DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 30 de xuño de 2025 Páx. 36275

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de xuño de 2025 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (Moves III_2025) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

As axudas obxecto desta convocatoria enmárcanse no programa de incentivos ligados a mobilidade eléctrica (Moves III_2025) regulado polo Real decreto lei 3/2025, do 1 de abril, para contribuír á descarbonización do sector do transporte. Este Real decreto lei, define as actuacións subvencionables segundo o artigo 13 do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, ao tempo que recoñece a retroactividade para as solicitudes presentadas a partir do 1 de xaneiro de 2025, vinculando, así, o novo Moves III_2025 ao seu predecesor, o Moves III xa regulado por Real decreto 266/2021, do 13 de abril, cuxo período de vixencia concluíu o 31 de decembro de 2024 tras non convalidarse o Real decreto-lei 9/2024, do 23 de decembro, no Congreso dos Deputados.

Co fin de garantir a continuidade do apoio publico á mobilidade eléctrica e para evitar períodos de inseguridade xurídica que podan supoñer unha paralización da mesma, o Real decreto lei 3/2025 dispón que o programa tamén se rexa polas disposicións do Real decreto 266/2021, incluíndo as súas modificacións posteriores.

Ademais, o programa conta con financiamento estatal asignado ao Instituto para a Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) conforme ao artigo 3 do Real decreto lei 3/2025, que aproba un crédito extraordinario de 400 millóns de euros para este fin.

Segundo o artigo 5 do Real decreto 266/2021, as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla son beneficiarias directas, e débense destinar os fondos aos suxeitos finais recollidos no seu artigo 11.1. Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia asumirá a xestión e execución do programa, aplicando os criterios de selección e xestión establecidos no propio Real decreto 266/2021 e nas súas modificacións.

Deste xeito, establécese un marco normativo consolidado que incorpora a retroactividade, garante a continuidade xurídica e reforza a coordinación institucional necesarias para asegurar a correcta aplicación dos incentivos á mobilidade eléctrica e contribuír á descarbonización do transporte.

O Instituto Enerxético de Galicia constitúese en axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme ao establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan, o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente contempla a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para facer fronte á convocatoria de axudas Moves III_2025, o Inega destina nos seus orzamentos un total de 19.636.965,35 € de inversións directas, procedentes do programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica promovido polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.

Cando os destinatarios sexan persoas físicas cunha actividade económica (autónomos) ou peme que opten por esta vía, o réxime de minimis establécese conforme ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, de aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE ás axudas de minimis; e cando se trate de empresas ou persoas xurídicas, aplicarase o Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, que declara compatíbeis co mercado interior determinadas categorías de axudas para a protección do medio ambiente. A coordinación e seguimento do programa correspondénlle ao IDAE, incardinándose as actuacións na Sección 7, artígo 36.bis e 36.ter do Regulamento 651/2014 e o cumprimento dos límites de contía recollidos no anexo III, punto segundo, do Real decreto 266/2021.

O Moves III en Galicia convocouse mediante Resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021 (procedementos IN421Q e IN421R), publicada no DOG nº 149, do 5 de agosto. Co obxectivo de recuperar as solicitudes presentadas nesta convocatoria a partir do 1 de xaneiro de 2025, tal e como establece o Real decreto lei 3/2025, considerase necesario convocar o Moves III_2025 partindo da Resolución do 26 de xullo de 2021, habilitando deste xeito dar continuidade ao proceso de adhesión de entidades colaboradoras e abreviando os prazos para a posta en marcha do Moves III_2025. Así, o Inega considera conveniente atribuír a colaboración no seguimento da xestión das axudas ás entidades colaboradoras que reúnan os requisitos establecidos no artigo 6.1 da Resolución do 26 de xullo de 2021.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 16 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia aprobados polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto aprobar a convocatoria de axudas correspondente á anualidade 2025 do programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (Moves III_2025) regulado polo Real decreto lei 3/2025, do 1 de abril, que establece as actuacións subvencionables recollidas no artigo 13 do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, e esténdese retroactivamente ás solicitudes presentadas desde o 1 de xaneiro de 2025. Igualmente, establécense os procedementos de adhesión das entidades colaboradoras (código IN421Q) e de presentación de solicitudes (código IN421R), reactivando para Moves III_2025 a estrutura de adhesión prevista na Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 agás as excepcións expresamente previstas nesta resolución.

2. Convócanse axudas para as seguintes actuacións subvencionables no marco do Moves III_2025:

Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos «enchufables» e de pila de combustible (en adiante, adquisición de vehículos eléctricos).

Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

3. As axudas obxecto de esta convocatoria estarán sometidas ó disposto no Real decreto lei 3/2025, do 1 de abril, polo que se establece o programa de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (Moves III) para o ano 2025 (en adiante, Moves III_2025).

4. A presente convocatoria rexerase polo establecido na Resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R) agás naqueles aspectos que se dispoñan expresamente de forma distinta na presente resolución.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Para o Programa de incentivos 1 poderán ser beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 do Real decreto 266/2021, sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia ou ben adquiran o vehículo nun concesionario ou punto de venda situado en Galicia. Para o Programa de incentivos 2 serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 do Real decreto 266/2021 cando a actuación subvencionada se desenvolva no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Para a actuación do Programa de incentivos 1, relativa á adquisición de vehículos eléctricos, os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas sexa ou 615.1 ou 654.1, conforme ó disposto polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, polo que se aproban as tarifas e a instrución do imposto sobre actividades económicas.

b) Aqueles nos que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme á definición que a estes efectos se realiza no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014 e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

d) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles tivese sido outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

Artigo 3. Financiamento e contía máxima das axudas a outorgar coa convocatoria

1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo ós orzamentos do Inega, distribuídos plurianualmente segundo a táboa seguinte. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 19.636.965,35 €.

Importe 2025 (€)

Importe 2026 (€)

Total (€)

9.000.000,00

10.636.965,35

19.636.965,35

O orzamento por partida e anualidade redistribuírase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme ao establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.703.1, 09.A3.733A.745.4, 09.A3.733A.744.2, 09.A3.733A.762.1, 09.A3.733A.772.1 e 09.A3.733A.782.1.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total (€)

Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos (60 %)

11.782.179,21

Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos (40 %)

7.854.786,14

Total

19.636.965,35

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser obxecto de redistribución unha vez transcorrido un mes desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes, co fin de adaptalo á evolución da demanda de axudas en cada unha das epígrafes. Esta redistribución, de levarse a cabo, respectará en todo caso as porcentaxes establecidas no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021 durante toda a vixencia da convocatoria. Unha vez finalizada a vixencia o orzamento poderá ser redistribuído nos termos recollidos no artigo 10.13 das bases reguladoras, podendo, se é o caso, incorporarse os remanentes de orzamento que non puidesen ser destinados ao financiamento de investimentos directos pola comunidade autónoma.

Así mesmo, o importe dos fondos previstos terá carácter máximo, sen prexuízo da posibilidade de ampliación do crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada de calquera das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta ampliación estará condicionada, de ser o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que corresponda e poderá dar lugar á concesión de novas subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes resultante da aplicación dos criterios establecidos nas bases reguladoras da convocatoria.

No caso de que se produza unha ampliación do crédito, esta será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web do Inega (www.inega.gal), para os efectos da súa publicidade e transparencia.

3. A concesión das axudas queda condicionada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, no marco do Plan Moves III para o ano 2025.

4. A contía das axudas para cada unha das actuacións subvencionables está recollida no anexo III do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, polo que se regula o programa de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (Moves III).

Artigo 4. Vixencia

De acordo co establecido no artigo 1 do Real decreto lei 3/2025, do 1 de abril, o período de vixencia da presente convocatoria abrangue desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2025.

Artigo 5. Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras (código de procedemento IN421Q)

1. O procedemento de adhesión de adhesión de entidades colaboradoras que participen na xestión do Programa de Incentivos 1 e no Programa de Incentivos 2 (código de procedemento IN421Q) rexerase polo disposto no artigo 6 da Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 agás as excepcións expresamente previstas neste artigo.

2. As entidades colaboradoras actualmente adheridas ao Moves III consideraranse automaticamente integradas no Moves III_2025, sen necesidade de presentar nova solicitude, salvo renuncia expresa que poderá formalizarse en calquera momento antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes, mediante a presentación do «Formulario de Renuncia da entidade colaboradora á adhesión ó Moves III_2025» (anexo I bis). A vixencia destes convenios amplíase ata o 30 de xuño de 2027, garantindo non só o prazo máximo de xustificación das actuacións establecido no artigo 4.1 do Real decreto lei 3/2025 (31 de decembro de 2026), senón tamén o período adicional necesario para a correcta xestión dos expedientes.

3. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora as persoas xurídicas que reúnan os requisitos establecidos no artigo 6 da Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 e que, dentro do prazo sinalado no punto 4, presenten a «Solicitude de Adhesión de entidades colaboradoras» (anexo I) e suscriban o correspondente «Convenio de Adhesión» (anexo II).

4. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará o día hábil seguinte á publicación no DOG da presente convocatoria e finalizará o 31 de decembro de 2025, data na que remata a vixencia do Moves III_2025 en Galicia.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación das solicitudes (código de procedemento IN421R)

1. O procedemento de presentación de solicitudes de axuda rexerase polo disposto no artigo 7 da Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 agás as excepcións expresamente previstas neste artigo.

As solicitudes subscribiranse directamente polas entidades colaboradoras, se se tramita a axuda a través destas, ou directamente polos interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito, nos casos nos que se permita a presentación directa de solicitudes. Neste caso, deberá presentar o correspondente formulario de solicitude de axuda (anexo III). Unha vez presentada unha solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que recaía resolución de concesión.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará o oitavo (8º) día natural seguinte ao da publicación desta resolución no DOG,as 9.00 horas e rematará o 31 de decembro de 2025.

Sen prexuizo do anterior, e en cumprimento do disposto no artigo 2 do Real decreto lei 3/2025, consideraranse válidas e tidas por presentadas no marco do Moves III_2025 aquelas solicitudes rexistradas na aplicación informática do Moves III a partir do 1 de xaneiro de 2025. Estas solicitudes serán incorporadas automaticamente ao novo programa sen necesidade de realizar ningún trámite adicional por parte da persoa solicitante, mesmo nos casos en que tiveran sido inadmitidas no Moves III por terse presentado fóra de prazo.

Artigo 7. Xustificación

1. O prazo máximo de xustificación das actuacións finaliza o 31 de decembro de 2026.

2. Para subvencións concedidas por importe inferior a cen mil (100.000) euros e de maneira opcional, poderá entregarse, por ter carácter de documento con validez xurídica para a xustificación da subvención, unha conta xustificativa simplificada segundo o previsto no artigo 75 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado por Real decreto 887/2006, do 21 de xullo. Se se fai entrega desta conta xustificativa simplificada, no caso do programa de incentivos I estará exento da obrigación de achegar a documentación xustificativa de factura e xustificante de pagamento.

A conta xustificativa conterá a información que figura no artigo 75.2 do Regulamento da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

3. A fase de xustificación das axudas rexirase polo disposto nos artigos 19 e 20 da Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 (publicada no DOG nº 149, do 5 de agosto) e nas súas modificacións posteriores.

Artigo 8. Réxime xurídico

1. Para o non previsto na presente resolución estarase ao disposto na Resolución do 26 de xullo de 2021, publicada no DOG nº 149, do 5 de agosto, e as súas modificacións posteriores.

2. As axudas convocadas nesta resolución quedan exentas das obrigas e requisitos específicos establecidos para a xestión e o control de fondos do Mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia, tal e como recolle a Resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021.

Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2025

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia

Anexos:

Anexo I: Solicitude de Adhesión de Entidades colaboradoras.

Anexo I Bis: Renuncia da entidade colaboradora á adhesión ó Moves III.

Anexo II: Convenio de adhesión.

Anexo III: Formulario de solicitude de axuda.

Anexo IV: Documentación de representación.

Anexo V: Declaración compromisos de execución de agrupacións.

Anexo VI: Renuncia.

Anexo VII: Solicitude de modificación do proxecto.

Anexo VIII: Solicitude de pagamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a entidade colaboradora ___________para a xestión das subvencións do programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos/2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, correspondente ao programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III) para as anualidades 2025 e 2026

Santiago de Compostela, ____ de _________ de ______

Dunha parte, a directora do Inega, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle confire o artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 212, do 8 de novembro) e polo Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado mediante Resolución de 8 de abril de 1991 da Consellería de Economía e Facenda.

Da outra parte___________________________________, con NIF_____________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________________________ con NIF/CIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Inega acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para a tramitación das axudas para o programa estatal de incentivos a mobilidade eléctrica (programa Moves III_2025), estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Inega e os beneficiarios das axudas que se convoquen para a actuación 1. Adquisición de vehículos eléctricos. 2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre o Inega e a entidade ________________________________________ de acordo coa Resolución do 26 de xuño de 2025, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III_2025) para as anualidades 2024 e 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. ____, de ___ de _______ de ___).

Esta colaboración rexerase polo establecido na Resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021 (códigos de procedemento IN421Q e in421R) agás naqueles aspectos que se dispoñan expresamente na resolución nomeada no parágrafo anterior.

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade ______________________________________________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 6.1 e 6.4 da Resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), que acredita o cumprimento dos requisitos para a xestión das subvencións da actuación 1. Vehículos eléctricos/actuación 2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas na mencionada resolución.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia hasta o de 30 de xuño de 2027.

Cuarta. Obrigacións da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais da o establecido no artigo 6.4.a da resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante o Inega das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos na convocatoria das axudas para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así coma, a idoneidade da documentación que se lles esixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións tal e como se recolle na convocatoria das axudas.

– Vender, xestionar e instalar ao solicitante da axuda, no marco da iniciativa, so os equipos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

– Comunicarlle ó Inega calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo a protección da persoa física no que respecta o tratamento dos datos persoais e a libre circulación de estes datos e as normas que o desenvolvan.

– Atoparse sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Atoparse ao día no pago das obrigacións coa Facenda Pública do Estado, da Administración autonómica así como coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de tres anos desde a súa concesión.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 6.4.b) da Resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R), a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido da convocatoria destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Que ten o domicilio social ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 6.1 da resolución.

– Que consinte expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Inega segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.

– Que non se atopa incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará ó Inega calquera variación que poida ocorrer nos datos recolleitos nos documentos presentados.

– Que autoriza ao órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación ao NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza ao órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesourería da Seguridade Social e coa Facenda da administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día coas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigas do Inega

– Facilitar a entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na paxina web do Inega (www.inega.gal) unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación polos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes, realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora atópase obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida na convocatoria das axudas, así como a comprobar a mesma e a gardar a mencionada documentación durante un período de tres anos desde a concesión da axuda.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas na convocatoria das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará a disposición do Inega e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado e da Comunidade Europea.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións, son os que se especifican nos artigo 6.4 da Resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, na forma prevista no artigo 18 da Resolución da Dirección do Inega do 26 de xullo de 2021 (códigos de procedemento IN421Q e IN421R, tendo como prazo máximo para xustificar ata o 31 de decembro de 2026.

Undécima. Causas de resolución

Son causas de resolución de este convenio entre o Inega e a entidade colaboradora, o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará o Inega, detectásese que a entidade colaboradora incumprise algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativa, quedando fora do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público; sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que puidesen presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; na Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia. Así como no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria están financiadas con fondos procedentes do programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III_2025 estarán sometidas ó disposto no Real decreto lei 3/2025, do 1 de abril, para contribuir á descarbonización do sector do transporte. Este real decreto vincula o novo Moves III_2025 ao seu predecesor, o Moves III xa regulado por Real decreto 266/2021, do 13 de abril, polo que se regula o programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III) e onde se establecen as bases reguladoras das axudas a actuacións de apoio a mobilidade baseada en criterios de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso da enerxía eléctrica, incluída a disposición de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

(Firma)

O director do Inega

Pablo Fernández Vila

(Firma)

Pola entidade colaboradora,

Representante legal de ________

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file