Exposición de motivos
As cámaras de comercio, industria e navegación son corporacións de dereito público con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que se configuran como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, sen menoscabo dos intereses privados que perseguen.
A súa regulación básica recóllese na Lei 4/2014, do 1 de abril, básica das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación, desenvolvida polo Real decreto 669/2015, do 17 de xullo, e, no ámbito autonómico a súa regulación atópase na Lei 5/2004, do 8 de xullo, de cámaras oficiais de comercio, industria e navegación de Galicia.
A Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Ferrol (en liquidación) que viña rexistrando resultados negativos durante os exercicios 2009 e 2010, viuse profundamente afectada pola entrada en vigor do Real decreto lei 13/2010, do 3 de decembro, de actuacións no ámbito fiscal, laboral e liberalizadoras para fomentar o investimento e a creación de emprego, que suprimiu tanto o denominado recurso cameral permanente, a súa principal fonte de ingresos, como a obrigatoriedade de adscrición á institución por empresas, profesionais e empresarios.
A caída de ingresos afectou a propia actividade ordinaria da institución cameral ferrolá, ata o punto de impedirlle o exercicio das funcións e as prestacións de servizos que legalmente tiña atribuídas; tamén o desenvolvemento doutras actividades que lle facilitasen a xeración dun nivel de recursos alternativo e estable que mitigase os efectos das continxencias anteriormente descritas, dando unha resposta positiva ao novo escenario ao que se enfrontaba.
Por maior abastanza, as dificultades económico-financeiras da institución confluían coa asunción de importantes compromisos de investimento para construír un edificio de usos múltiples no porto exterior de Ferrol e tamén cunha prolongada crise no seu goberno e xestión. Todas estas circunstancias motivaron, finalmente, a dimisión en bloque, en novembro de 2013, dos membros do Pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol (en liquidación).
Con data do 28 de xaneiro de 2014, a Dirección Xeral de Comercio, en cumprimento do artigo 25 da Lei 3/1993, do 22 de marzo, e do artigo 61 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, ditou resolución pola que designaba unha comisión xestora para a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Ferrol (en liquidación) ante a imposibilidade de funcionamento normal dos seus órganos de goberno, tras as baixas producidas dos membros do Pleno, incluída a do seu propio presidente.
Tras a tramitación do preceptivo proceso electoral, a Dirección Xeral de Comercio, pola Resolución do 4 de setembro de 2014, convocou eleccións para a renovación do Pleno da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Ferrol (en liquidación), ás cales non se presentou ningunha candidatura. Por este motivo, de acordo co establecido nos artigos 62 e 63 da Lei 5/2004, do 8 de xullo, a Dirección Xeral de Comercio, como órgano tutelante, o 16 de outubro de 2015 ditou a Resolución pola que se iniciaba o procedemento de disolución da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación de Ferrol (en liquidación), e designou como administrador independente a mercantil Landwell-Pricewaterhousecoopers Tax & Legal Services, S.L. (actualmente, PricewaterhouseCoopers Tax & Legal, S.L.), á cal se lle atribuían as funcións previstas no artigo 64 da mesma lei (Diario Oficial de Galicia núm. 199, do 19 de outubro).
Unha vez determinados o inventario de activos e a relación de créditos e acredores, a Dirección Xeral de Comercio ditou a Resolución do 11 de xaneiro de 2016 pola que se iniciaba a fase de liquidación (Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 27 de xaneiro), de acordo co disposto no artigo 65 da Lei 5/2004, do 8 de xullo.
Recibido o correspondente informe e balance final de liquidación, expedido o 15 de outubro de 2021 polo administrador independente (PricewaterhouseCoopers Tax & Legal, S.L.), a Administración tutelante propuxo a adopción deste acordo en aplicación do previsto nos artigos 65.2 e 66 da Lei 5/2004, do 8 de xullo.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día trinta de xuño de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Primeiro. Aprobar o informe completo de liquidación e o balance final presentados pola persoa xurídica administradora independente, PricewaterhouseCoopers Tax & Legal, S.L., do 15 de outubro de 2021.
Segundo. Declarar a extinción da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Ferrol (en liquidación), de acordo co previsto no artigo 66.1.b) da Lei 5/2004, do 8 de xullo.
Terceiro. Ao non existir bens e dereitos resultantes do procedemento de liquidación, non procede realizar pronunciamento ningún sobre o seu destino.
En ningún caso poderá asumirse nin derivar do procedemento de liquidación e extinción da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Ferrol (en liquidación) ningunha obriga para a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e non poderá quedar directa ou indirectamente vinculada polos saldos debedores derivados da liquidación, dos cales responderá exclusivamente o patrimonio da Cámara extinguida, todo iso en aplicación do artigo 58.3 da Lei 5/2004, do 8 de xullo.
Catro. Que a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña asuma con carácter definitivo as funcións da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Ferrol (en liquidación), definidas no artigo 4 de Lei 5/2004, do 8 de xullo, a cal non quedará, directa ou indirectamente, vinculada polos saldos debedores da Cámara extinguida, en aplicación do artigo 65.2 da mencionada lei.
O exercicio destas funcións non implicará para a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, en ningún caso, a asunción de ningunha responsabilidade, nin principal nin subsidiaria, en relación cos dereitos e obrigas derivados das actuacións realizadas pola Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Ferrol (en liquidación).
Quinto. Modificar o ámbito territorial da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación da Coruña, que se estenderá, ademais de aos municipios que actualmente integran a súa demarcación, aos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior.
Disposición derradeira primeira. Efectos
Este decreto producirá efectos o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
