DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 11 de xuño de 2025 Páx. 32772

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de maio de 2025, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución aprobatoria do deslindamento parcial realizado entre as comunidades de montes veciñais en man común de Alba (Pontevedra) e Curro (Barro) (expediente DC22053).

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra resolveu, na súa reunión do 26.3.2025, aprobar o deslindamento parcial entre as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) de Alba (Pontevedra) e Curro (Barro), con base nos seguintes feitos e consideracións técnicas.

Antecedentes e consideracións técnicas:

Primeiro. O 28.9.2022 o presidente da CMVMC de Alba presenta solicitude de deslindamento entre a CMVMC de Alba (Pontevedra) e a CMVMC de Curro (Barro). Os montes veciñais en man común (en diante, MVMC) afectados por este deslindamento son:

– MVMC de Curro (ID: 2453) da CMVMC de Curro.

– MVMC de Castrove (ID: 2947) da CMVMC de Alba.

Segundo. Consta no expediente a seguinte documentación do deslindamento consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (LMG):

– Acta do apeo do deslindamento do 23.9.2022.

– Acta de conciliación número 2/2023 entre as comunidades no Xulgado de Paz de Barro do 16.5.2023.

– Certificado do 16.4.2024 do secretario da CMVMC de Alba coa conformidade do presidente da aprobación en Asemblea Xeral do 30.10.2022.

– Certificado do 16.4.2024 do secretario da CMVMC de Curro coa conformidade do presidente da aprobación en Asemblea Xeral do 24.2.2023.

– Memoria descritiva co plano de deslindamento e cartografía en formato dixital no Datum ETRS89/UTM zona 29N EPSG: 25829. Asinado o 28.6.2023 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 740 do COETF de Galicia. A emenda posterior produce a modificación desta.

– Informes de validación gráfica catastral con CSV: 7Z97W4PVHE0PGHMM.

Terceiro. A liña de deslindamento proposta ten unha lonxitude de 794 metros e está composta polos seguintes puntos:

Punto 01 – x: 527.476,37 y: 4.704.392,22

Punto 02 – x: 527.007,72 y: 4.704.141,62

Punto 03 – x: 526.769,35 y: 4.704.019,84

No traballo de gabinete establécense dous puntos de deslindamento secundarios para respectar o dominio público da estrada (PS1, PS2), polo que neste tramo non existen lindes entre ambos os montes (o deslindamento realizarase coa Administración competente).

Punto PS1 – x: 527.458,89 y: 4.704.382,87

Punto PS2 – x: 527.463,68 y: 4.704.385,44

O punto 03 é o punto onde converxen a CMVMC de Alba, a CMVMC de Curro e a CMVMC de Campañó.

Revisada a cartografía das resolucións de clasificación de ambos MVMC, detéctase que existen lindes entre ambos na zona norte do deslindamento. Na zona sur do deslindamento, ben que invade o esbozo previo do monte veciñal da CMVMC de Campañó, xustifícanse os lindes por un erro gráfico xa que a Xunta Reitora da CMVMC de Campañó asina o 8.5.2024 a súa conformidade.

O deslindamento entre ambos os montes veciñais está formada por dous tramos:

Tramo 1: do punto 01 o punto PS02.

Tramo 2: do punto PS02 o punto 03.

A liña do deslindamento non respecta a liña do Instituto Xeográfico Nacional entre os concellos de Barro e Pontevedra.

A liña do deslindamento produce modificacións na cartografía dos esbozos de clasificación das comunidades de Alba, Curro e Campañó. O Servizo de Montes realiza os axustes necesarios para enlazar a liña de deslindamento co resto da cartografía existente.

O Servizo de Montes considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da LMG, polo que propón que o Xurado aprobe o deslindamento segundo a liña presentada.

Cuarto. O artigo 53 da LMG establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

Á vista do exposto, este xurado

RESOLVE:

Aprobar o deslindamento parcial entre a CMVMC de Alba (Pontevedra) e a CMVMC de Curro (Barro), nos termos antes indicados.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de MVMC de Pontevedra no prazo dun mes de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 LPAC; ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo no prazo de dous meses de acordo cos artigos 8 e 46 da LXCA.

Pontevedra, 21 de maio de 2025

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Pontevedra