DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 9 de maio de 2025 Páx. 26555

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Padrón (expediente IN407A 2025/062-1).

Expediente: IN407A 2025/062-1.

Promotora: Aluminios Cortizo, S.A.U.

Denominación do proxecto: Liña de media tensión subterránea 20 kV e centro de seccionamento de compañía no parque empresarial de Pazos.

Concello: Padrón.

Feitos:

1. O día 16.4.2025, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto mencionado. Co fin de dar subministración ao centro de transformación particular proxectado (obxecto doutro proxecto) de Aluminios Cortizo, S.A.U. para instalar no parque empresarial de Pazos, concello de Padrón, proxéctase un centro de seccionamento e liña de media tensión soterrada que o conectarán coa liña de distribución de media tensión LMT PAD809, procedente da subestación de Padrón.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, presentan o proxecto de execución denominado Liña de media tensión subterránea 20 kV e centro de seccionamento de compañía no parque empresarial de Pazos, asinado o día 9.4.2025 por Eva Pérez Boullón, enxeñeira técnica industrial eléctrica, nº de colexiada 2.790 de Santiago.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Non se solicitou informe preceptivo a ningunha Administración, organismo nin empresa de servizo público ou de interese xeral, por non existiren afeccións.

4. O día 25.4.2025 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).

Segunda. Lexislación de aplicación

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas

As instalacións obxecto deste expediente están situadas no parque empresarial de Pazos, rúa Circular Este, parcela 54, concello de Padrón, e as súas características técnicas son as seguintes:

– LMTS a 20 kV, de 9×2 m (E/S), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm² Al, coa orixe no CT polígono industrial Padrón nº 6 (15CXP8, UFD) e remate no empalme para realizar na LMT PAD809, procedente da subestación de Padrón, nun punto subterráneo comprendido entre o apoio nº A1U2HLMK//14 da dita liña e o antedito centro de transformación, nunha arqueta existente, facendo E/S no CS proxectado. A liña discorre por unha canalización subterránea de dimensións 0,4 m de largo e 1,00 m de profundidade, na que se instalarán 2 tubaxes vermellas de 160 mm formigonados.

– CS en configuración 3L+1 SS.AA. Conexión das celas de liña: entrada de CT polígono industrial Padrón nº 6 (15CXP8, UFD); saída a CT Tarrío (15AX64) e saída a CPM de Aluminios Cortizo proxectado (obxecto doutro proxecto).

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937, e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 29 de abril de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña