DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 9 de maio de 2025 Páx. 26543

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche definitivo e o desmantelamento do sistema de coxeración con aproveitamento de residuos forestais que Allarluz, S.A. posúe no concello de Allariz (Ourense) e se cancela a súa inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Allarluz, S.A. en relación coa autorización administrativa de peche e desmantelamento dun sistema de coxeración con aproveitamento de residuos forestais, así como da cancelación da correspondente inscrición no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia dunha planta de coxeración eléctrica, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 14 de decembro de 1995, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar a instalación dun sistema de coxeración con aproveitamento de residuos forestais á empresa Allarluz, S.A. e incluíla mesma no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994 (expediente IN408A 94/4), coas seguintes características básicas:

– Un grupo turbo-xerador de dúas etapas con extracción de vapor intermedia, a primeira composta por unha turbina a contrapresión e a segunda por unha a condensación. As turbinas, a través de cadanseu redutor 14.000/1.500 r.p.m, moverán o alternador.

– Un alternador síncrono de tensión nominal 6 kV e potencia en bornas 2.500 kVA, 50 Hz.

– Un transformador de potencia de 2.500 kVA, con relación de transformación 0,66/20 kV.

– Un transformador de servizos auxiliares de 400 kVA, con relación de transformación 0,38/20 kV.

– Cela de acoplamento de conexión á rede de 20 kV.

– Elementos e mecanismos auxiliares de protección, control e manobra automatizados para as distintas operacións.

Segundo. O 29 de xaneiro de 1998, a Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio resolveu autorizar as modificacións ao proxecto de instalación dun sistema de coxeración con aproveitamento de residuos forestais, promovido pola empresa Allarluz, S.A., no concello de Allariz (Ourense), expediente IN408A 94/4, coas seguintes características básicas:

– Un grupo alternador Bazán/Mitsubishi de 2.938 kVA.

– Un xerador de vapor: Vulcano 11 t/h, 400º C, 40 BAR, 7.289.140 kcal/h.

– Trafo de potencia: 3.000 kVA, r.d.t 6/20 kV.

– Trafo para servizos auxiliares: 630 kVA, r.d.t. 0,38/20 kV.

Terceiro. O 22 de xuño de 1998, a Delegación Provincial de Ourense da Consellería de Industria e Comercio emitiu unha acta de posta en marcha do sistema de coxeración.

Cuarto. O 1 de setembro de 1998, a Dirección Xeral de Industria resolveu inscribir o sistema de coxeración de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial regulado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, cunha potencia de 2.350 kW, e outórgaselle o número RE-98-20.

Quinto. O 6 de xullo de 2001, a Dirección Xeral de Industria resolveu modificar a inscrición do sistema de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción en Réxime Especial co obxecto de acollerse aos beneficios do Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre produción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, cunha potencia de 2.350 kW, outórgaselle o número RE-01-19.

Sexto. O 4 de agosto de 2023, Marta Fernández Castro, en nome e representación de Allarluz, S.A. solicitou autorización administrativa de peche definitivo do sistema de coxeración da súa titularidade situado no concello de Allariz (Ourense) e cancelar a inscrición definitiva no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sétimo. O 16 de febreiro de 2024, Red Eléctrica de España, S.A. informou sobre a solicitude de peche do sistema de coxeración, facendo constar que non ten incidencia na garantía de cobertura da demanda nin na seguridade do sistema na rede de transporte.

Oitavo. O 21 de febreiro de 2024, a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe de xeito favorable sobre a solicitude presentada por Allarluz, S.A., no relativo á tramitación da autorización administrativa de peche de acordo co proxecto denominado «Proxecto de desmantelamento e peche da planta de xeración eléctrica a partir de biomasa de Allarluz, S.A.», asinado o 30 de xaneiro de 2024 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI, o cal foi informado da súa suficiencia na mesma data por persoal técnico da citada xefatura territorial.

Noveno. O 22 de novembro de 2024, requíreselle a Allarluz, S.A. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento. A solicitante presentou a documentación requirida o 26 de novembro de 2024.

Na mesma data, esta dirección xeral remitiu á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CMNC) unha separata do proxecto de desmantelamento co fin de que esta emita informe previo sobre a autorización de peche de acordo co recollido no artigo 138 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e non se recibiu resposta no prazo establecido polo que se entende a súa conformidade co desmantelamento do sistema de coxeración.

Décimo. O 23 de decembro de 2024, a empresa solicitante achega, entre outra documentación, un novo proxecto de peche e desmantelamento do sistema de coxeración co fin de recoller os equipamentos autorizados.

Décimo primeiro. O 22 de xaneiro de 2025, o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria informou da suficiencia do proxecto denominado «Proxecto de desmantelamento e peche da planta de xeración eléctrica a partir de biomasa de Allarluz, S.A.», asinado o 23 de decembro de 2024 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI.

Décimo segundo. O 7 de febreiro de 2025, requíreselle a Allarluz, S.A. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento incluíndo un proxecto de peche e desmantelamento do sistema de coxeración de referencia asinado por técnico competente, o cal recolla expresamente nos seus diversos puntos os equipos descritos na Resolución do 29 de xaneiro de 1998 pola que se resolveu autorizar modificacións ao proxecto da planta de coxeración citada no antecedente de feito segundo. A solicitante presentou a documentación adicional o 21 de febreiro de 2025.

Décimo terceiro. O 5 de marzo de 2025, o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria informou da suficiencia do proxecto denominado «Proxecto de desmantelamento e peche da planta de xeración eléctrica a partir de biomasa de Allarluz, S.A.», asinado o 21 de febreiro de 2025 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción requirirán autorización administrativa previa.

Terceiro. O peche e desmantelamento do sistema de coxeración non precisa someterse a trámite de avaliación ambiental ao non estar prevista nos supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

Cuarto. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a Allarluz, S.A. a autorización administrativa de peche definitivo e desmantelamento do sistema de coxeración con aproveitamento de residuos forestais que posúe no concello de Allariz (Ourense) segundo o proxecto denominado «Proxecto de desmantelamento e peche da planta de xeración eléctrica a partir de biomasa de Allarluz, S.A.», asinado o 21 de febreiro de 2025 polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro, colexiado nº 985/201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros do ICAI.

Segundo. Cancelar a inscrición do sistema de coxeración con aproveitamento de residuos forestais titularidade de Técnicas de Allarluz, S.A., debido ao seu peche, obxecto desta autorización administrativa, no Rexistro Administrativo de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica da Comunidade Autónoma de Galicia co número de rexistro autonómico RE-01-19.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

1. O peche definitivo e desmantelamento da instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

2. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberanse comunicar a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

4. O prazo para o peche e desmantelamento da instalación será de dous anos contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante o Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra este acto, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais