DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 30 de xuño de 2025 Páx. 36522

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións e fondos edificables das parcelas C e D1, zona verde e rede viaria da UA 5, na rúa do arcebispo Malvar e rúa fonte da Moureira. 2024/ESTDETALLE/000002.

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 19.5.2025, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Resolver as alegacións formuladas no proceso de información pública e oficial subsecuente á aprobación inicial do estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións e fondos edificables (parcelas C e D1, zona verde e rede viaria da UA5) unidade de actuación núm. 5 do PXOM (avenida do Uruguai e rúas Galera, Arcebispo Malvar e Fonte da Moureira) Pontevedra (...), ao abeiro das motivacións contidas nos informes do equipo redactor (...) ás que prestou conformidade a arquitecta municipal xefa da OTPXU no informe do 13.2.2025 (...) e consonte o que motiva na fundamentación xurídica deste acordo, ao constatarse a adaptación do estudo de detalle ás previsións do planeamento que desenvolve e á súa normativa de aplicación, sen menoscabar os dereitos adquiridos, incluídos os de paso e servidumes de luces e vistas das persoas propietarias lindeiras co ámbito, sen alterar as rasantes ou incrementar o aproveitamento que outorga ás parcelas de resultado C e D1 o PERI e instrumento de equidistribución aprobados, sen xerar medianeiras vistas, sen reducir as dimensións de patios con servidumes preexistentes, e que se aproba para garantir a continuidade da aliñación da vía de nova apertura coas edificacións existentes fóra do polígono e permitir a materialización dos aproveitamentos correspondentes ás referidas parcelas de resultado.

Segundo. Prestar aprobación, con carácter definitivo, ao proxecto denominado Estudo de detalle reaxuste de aliñacións e fondos edificables (parcelas C e D1, zona verde e rede viaria da UA_5) (36038_ED_UA5_202409_AD), redactado (...) (Espinosa & Rodríguez Architects Projects Manager, S.L.P.), co contido e formato adaptado ao disposto nas normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia; instrumento urbanístico formulado por Arqura Hoimes, Fondos de Activos Bancarios (...), que tivo entrada no Rexistro Xeral do Concello de Pontevedra o 19.3.2025, baixo os números 2025013479, 2025013481, 2025013482 e 2025013484, e conformado pola arquitecta municipal da OTPXU o 8.4.2025, e ao cal se incorporan, como parte integrante deste, os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, pola Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia e polo Servizo Provincial de Costas, da Dirección Xeral da Costa e do Mar da Secretaría de Estado de Medio Ambiente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, de datas 25.2.2025, 28.10.2024 e 20.11.2024, respectivamente.

Terceiro. Dispor a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle no Diario Oficial de Galicia, con indicación expresa de que o seu contido íntegro estará á disposición do público na sede electrónica do Concello de Pontevedra sede.pontevedra.gal

Unha vez publicado o anuncio no Diario Oficial de Galicia, o instrumento de planeamento definitivamente aprobado será inscrito no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, por petición deste Concello, para o que se remitirá un exemplar en formato dixital, debidamente dilixenciado pola Secretaría do Pleno.

Ademais de no Diario Oficial de Galicia e na sede electrónica, o acordo será publicado, xunto co índice de documentos e planos, unha vez recibido o certificado de inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, para lograr a súa eficacia e efectividade.

Cuarto. Notificar este acordo individualmente a todas aquelas persoas que formularon alegacións durante o período de información pública subsecuente á aprobación inicial do estudo de detalle –ás que se lles remitirán tamén os informes que serven de base, como resposta razoada, á resolución das alegacións que se conteñen neste acordo–, así como a todas aquelas que figuren como interesadas ou constituídas en parte no expediente, con ofrecemento dos recursos procedentes e con comunicación expresa á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas da Xunta de Galicia e ao Servizo Provincial de Costas da Dirección Xeral da Costa e do Mar da Secretaría de Estado de Medio Ambiente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. (...)».

O que se fai público para a súa executividade, significándose que contra o acto de aprobación definitiva do estudo de detalle, que pon fin á vía administrativa, quen se considere lexitimado poderá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, consonte o establecido nos artigos 10.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Así mesmo, infórmase que nestas datas xa está publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta no día de hoxe (http://www.pontevedra.gal/areas/urbanismo-e territorio/planeamento urbanistico/planeamento-de-desenvolvemento/) o contido íntegro do documento aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Pontevedra, en cumprimento do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 29 de maio de 2025

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde