DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 9 de xuño de 2025 Páx. 32201

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ORDE do 27 de maio de 2025 pola que se regula o procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo da Axencia da Calidade Alimentaria de Galicia procedente do suprimido Instituto Galego da Calidade Alimentaria (código de procedemento AP100A).

O artigo 31 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, creou o Instituto Galego da Calidade Alimentaria como un ente de dereito público dos previstos no artigo 12.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

En desenvolvemento da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, publicouse o Decreto 259/2006, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regula por primeira vez, dun modo conxunto, estruturado e ordenado, a organización e o réxime xurídico da Administración autonómica e das entidades que van integrar o sector público autonómico. En concreto, a disposición transitoria terceira da lei establece que as normas de organización e funcionamento do Instituto Galego da Calidade Alimentaria deberán adecuarse ao disposto nesa lei para as axencias públicas autonómicas.

O Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, acometeu a adecuación prevista na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro. Consonte a prescrición da disposición adicional primeira do decreto, a nova axencia subrógase en todas as relacións xurídicas, os bens, os dereitos e as obrigas do Instituto Galego da Calidade Alimentaria, asumindo as súas competencias e funcións legalmente atribuídas.

O Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, establece as bases ás cales se suxeitarán os procedementos de integración voluntaria do persoal das entidades afectadas polo seu ámbito de aplicación e establece os efectos da citada integración.

De conformidade co marco normativo anteriormente indicado, mediante escrito da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural solicitouse a iniciación do procedemento de integración como persoal laboral da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria procedente do extinto Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

Recibida a dita solicitude procede aprobar esta orde, que ten por finalidade regular o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia do persoal laboral fixo adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria procedente do extinto Instituto Galego da Calidade Alimentaria, baixo os principios de voluntariedade, homologación e homoxeneidade, nas condicións previstas na normativa do persoal laboral da Xunta de Galicia.

O seu contido adecúase aos principios de boa regulación contidos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia, ao responder o procedemento regulado nela á satisfacción do interese xeral, derivado da necesidade de tender ao establecemento dun único réxime xurídico de todo o persoal laboral que presta servizos nesta administración. Así mesmo, o seu texto cumpre coa debida proporcionalidade xa que contén a regulación imprescindible para acadar o obxectivo da norma. Coa finalidade de garantir os principios de seguridade xurídica e transparencia, xérase un marco normativo claro que facilita o seu coñecemento e comprensión. Finalmente, en cumprimento dos principios de simplicidade e eficacia, o texto evita cargas administrativas innecesarias e posibilita unha mellor racionalización na xestión dos recursos humanos.

Na orde non se recolle un anexo dos postos de traballo aos cales se adscribiría ás persoas solicitantes da integración que cumpran os requisitos. O posto de traballo a que se adscriba o persoal interesado será o mesmo que viña desempeñando no momento da solicitude de integración ao abeiro do correspondente contrato de traballo como persoal laboral fixo da entidade de procedencia.

Por todo iso, en virtude das competencias conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e polo Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción, e logo de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento de integración como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia (código de procedemento AP100A) do persoal laboral fixo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria procedente do extinto Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

2. Poderá exercer a opción para integrarse como persoal laboral da Xunta de Galicia o persoal laboral da Axencia Galega da Calidade Alimentaria procedente do Instituto Galego da Calidade Alimentaria que reúna os seguintes requisitos:

a) Ter un contrato laboral fixo co Instituto Galego da Calidade Alimentaria, formalizado tras un proceso de selección realizado baixo os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade, de conformidade co previsto na normativa vixente no momento da súa incorporación.

b) Ter a titulación establecida no anexo II e cumprir os requisitos exixidos para o acceso ao grupo e á categoría de homologación do V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia.

c) Estar en situación de servizo activo ou en situación que orixine dereito á reserva de praza ou posto.

3. Non poderá exercer a opción para integrarse como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia o persoal vinculado ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria por un contrato de alta dirección ou mediante unha relación laboral de carácter temporal ou indefinida non fixa. Igualmente, tampouco poderá exercer o dereito de opción o persoal de carácter eventual ou alto cargo que non tivese a condición de persoal laboral do Instituto.

A non opción pola integración activará os efectos previstos no artigo 9.3 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Artigo 2. Solicitude e prazos

1. A solicitude de integración dirixirase á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo de solicitude que se xunta no anexo I.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 3. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

a) Contrato de traballo como persoal laboral fixo do Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

b) Títulos oficiais universitarios.

c) Títulos oficiais non universitarios.

d) Certificado das retribucións percibidas no ano anterior á data de publicación desta orde, detallado por conceptos e mensualidades.

e) Resolución de concesión da situación administrativa da persoa solicitante que se atope nunha situación distinta da de servizo activo.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no espazo correspondente habilitado no formulario e presentar os documentos preceptivos. Cando a normativa aplicable o exixa, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos, solicitarase ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Tramitación

1. Examinadas as solicitudes, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural requirirá, de ser o caso, as persoas interesadas para que, no prazo de dez días hábiles, presenten ou completen a documentación que consideren necesaria a efectos de continuar a tramitación do procedemento. De non presentar a documentación solicitada no prazo establecido, entenderase que desisten da súa solicitude e procederase á resolución do arquivamento correspondente, de conformidade co artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Recibidas todas as solicitudes e a documentación correspondente, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, logo do informe favorable da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, remitirá á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal unha proposta que conterá:

a) A relación de persoal que a mencionada Secretaría Xeral Técnica considere que reúne os requisitos para integrarse como persoal laboral da Xunta de Galicia, con indicación do grupo e categoría profesional de homologación co V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, posto de traballo e o carácter da adscrición a este.

b) A relación do persoal que a Secretaría Xeral Técnica considere que non reúne os requisitos para integrarse como persoal laboral de la Xunta de Galicia.

3. Xunto coa dita proposta achegaranse en formato electrónico os expedientes individuais cos documentos necesarios para determinar o cumprimento dos requisitos de integración, acompañados dun índice documental. Tamén se achegará un certificado expedido pola entidade de adscrición das retribucións percibidas durante o ano anterior ao da data de publicación da presente orde, detallado por conceptos e mensualidades.

4. Recibida a documentación indicada, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal solicitará informe da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico.

5. Créase unha comisión formada por representantes da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e unha persoa proposta por cada unha das organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos da Xunta de Galicia, que deberá elaborar un informe sobre o cumprimento dos requisitos das persoas interesadas para integrarse como persoal laboral da Xunta de Galicia, o grupo e categoría profesional en que se produciría, o posto de traballo en que se integra e o carácter da súa adscrición. Así mesmo, a comisión velará polo cumprimento da normativa en materia de igualdade no procedemento de integración, debendo incluír no informe os resultados desta función. O informe remitirase á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

Na comisión procurarase unha composición paritaria de mulleres e homes, conforme o disposto pola disposición adicional primeira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 16 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

6. Examinada a documentación sinalada nos puntos anteriores, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, á vista dos antecedentes que figuren no expediente, realizará a correspondente proposta de integración que remitirá á persoa titular da Consellería de Facenda e Administración Pública, para que resolva o que proceda mediante orde.

7. O transcurso dun prazo de tres meses desde o vencemento do prazo de presentación das solicitudes sen ditarse resolución habilitará as persoas interesadas para entender desestimadas as súas solicitudes.

Artigo 6. Efectos da integración

1. A resolución de integración determinará o grupo e a categoría profesional do V Convenio colectivo único de la Xunta de Galicia en que se integra ao persoal interesado, o posto en que se integra e o carácter da adscrición.

Para estes efectos, o posto de traballo a que se adscriba o persoal interesado será o mesmo que desempeñase no momento da solicitude de integración, ao abeiro do correspondente contrato de traballo como persoal laboral fixo da entidade de procedencia. Na primeira modificación da RPT que se produza asignarase a cada posto o seu correspondente código alfanumérico, denominación, natureza xurídica e demais circunstancias previstas polo artigo 38.4 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

2. A integración suporá a novación da relación contractual e comportará a formalización dun contrato de traballo como persoal laboral fixo da Administración xeral da Xunta de Galicia.

3. Ao persoal que, como consecuencia da integración, experimente unha diminución no cómputo anual das retribucións fixas e periódicas, recoñeceráselle un complemento persoal de integración, de carácter transitorio, consistente na diferenza de retribucións, nos termos establecidos na disposición transitoria primeira do Decreto 129/2012, do 31 de maio, de tal xeito que a equiparación total completarase nun prazo máximo de seis anos desde a súa integración como persoal laboral da Xunta de Galicia.

4. Consonte coa prescrición no artigo 12.5 do Decreto 129/2012, do 31 de maio, o persoal laboral integrado recibirá o recoñecemento de servizos para o cálculo da antigüidade, a efectos de trienios, para adecuar a súa antigüidade en termos de homoxeneidade coa prevista no Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto na Lei 4/2021, de 28 de xaneiro, de medidas fiscais e administrativas.

5. Ao persoal integrado aplicaráselle, para todos os efectos, o réxime económico e xurídico do V Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, sen que en ningún caso orixine dereito a indemnización.

6. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria emitirá a correspondente dilixencia de integración do persoal integrado.

Artigo 7. Efectos da non integración

O persoal laboral fixo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria procedente do Instituto Galego da Calidade Alimentaria que non solicite a súa integración ou, unha vez solicitada, renuncie voluntariamente a esta, así como as persoas solicitantes que non cumpran os requisitos para a integración, manterán as condiciones laborais establecidas no Decreto 129/2012, do 31 de maio, sen prexuízo do disposto na disposición adicional terceira e no ordenamento laboral.

Artigo 8. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Publicación dos actos

A orde que resolva o procedemento publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nela incluirase a listaxe de persoas integradas, grupo e categoría de integración e, de ser o caso, o posto de traballo adxudicado. Tamén incluirá o listado de persoas non integradas, con expresión da causa de desestimación da integración.

Disposición derradeira primeira. Normativa de aplicación

Ademais do previsto nesta orde, o procedemento de integración rexerase polo establecido no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Táboa de homologacións de categorías profesionais

Instituto Galego da Calidade Alimentaria

V Convenio

Posto

Titulación

Grupo

Categoría

Xefatura de Departamento de Calidade Diferencial

Titulación universitaria

I

4

Técnico de Departamento de Calidade Diferencial

Titulación universitaria

I

4

Técnico de Departamento de Coordinación Administrativa

Titulación universitaria

I

4

Xefatura de Negociado de Departamento de Coordinación Administrativa

Ciclo superior de Administración e Finanzas ou equivalente

III

2

Nota: o grupo e categoría profesional que se recollen no anexo II da presente orde teñen por obxecto dar cumprimento ao disposto no artigo 8.3 do Decreto 129/2012 e establécense sen prexuízo do grupo e categoría profesional en que definitivamente se integre, de ser o caso, na Administración da Xunta de Galicia o persoal incluído no ámbito de aplicación da presente orde.