alta referida aos méritos na epígrafe de formación profesional.
d) Titulación académica de maior nivel.
e) Sorteo, en caso de persistir o empate despois da aplicación dos criterios anteriores.
7.11. Alegacións.
As persoas aspirantes poderán efectuar alegacións ás súas cualificacións en cada proba ou fase do proceso selectivo. Para estes efectos, concederase un prazo de cinco (5) días que se contarán desde a publicación da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.
8. Normas con respecto á baremación.
No anexo II recóllese o baremo para a fase de concurso do proceso de acceso por promoción interna (PR461G).
Cada epígrafe ten unha valoración máxima que non se pode superar.
Na epígrafe 1: «Titulacións académicas oficiais» do anexo II non se valorará:
– A titulación requirida para o acceso á categoría a que se aspira, salvo que se posúa máis dunha.
– As titulacións necesarias ou as que se empregasen como vía de acceso para a obtención dunha titulación superior xa valorada.
– As titulacións que non estean recoñecidas polo ministerio competente na materia como títulos académicos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional. Deberá achegarse a correspondente declaración oficial de equivalencia ou disposición en que se estableza esta e, de ser o caso, o BOE en que se publicou.
– Os cursos necesarios para a obtención das titulacións desta epígrafe 1 e do anexo II da Orde do 28 de xaneiro de 2009, nin a superación de materias destes.
Na epígrafe 3: «Formación profesional e docencia» do anexo II:
– Teranse en conta os cursos realizados directamente pola Agasp ou homologados por esta entidade que figuren no espazo persoal de cada persoa opositora que se presente, polo que é responsabilidade do persoal funcionario dos corpos da Policía Local manter actualizado o dito espazo de xestión.
A Agasp facilitaralle ao tribunal o certificado individual de cada persoa opositora que se presente, cos datos que consten, o último día de presentación de instancias, polo que non é necesario que se acrediten documentalmente.
Valoraranse as actividades reflectidas no anexo II e distinguirase entre actividades formativas de asistencia (AS) e actividades formativas con aproveitamento (AP):
• Os cursos de formación profesional ou outras actividades formativas desenvolvidas directamente pola Agasp, ou mediante convenios ou protocolos de colaboración con concellos, deputacións e outras entidades públicas.
• Os cursos de manifesto interese policial homologados pola Agasp, superados nas universidades, administracións públicas ou a través dos plans de formación continua.
– Valorarase na epígrafe de docencia, cos puntos detallados no anexo II, a participación como profesor en cursos ou outras actividades formativas desenvolvidas:
• Directamente pola Agasp, ou mediante convenios ou protocolos de colaboración con concellos, deputacións e outras entidades públicas, dirixidos en particular aos corpos da Policía Local ou tamén ao colectivo das forzas e corpos de seguridade.
• Nas universidades, administracións públicas ou a través dos plans de formación continua, cando se trate de actividades formativas de manifesto interese policial dirixidos, en particular, aos corpos da Policía Local ou tamén ao colectivo das forzas e corpos de seguridade.
– Non se terán en conta para os efectos de valoración:
• Os cursos obrigatorios que formen parte do proceso de selección para o acceso a calquera categoría ou emprego dos corpos e forzas de seguridade.
• Os cursos repetidos, salvo que transcorrese un período superior a cinco anos desde a finalización do primeiro curso.
• A formación profesional e docencia realizada con data anterior á da toma de posesión como funcionario de carreira.
Na epígrafe 4 «Distincións e recompensas» do anexo II:
– Terase en conta a normativa ao respecto na materia, en particular o estipulado no capítulo III do título VIII do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.
Na epígrafe 5 «Idiomas» do anexo II:
• Valoraranse os coñecementos dos idiomas que poidan ser acreditados documentalmente de acordo co indicado no artigo 7.9 do Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro.
• Así mesmo, valoraranse outras titulacións de idiomas estranxeiros segundo o Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL). No anexo II establécense os títulos e entidades que se valorarán para os idiomas inglés, francés e portugués.
• No suposto de presentar a certificación doutros idiomas, o tribunal valorará se se axusta ao indicado no MCERL.
• O mesmo idioma non poderá dar lugar a máis dunha valoración, polo que unicamente se terá en conta o de maior nivel.
Na epígrafe 6 «Lingua galega» do anexo II:
– Só se terá en conta o título de maior nivel dos que se acrediten e que sexa superior ao exixido como obrigatorio para a realización deste proceso, en concreto o título Celga 4, cunha puntuación máxima de 2 puntos.
Na epígrafe 7 «Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores» do anexo II:
En cumprimento do estipulado no artigo 80.3 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 29 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, de coordinación de policías locais de Galicia. Máximo 1 punto.
9. Cualificación final.
A orde de prelación das persoas aspirantes que superen o proceso de promoción interna efectuarase de acordo coa suma das puntuacións obtidas nas fases de concurso e de oposición.
10. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva, presentación de documentación e nomeamento como persoal funcionario en prácticas.
10.1. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva.
Unha vez finalizado o proceso de acceso por promoción interna, o tribunal elaborará por orde decrecente de puntuación a lista de persoas aprobadas. O número destas persoas non poderá superar o de prazas convocadas.
Así mesmo, o órgano de selección elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha lista de reserva cun número de persoas aspirantes que será, como máximo, igual ao de persoas aprobadas. Na lista de reserva figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron as probas do proceso, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza.
Ambas as listas serán publicadas na páxina web da Agasp.
As persoas aspirantes que, dentro do prazo fixado, excepto os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deduza que carecen dalgún dos requisitos non poderán ser nomeadas persoal funcionario en prácticas e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.
10.2. Nomeamento como persoal funcionario en prácticas.
Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, e inmediatamente antes do comezo do curso selectivo de formación, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas na categoría de inspector principal, mediante resolución da correspondente Alcaldía, que se publicará no Boletín Oficial da provincia (BOP).
As persoas así nomeadas permanecerán na dita situación desde o comezo do curso selectivo ata que se produza o seu nomeamento como persoa funcionaria de carreira ou a súa exclusión do proceso.
O curso selectivo de formación será convocado a través de resolución da Dirección Xeral da Agasp en que se indicará a data de inicio.
En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida o nomeamento dunha persoa aspirante como persoal funcionario en prácticas ou prive de eficacia o nomeamento xa realizado, o concello comunicará esta circunstancia á Dirección Xeral da Agasp, que substituirá a persoa afectada pola primeira que figure na lista de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso selectivo de formación.
10.3. Curso selectivo de formación.
As persoas aspirantes aprobadas deberán superar un curso selectivo de formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría de inspector principal, escala executiva, de conformidade co disposto no artigo 39 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e nos artigos 32 e 56 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, de desenvolvemento desta lei.
O curso terá unha duración de 250 horas lectivas e desenvolverase de maneira semipresencial na Agasp. Consta de seis módulos: operativo, xurídico, técnico, administrativo, de dirección de equipos e práctico.
No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen finalizalo, salvo por causas excepcionais, considerarase que a persoa aspirante non superou o proceso de acceso por promoción interna.
O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na Agasp, incluídas as probas de carácter extraordinario, perderá todos os dereitos acadados no proceso.
Aos funcionarios e funcionarias en prácticas seralles de aplicación o Regulamento de réxime interior da Agasp, publicado mediante a Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, no DOG núm. 30, do 12 de febreiro, durante o seu curso de formación e o período de prácticas, e con carácter supletorio, cando os feitos non constitúan falta no dito regulamento, seranlles de aplicación as normas do réxime disciplinario da Policía Local de Galicia recollidas na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e normativa de desenvolvemento.
A cualificación do curso de formación e do período de prácticas quedará en suspenso ante a concorrencia sobrevida de calquera causa de exclusión ata que non se resolva o expediente que se incoe.
11. Procedementos penais ou administrativos pendentes.
Cando as persoas que participan no proceso teñan aberto, ou se lles abra con posterioridade, un procedemento penal ou administrativo que poida finalizar cunha condena por delito doloso, coa separación do servizo das administracións públicas ou coa inhabilitación para o exercicio das funcións públicas, a admisión ao proceso, a permanencia nel, así como o seu acceso ao corpo da Policía Local quedarán condicionados ao feito de que nos citados procedementos non se produza a condena ou separación referida.
O persoal participante, no suposto de encontrarse nas situacións descritas no parágrafo anterior, debe comunicar tal situación e a Dirección Xeral da Agasp poderá solicitar en calquera momento do proceso unha declaración xurada de non encontrarse nas citadas situacións.
A falsidade ou omisión de datos nesta declaración xurada dará lugar ás responsabilidades que se establezan no Regulamento de réxime interior da Agasp en relación co incumprimento das ordes ou disposicións ditadas pola Dirección Xeral da Agasp.
12. Información ás persoas interesadas.
Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional na Agasp a través dos seguintes medios:
a) https://sede.xunta.gal/portada
b) Páxina web da Agasp (https://agasp.xunta.gal/es).
c) No enderezo electrónico seleccion.agasp@xunta.gal
d) Nos teléfonos da Agasp 886 20 61 09, 886 20 61 16, 886 20 61 35 e 886 20 61 27.
e) No Servizo de Coordinación, Planificación e Selección da Agasp (avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).
Disposición adicional única
En virtude do establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acorda delegar a facultade de nomear o tribunal que deberá cualificar este proceso e, de ser o caso, a substitución dos membros que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3 desta convocatoria na persoa titular da Dirección Xeral da Agasp.
Igualmente, acórdase delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Agasp a resolución dos recursos de alzada que se interpoñan contra os acordos do tribunal nomeado para cualificar estes procesos.
Disposición derradeira única
1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar o proceso e as persoas que nel participen.
2. Así mesmo, cuantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou polo órgano encargado da xestión poderán ser impugnados polos/as interesados/as de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, conforme a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, conforme a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
4. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
