Este tribunal, nomeado pola Resolución do 30 de xaneiro de 2025 (DOG núm. 22, do 3 de febreiro) para cualificar este proceso selectivo,
ACORDOU:
Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, na sesión que tivo lugar o 5 de maio de 2025, logo de revisar en sesións precedentes as reclamacións presentadas contra o primeiro exercicio eliminatorio e obrigatorio realizado o 9.3.2025 no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda (Pontevedra):
– Acceso libre: anular a pregunta número 104 do exercicio, pasando a ser ocupado o seu lugar pola pregunta número R-146 de reserva. Desestímanse as restantes reclamacións presentadas.
– Promoción interna: anular a pregunta número 79 do exercicio, pasando a ser ocupado o seu lugar pola pregunta número R-120 de reserva. Desestímanse as restantes reclamacións presentadas.
Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 100 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 50 puntos.
Para estes efectos, de acordo co disposto na citada base, este tribunal, o 5 de marzo de 2025, estableceu os criterios de corrección, valoración e superación do primeiro exercicio eliminatorio e obrigatorio da proba de oposición de acordo coas bases do proceso selectivo.
Mediante este acordo estableceuse:
– No acceso pola quenda de promoción interna superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, ata completar o número máximo de prazas convocadas.
Non obstante, de darse o caso de que o número de persoas aspirantes que acaden, en cada una das partes, o 50 % das respostas netas sexa inferior ao número das prazas convocadas por esta quenda, superan o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, sen superar este número máximo de prazas convocadas.
Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.
– En acceso libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Non obstante, de darse o caso de que o número de aspirantes que acaden, en cada una das partes, o mínimo do 50 % das respostas netas sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións, ata acadar a devandita cifra sempre que obtiveran, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.
Para os efectos do previsto nos dous parágrafos anteriores, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, terase en conta que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna se acumularán ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.
Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.
En calquera caso, soamente superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.
Terceiro. Realizada a corrección do exercicios, na sesión do 7 de maio de 2025, de acordo coas normas e criterios anteriores, resultou o seguinte:
– En promoción interna, acadou a puntuación mínima de 50 puntos 1 persoa aspirante, fixando este tribunal en 46 o número de respostas correctas, para acadar a dita puntuación mínima, unha vez feitas as deducións segundo o establecido nas bases da convocatoria. Para a obtención do dito número de persoas que superaron o primeiro exercicio eliminatorio obrigatorio, foi preciso aplicar o criterio subsidiario de porcentaxe neta de aprobados sinalado do 40 % de respostas correctas netas en cada unha das partes.
– En acceso libre, acadaron a puntuación mínima de 50 puntos un total de 439 persoas aspirantes, fixando este tribunal en 56 o número de respostas correctas, para acadar dita puntuación mínima, unha vez feitas as deducións segundo o establecido nas bases da convocatoria. Para a obtención de dito número de persoas que superaron o primeiro exercicio eliminatorio obrigatorio, foi preciso aplicar o criterio subsidiario de porcentaxe neta de aprobados sinalado do 40 % de respostas correctas netas en cada unha das partes.
As persoas que superaron os exercicios teñen unha cualificación distribuída entre os 50 e os 100 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.
Cuarto. De acordo coa base II.1.2.8 da convocatoria, publicar no portal web corporativo da Xunta de Galicia, xunta.gal/funcion-publica, as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes ao primeiro exercicio eliminatorio e obrigatorio do proceso selectivo, así como a relación das que non acadaron a puntuación mínima de 50 puntos establecida na base II.1.1.1 da convocatoria.
De acordo con esta base II.1.2.8, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. De conformidade coa base II.1.1.2, respecto ao segundo exercicio, estarán exentas da súa realización as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia deste acordo, o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro). Non terá que presentar a documentación xustificativa de exención quen xa acreditase a posesión do Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado, e así conste na listaxe de persoas aspirantes publicada, xunto con esta resolución, pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica
Sexto. De acordo co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025
Manuel Lage Cobas
Presidente do tribunal
